0

31 de maio: Día Mundial Sen Tabaco 2017

Día Mundial sen Tabaco

“O tabaco é unha ameaza para todos” é o lema da Organización Mundial da Saúde.

Con ocasión do Día Mundial Sen Tabaco 2017, a OMS recorda a ameaza que representa este produto para o desenvolvemento dos países e fai un chamamento aos seus gobernos para que apliquen medidas firmes de control do tabaco, como a prohibición de comercializalo e publicitalo, a promoción do empaquetado neutro dos produtos que o conteñen, o aumento dos impostos especiais e a prohibición de fumar en espazos públicos pechados e lugares de traballo.

O tabaco é un dos principais factores de risco cerebrovascular; é dicir, que o seu consumo está directamente relacionado coa posibilidade de ter un ictus. O ictus é a primeira causa de morte en Galicia, e a segunda no conxunto do Estado -a principal contando só ás mulleres-. Ademais, é o principal causante do dano cerebral adquirido, no 78% dos casos.

FEGADACE anima a seguir as recomendacións da Organización Mundial da Saúde para “Liberarse do Tabaco”.

0

Investigan que comida dispara os infartos, os ictus e a diabetes

Selección de froitos roxos

Un estudo tenta axudar a identificar as prioridades en saúde pública e a planificar as estratexias para modificar os hábitos dietéticos e mellorar a saúde.

As enfermidades cardiovasculares son, con preto de 17,5 millóns de decesos anuais, a primeira causa de mortalidade en todo o mundo. Esta cifra acada proporcións aínda maiores cando aos decesos cardiovasculares se lles suman os causados polas patoloxías metabólicas, moi especialmente pola diabetes tipo 2.

É importante, por iso, adoptar uns hábitos de vida saudables, caso sobre todo de seguir unha dieta adecuada. De feito, como mostra un estudo levado a cabo por investigadores da Universidade Tufts en Boston (EE.UU.), o consumo subóptimo de alimentos foi responsable de preto da metade de todas as mortes ocasionadas polas enfermidades coronarias, os ictus e a diabetes tipo 2 en Estados Unidos no ano 2012.

“Os nosos achados deben axudar a identificar as prioridades en saúde pública e a planificar as estratexias para modificar os hábitos dietéticos e mellorar a saúde”, comentou Renata Micha, directora desta investigación.

Os hábitos dietéticos teñen un papel fundamental sobre a aparición e progresión de moitos factores de risco das enfermidades cardiovasculares e metabólicas. Ou o que é o mesmo, das enfermidades cardiometabólicas. Así o demostraron infinidade de estudos desenvolvidos nas últimas décadas.

As froitas, as verduras, as noces e outros tipos de froitos secos, os cereais integrais, as carnes vermellas non procesadas, as carnes procesadas, as bebidas azucradas, os ácidos poliinsaturados, os ácidos graxos omega-3 procedentes do peixe, e o sodio son alimentos que, para ben e para mal, inciden no risco de doenzas cardio e cerebrovasculares.

De acordo cos resultados, en 2012 rexistráronse en Estados Unidos un total de 702.308 decesos en adultos atribuíbles ás enfermidades cardiometabólicas. E das mesmas, ata un 45% (318.656 falecementos) foron causadas por un consumo subóptimo dos 10 alimentos e nutrientes referidos, ben sexa por unha inxesta insuficiente dos saudables ou por un exceso daqueles máis insalubres.

“No referente ao sexo, estímase que a mortalidade asociada aos hábitos dietéticos foi proporcionalmente maior nos varóns que nas mulleres, un achado que é consistente cos, polo xeral, hábitos dietéticos menos saudables na poboación masculina”, concluíu.

*Información e imaxe tiradas de Hechos de Hoy.

2

Jocomunico: unha APP que ‘traduce’ pictogramas a frases en linguaxe natural

Interfaz da APP Jocomunico.

Jocomunico é unha aplicación para ordenadores, móbiles e tabletas que permite a persoas sen comunicación oral, con parálise cerebral ou outras discapacidades, expresarse normalmente ao traducir os conxuntos de pictogramas seleccionados en linguaxe natural, permitindo así a comunicación espontánea e ata o uso de tempos verbais ou de distintos tipos de expresión, como preguntas, imperativos ou desexos.

A aplicación, desenvolvida en tan só seis meses, contou coa participación de diversas persoas con parálise cerebral da Fundación Prodis Tarrasa (pertencente ao movemento ASPACE), encargadas de probar e avaliar a aplicación durante tres meses, o que permitiu lanzar a aplicación con todas as súas funcionalidades adaptadas ás necesidades do colectivo.

