0

Investigan que comida dispara os infartos, os ictus e a diabetes

Selección de froitos roxos

Un estudo tenta axudar a identificar as prioridades en saúde pública e a planificar as estratexias para modificar os hábitos dietéticos e mellorar a saúde.

As enfermidades cardiovasculares son, con preto de 17,5 millóns de decesos anuais, a primeira causa de mortalidade en todo o mundo. Esta cifra acada proporcións aínda maiores cando aos decesos cardiovasculares se lles suman os causados polas patoloxías metabólicas, moi especialmente pola diabetes tipo 2.

É importante, por iso, adoptar uns hábitos de vida saudables, caso sobre todo de seguir unha dieta adecuada. De feito, como mostra un estudo levado a cabo por investigadores da Universidade Tufts en Boston (EE.UU.), o consumo subóptimo de alimentos foi responsable de preto da metade de todas as mortes ocasionadas polas enfermidades coronarias, os ictus e a diabetes tipo 2 en Estados Unidos no ano 2012.

“Os nosos achados deben axudar a identificar as prioridades en saúde pública e a planificar as estratexias para modificar os hábitos dietéticos e mellorar a saúde”, comentou Renata Micha, directora desta investigación.

Os hábitos dietéticos teñen un papel fundamental sobre a aparición e progresión de moitos factores de risco das enfermidades cardiovasculares e metabólicas. Ou o que é o mesmo, das enfermidades cardiometabólicas. Así o demostraron infinidade de estudos desenvolvidos nas últimas décadas.

As froitas, as verduras, as noces e outros tipos de froitos secos, os cereais integrais, as carnes vermellas non procesadas, as carnes procesadas, as bebidas azucradas, os ácidos poliinsaturados, os ácidos graxos omega-3 procedentes do peixe, e o sodio son alimentos que, para ben e para mal, inciden no risco de doenzas cardio e cerebrovasculares.

De acordo cos resultados, en 2012 rexistráronse en Estados Unidos un total de 702.308 decesos en adultos atribuíbles ás enfermidades cardiometabólicas. E das mesmas, ata un 45% (318.656 falecementos) foron causadas por un consumo subóptimo dos 10 alimentos e nutrientes referidos, ben sexa por unha inxesta insuficiente dos saudables ou por un exceso daqueles máis insalubres.

“No referente ao sexo, estímase que a mortalidade asociada aos hábitos dietéticos foi proporcionalmente maior nos varóns que nas mulleres, un achado que é consistente cos, polo xeral, hábitos dietéticos menos saudables na poboación masculina”, concluíu.

*Información e imaxe tiradas de Hechos de Hoy.

Advertisements