A aplicación é gratuita e pode descargarse en www.jocomunico.com, estando dispoñible tanto para móbiles Android como iOS. Ademais ten a posibilidade engadida de poder executarse a través dun navegador, o que permite ter a aplicación sincronizada en todos os dispositivos. Desta forma, os comunicadores personalizados de cada usuario, así como as súas preferencias e configuracións estarán sempre dispoñibles aínda que cambie de dispositivo.

Jocomunico conta con teclado por varrido (ou escaneo) para que poida ser manexada por aquelas persoas con menor mobilidade a través de botóns adaptados (e outros periféricos), permitindo así que non sexa necesario facer uso da pantalla do dispositivo. Ademais pódense configurar frases e almacenalas para o seu uso posterior; así mesmo conta cun sistema de predicción de pictogramas, podendo, ademais, gardarse aqueles máis usados como favoritos.

A importancia desta aplicación é dobre, primeiro porque as oracións que escoita o receptor da mensaxe son perfectamente comprensibles e en linguaxe cotiá e natural, e segundo porque permite ás persoas con discapacidade ‘redactar’ as súas frases no momento, e non levalas fixadas con antelación, o que posibilita a espontaneidade da linguaxe.

*Información extraída da páxina web de ASPACE.

0

Os pacientes con diabetes tipo 2 deben pasear 10 minutos tras cada comida

Azucre e insulina

Un paseo de só 10 minutos tras cada comida principal, isto é, tralo almorzo, o xantar e a cea, axuda aos pacientes con diabetes tipo 2 a reducir os seus niveis de azucre en sangue. Así o mostra un estudo levado a cabo por investigadores da Universidade de Otago en Dunedin (Nova Zelanda) e publicado na revista Diabetologia.

En palabras do doutor Andrew Reynolds, director do estudo, “os nosos resultados mostran que, comparados fronte a aqueles que realizaron un paseo en calquera momento do día, os pacientes con diabetes tipo 2 que pasearon xusto despois de cada comida experimentaron unha disminución media do 12% dos seus niveis de glucosa postprandial”.

Mellor control da diabetes

O obxectivo do estudo foi avaliar se camiñar tras cada comida conleva algún beneficio no control da diabetes tipo 2. E, para iso, seguindo a recomendación de practicar todos os días 30 minutos de actividade física de intensidade moderada, os 41 pacientes participantes no estudo dividíronse en dous grupos: un primeiro grupo no que tiñan que seguir o consello de realizar un paseo diario de 30 minutos; e un segundo grupo no que esta media hora se dividía en tres paseos de 10 minutos a realizar tras cada comida principal.

Concluído o período de dúas semanas de estudo, os resultados mostraron que pasear só 10 minutos tras cada comida conleva unha redución promedio do 12% dos niveis de glucosa postprandial.

Como indica o doutor Reynolds, “a maioría do beneficio derivou da redución, certamente significativa, do 22% nos niveis de glucosa en sangue cando o paseo se levou a cabo tralas ceas, que foron as comidas con maior cantidade de carbohidratos”.

Por todo iso, conclúe o director do estudo, “as actuais guías de práctica clínica deberían ser modificadas para especificar a actividade postprandial, especialmente cando as comidas conteñen unha cantidade considerable de hidratos de carbono”.

*Información extraída de Somos Pacientes e imaxe de Pixabay con licenza CC0.

0

Presentado o videoxogo accesible BocciAPP

Captura do videoxogo BocciAPP

A Fundación Universidade de Oviedo e a Fundación Vodafone organizaron en Oviedo, no mes de decembro, a Xornada ‘Conectados pola Accesibilidade’, un punto de encontro no que se presentaron distintos proxectos que mostran como as novas tecnoloxías poden contribuír a eliminar barreiras e permitir a persoas con parálise cerebral participar dun xeito máis activo na nosa sociedade.

Durante a xornada realizouse a presentación e demostración en directo do novo videoxogo accesible BocciAPP. Esta aplicación, desenvolvida por Wildbit Studios, que simula o xogo orixinal de boccia, é gratuíta e accesible para persoas con parálise cerebral grazas ao uso de pulsadores. Foi promovida pola Fundación Vodafone España coa colaboración da Fundación da Universidade de Oviedo e a Confederación ASPACE.

A aplicación pódese descargar en Google Store.

Ademais, ASPACE Asturias presentou o proxecto ‘TvPC á Carta’, unha iniciativa na que persoas con parálise cerebral únense para crear un blog e unha canle de contido audiovisual no que eles son os actores principais. Todas as persoas implicadas no proxecto desenvolven as funcións propias dun equipo de televisión e xeran contidos de interese que fomenten a visibilidade da parálise cerebral.

Pola súa banda, ASPACE Xixón compartiu a experiencia ‘ASPACEChef’, un taller de cociña adaptado ás necesidades, competencias e posibilidades das persoas con parálise cerebral.

*Información extraída da páxina web da Fundación Vodafone.

0

A Generalitat impulsa un videoxogo para informar aos nenos sobre o ictus

Mando de videoxogo.

Os departamentos de Saúde e de Ensino da Generalitat de Catalunya impulsaron unha campaña de información e concienciación sobre a enfermidade do ictus baseada nun videoxogo e dirixida aos nenos.

A campaña, que se desenvolverá nos centros educativos e que conta co apoio da Fundación Ictus, ten o obxectivo de que os alumnos “aprendan dun xeito ameno que é un ictus e que saiban que se pode previr, evitar e tratar”, segundo a Generalitat.

O videoxogo, que se chama “¿Te la juegas?”, consta de diferentes etapas que “axudan a entender” como “funciona o cerebro”, que é o ictus e como actuar perante un caso.

A campaña tamén incide na discapacidade que ás veces segue ao ictus, e na percepción dos nenos sobre as persoas afectadas, xa que “aínda que a discapacidade pode alterar moito a vida da persoa, é importante” valorar as “capacidades que non están afectadas”.

O videoxogo ensina aos alumnos como identificar un ictus, dado que as consecuencias do ataque dependen da rapidez coa que se actúe, unha actuación que os nenos “son perfectamente capaces” de facer.

O ictus é a primeira causa de morte nas mulleres e a terceira nos homes de Catalunya, e supón máis de 13.000 ingresos hospitalarios ao ano.

O 13% das persoas afectadas morre por culpa da enfermidade, e aproximadamente o 45% do resto sufrirá algún tipo de discapacidade motora, sensitiva ou cognitiva.

*Información extraída de Plataforma por el DCA e fotografía de Pixabay con licenza CC0.

0

As farmacias coruñesas implícanse para concienciar sobre o ictus

Cartel cos síntomas de alarma do ictus.

A Consellería de Sanidade puxo en marcha o Plan Ictus Galicia, que ten como obxectivo divulgar cuestións básicas sobre o ictus e tratar de previr as súas consecuencias. Dentro deste plan, acordouse que as farmacias coruñesas exhiban carteis informativos. A idea é que a concienciación sobre o ictus sirva para aumentar o número de pacientes que reciben atención especializada urxente, aumentar o número de tratamentos trombolíticos, reducir os tempos entre os síntomas e o inicio do tratamento e incrementar o número de pacientes tratados en menos de 4,5 horas, así como reducir os ingresos hospitalarios.

Como se pode ver no cartel que mostran as farmacias, o eixe de prevención céntrase á hora de divulgar os síntomas en tres F (Fala, Forza e Faciana) que se refiren respectivamente a se o paciente é incapaz de dicir correctamente algunhas palabras simples, se non pode elevar os dous brazos á mesma altura durante dez segundos ou cando sorrí sen mostrar todos os dentes.

Perante algún dos síntomas anteriormente citados o protocolo de actuación inclúe chamar ao 061 e explicar os síntomas, trasladar ao paciente ao hospital para valorar o seu estado e contactar co Centro de Atención ao Ictus para dar soporte técnico ao centro hospitalario que estea realizando a intervención.

Información extraída de Diariofarma.

0

Coloquio ‘Ictus en primeira persoa’

Cartel que anuncia o coloquio polo Día do Ictus

‘Ictus en primeira persoa’ é o título do coloquio que FEGADACE organiza o día 29 de outubro, e no que se vai tratar a doenza desde tres puntos de vista diferentes: o médico, o da familia, e o da propia persoa. FEGADACE organiza esta charla, na que tamén se vai introducir o Plan Ictus do Sergas, con motivo do Día Mundial do Ictus.

O coloquio vai ter lugar no Auditorio de Afundación da rúa do Vilar, 19, en Santiago de Compostela, de 12:30 a 13:30 hh., o sábado 29 de outubro.

En primeiro lugar, o coordinador de Urxencias do CHUAC e vicepresidente de SEMES Galicia, José Manuel Fandiño, vai facer unha breve introdución sobre o funcionamento do Código Ictus (que é o nome que recibe o mecanismo de atención de emerxencias) e unha presentación do Plan Ictus, proxecto de sensibilización e prevención do accidente cerebrovascular da Consellería de Sanidade.

A continuación, o achegamento ao ictus farase desde unha perspectiva máis persoal, reunindo tres puntos de vista. Susana Arias, neuróloga da Unidade de Ictus do CHUS e membro da Sociedade Galega de Neuroloxía (SGN), vai falar sobre a parte clínica. Fernando Galdo, membro da Xunta Directiva de ADACE e coidador da súa nai, vai falar da súa experiencia como familiar dunha persoa que tivo un ictus. Por último, Juan Luis Delgado, directivo de ADACECO, vai expoñer a súa propia experiencia durante e despois do ictus.

Outras actividades polo Día do Ictus

Ademais do amplo programa de conmemoracións polo Día do Dano Cerebral de FEGADACE e das súas asociacións, a Federación organiza actividades específicas polo Día do Ictus.

0

A OMS lanza a iniciativa ‘Corazóns globais’ para loitar contra as enfermidades cardiovasculares

Maqueta dun corazón humano.

Con esta campaña, a Organización Mundial da Saúde busca previr as máis de 17 millóns de mortes que causan estas patoloxías no mundo.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) lanzou, con motivo da celebración da Asemblea Xeral da ONU, a iniciativa ‘Corazóns globais’ que ten como obxectivo loitar contra as enfermidades cardiovasculares, incluíndo os ataques cardiacos e accidentes cerebrovasculares.

Cada ano estas patoloxías provocan a morte de 17 millóns de persoas en todo o mundo, como consecuencia, en moitas ocasións, de estilos de vida pouco saudables como, por exemplo, o tabaquismo, o consumo de alimentos con demasiado sal ou o sedentarismo. Unhas mortes que, ademais, poderían tamén evitarse se se mellorase o acceso á atención sanitaria e, especialmente, ás probas de presión arterial e colesterol, entre outras.

Perante isto, ‘Corazóns globais’ pretende ampliar a prevención e o control das enfermidades cardiovasculares en todo o mundo e, en especial, nos países en desenvolvemento. Para iso, conta co apoio dos Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC) de Estados Unidos, a Federación Mundial do Corazón, a Organización Mundial do Ictus, a Sociedade Internacional de Hipertensión e a Liga Mundial da Hipertensión.

“Esta iniciativa pode aforrar moitos millóns de vidas mediante o aumento gradual das medidas que xa se demostou que son eficaces na prevención das enfermidades cardiovasculares como, por exemplo, aumentar os impostos sobre o tabaco, reducir o sal dos alimentos e fortalecer os sistemas de Atención Primaria. De feito, o uso destas iniciativas permitiu reducir en máis dun 40% a mortalidade por estas patoloxías nos Estados Unidos e nun 80% entre os homes de Finlandia”, asevou a directora xeral da OMS, Margaret Chan.

Tres paquetes de acción

En concreto, ‘Corazóns globais’ conta con tres paquetes: ‘Shake’, un conxunto de exemplos de políticas baseadas en probas científicas para reducir o consumo de sal entre a poboación; ‘Corazóns’, que conta con ferramentas para mellorar o tratamento destas enfermidades nos servizos de Atención Primaria e reducir os niveis altos de presión arterial e colesterol; e ‘Mpower’, que inclúe seis medidas para axudar aos países a aplicar as directrices do Convenio Marco para o Control do Tabaco.

Así mesmo, ademais destes paquetes, a OMS vai proporcionar aos gobernos apoio técnico para implementar e ampliar as intervencións para reducir a presión arterial e previr os ataques cardiacos e accidentes cerebrovasculares.

Estas actividades inclúen o desenvolvemento de protocolos simplificados e normalizados de xestión, a mellora do acceso aos medicamentos e tecnoloxías, o desenvolvemento de plans de control do tabaco ou o seguimiento da implantación das medidas.

“Reducir a demanda dos produtos de tabaco e do sal nos alimentos pode axudar a millóns de persoas a evitar mortes innecesarias e a aparición de patoloxías cardiovasculares. Ademais, pode axudar a aforrar custos aos gobernos con recursos limitados”, apostilou o director da OMS para a Prevención das ENT, Douglas Bettcher.

‘Corazóns globais’ poñerase en marcha inicialmente en Barbados, Colombia, Etiopía, India, a República Islámica do Irán, Xordania, Nepal, Nixeria, Filipinas, Tailandia, Taxikistán e Uganda, aínda que estará aberta a todos os países que desexen participar.

Información e imaxe extraídas do Heraldo de Aragón.

0

As mulleres con exceso de peso teñen un risco moito maior de ictus isquémico

Radiografía dun cerebro despois dun ictus.

Pola contra, o sobrepeso ou obesidade podería ter á súa vez un efecto protector fronte ao ictus hemorráxico na poboación feminina.

En torno a un 13% da poboación adulta mundial -ou o que é o mesmo, máis de 600 millóns de persoas- e ata un 21,6% dos adultos españois padecen obesidade, enfermidade que lonxe de supoñer un mero problema estético asóciase a patoloxías tan graves e mortais como a diabetes, o cancro e as enfermidades cardiovasculares. De feito, un novo estudo levado a cabo por investigadores da Universidade de Oxford (Reino Unido) alerta que as mulleres con sobrepeso ou obesidade teñen un maior risco de ictus isquémico, o tipo de accidente cerebrovascular máis común e provocado por unha disminución ou obstrucción do fluxo sanguíneo no cerebro -razón pola que anteriormente se denominaba “infarto cerebral”-.

Con todo, o estudo, publicado na revista ‘Neurology’, tamén mostra que o exceso de peso nas mulleres conleva un menor risco de sufrir un ictus hemorráxico, tipo de accidente cerebrovascular que, polo xeral asociado a unha maior mortalidade, prodúcese pola hemorraxia derivada da rotura dun vaso sanguíneo cerebral -antes coñecido como “derrame cerebral”-.

Como indica Gillian Reeves, director da investigación, “no noso traballo atopamos que o risco de ictus isquémico, o tipo máis común de accidente cerebrovascular, atópase incrementado nas mulleres con sobrepeso ou obesidade. Pero, pola contra, o risco de ictus hemorráxico é menor nas mulleres con exceso de peso. Así, os nosos resultados apoian a evidencia crecente de que os distintos tipos de ictus teñen á súa vez diferentes perfís de risco”.

Maior peso, maior risco

Para levar a cabo o estudo, os autores seguiron durante un período de 12 anos a 1,3 millóns de mulleres adultas británicas cunha idade promedio de 57 anos, 20.459 das cales acabaron sufrindo un ictus.

Os resultados mostraron que mentres nas participantes cun peso normal -isto é, un índice de masa corporal (IMC) entre 22,5 e 25 kg/m2- as incidencias de ictus isquémico e de ictus hemorráxico establecéronse, respectivamente, nun 0,7% -2.253 casos nun total de 344.534- e un 0,5% -1.583 casos-, no das mulleres obesas -é dicir, cun IMC igual ou superior a 30 kg/m2- as incidencias foron dun 1% -2.393 ictus isquémicos nun total de 228.274 participantes- e dun 0,4% -910 ictus hemorráxicos-.

Como refiren os autores, “a totalidade da evidencia acumulada nos estudos previamente publicados confirma que os riscos asociados co exceso de peso son consistentemente maiores para o ictus isquémico que para o ictus hemorráxico”.

De feito, os resultados conclúen que cada incremento de cinco unidades no IMC supón un risco un 21% maior de sufrir un ictus isquémico. E así mesmo, que cada aumento das mesmas cinco unidades no IMC conleva, pola contra, un descenso do 12% da probabilidade de padecer un ictus hemorráxico.

Sen efecto protector

Cada ano, máis de 17 millóns de persoas de todo o mundo -e preto de 120.000 españois, maioritariamente mulleres- padecen un ictus. E mentres ata un 30% das persoas que sofren o episodio falece a consecuencia do mesmo, un 40% adquire unha discapacidade grave.

E neste contexto, a tenor dos resultados do novo estudo, o exceso de peso na poboación feminina é un factor de desenvolvemento ou, pola contra, protector, fronte ao ictus? E é que aínda que aumenta o risco de ictus isquémico, diminúe o de ictus hemorráxico. Pero como indica Kathryn Rexrode, do Brigham and Women’s Hospital en Boston (EEUU), nun editorial no mesmo número da revista, “o menor risco de ictus hemorráxico non supón que as mulleres con sobrepeso ou obesidade teñan un risco reducido de ictus en xeral”.

De feito, como puntualiza a especialista, “ter un elevado IMC asociouse cun aumento do risco de ictus total en todas as categorías, e o número de ictus isquémicos foi superior ao de ictus hemorráxicos en todas as categorías. Xa que logo, un maior IMC non se asocia cunha protección ou un risco reducido no ictus total. De feito, a obesidade é un factor de risco significativo de ictus en todas as idades e, moi especialmente, nos adultos novos”.

Información e imaxe extraídas de ABC.