0

Investigan que comida dispara os infartos, os ictus e a diabetes

Selección de froitos roxos

Un estudo tenta axudar a identificar as prioridades en saúde pública e a planificar as estratexias para modificar os hábitos dietéticos e mellorar a saúde.

As enfermidades cardiovasculares son, con preto de 17,5 millóns de decesos anuais, a primeira causa de mortalidade en todo o mundo. Esta cifra acada proporcións aínda maiores cando aos decesos cardiovasculares se lles suman os causados polas patoloxías metabólicas, moi especialmente pola diabetes tipo 2.

É importante, por iso, adoptar uns hábitos de vida saudables, caso sobre todo de seguir unha dieta adecuada. De feito, como mostra un estudo levado a cabo por investigadores da Universidade Tufts en Boston (EE.UU.), o consumo subóptimo de alimentos foi responsable de preto da metade de todas as mortes ocasionadas polas enfermidades coronarias, os ictus e a diabetes tipo 2 en Estados Unidos no ano 2012.

“Os nosos achados deben axudar a identificar as prioridades en saúde pública e a planificar as estratexias para modificar os hábitos dietéticos e mellorar a saúde”, comentou Renata Micha, directora desta investigación.

Os hábitos dietéticos teñen un papel fundamental sobre a aparición e progresión de moitos factores de risco das enfermidades cardiovasculares e metabólicas. Ou o que é o mesmo, das enfermidades cardiometabólicas. Así o demostraron infinidade de estudos desenvolvidos nas últimas décadas.

As froitas, as verduras, as noces e outros tipos de froitos secos, os cereais integrais, as carnes vermellas non procesadas, as carnes procesadas, as bebidas azucradas, os ácidos poliinsaturados, os ácidos graxos omega-3 procedentes do peixe, e o sodio son alimentos que, para ben e para mal, inciden no risco de doenzas cardio e cerebrovasculares.

De acordo cos resultados, en 2012 rexistráronse en Estados Unidos un total de 702.308 decesos en adultos atribuíbles ás enfermidades cardiometabólicas. E das mesmas, ata un 45% (318.656 falecementos) foron causadas por un consumo subóptimo dos 10 alimentos e nutrientes referidos, ben sexa por unha inxesta insuficiente dos saudables ou por un exceso daqueles máis insalubres.

“No referente ao sexo, estímase que a mortalidade asociada aos hábitos dietéticos foi proporcionalmente maior nos varóns que nas mulleres, un achado que é consistente cos, polo xeral, hábitos dietéticos menos saudables na poboación masculina”, concluíu.

*Información e imaxe tiradas de Hechos de Hoy.

0

As mulleres con exceso de peso teñen un risco moito maior de ictus isquémico

Radiografía dun cerebro despois dun ictus.

Pola contra, o sobrepeso ou obesidade podería ter á súa vez un efecto protector fronte ao ictus hemorráxico na poboación feminina.

En torno a un 13% da poboación adulta mundial -ou o que é o mesmo, máis de 600 millóns de persoas- e ata un 21,6% dos adultos españois padecen obesidade, enfermidade que lonxe de supoñer un mero problema estético asóciase a patoloxías tan graves e mortais como a diabetes, o cancro e as enfermidades cardiovasculares. De feito, un novo estudo levado a cabo por investigadores da Universidade de Oxford (Reino Unido) alerta que as mulleres con sobrepeso ou obesidade teñen un maior risco de ictus isquémico, o tipo de accidente cerebrovascular máis común e provocado por unha disminución ou obstrucción do fluxo sanguíneo no cerebro -razón pola que anteriormente se denominaba “infarto cerebral”-.

Con todo, o estudo, publicado na revista ‘Neurology’, tamén mostra que o exceso de peso nas mulleres conleva un menor risco de sufrir un ictus hemorráxico, tipo de accidente cerebrovascular que, polo xeral asociado a unha maior mortalidade, prodúcese pola hemorraxia derivada da rotura dun vaso sanguíneo cerebral -antes coñecido como “derrame cerebral”-.

Como indica Gillian Reeves, director da investigación, “no noso traballo atopamos que o risco de ictus isquémico, o tipo máis común de accidente cerebrovascular, atópase incrementado nas mulleres con sobrepeso ou obesidade. Pero, pola contra, o risco de ictus hemorráxico é menor nas mulleres con exceso de peso. Así, os nosos resultados apoian a evidencia crecente de que os distintos tipos de ictus teñen á súa vez diferentes perfís de risco”.

Maior peso, maior risco

Para levar a cabo o estudo, os autores seguiron durante un período de 12 anos a 1,3 millóns de mulleres adultas británicas cunha idade promedio de 57 anos, 20.459 das cales acabaron sufrindo un ictus.

Os resultados mostraron que mentres nas participantes cun peso normal -isto é, un índice de masa corporal (IMC) entre 22,5 e 25 kg/m2- as incidencias de ictus isquémico e de ictus hemorráxico establecéronse, respectivamente, nun 0,7% -2.253 casos nun total de 344.534- e un 0,5% -1.583 casos-, no das mulleres obesas -é dicir, cun IMC igual ou superior a 30 kg/m2- as incidencias foron dun 1% -2.393 ictus isquémicos nun total de 228.274 participantes- e dun 0,4% -910 ictus hemorráxicos-.

Como refiren os autores, “a totalidade da evidencia acumulada nos estudos previamente publicados confirma que os riscos asociados co exceso de peso son consistentemente maiores para o ictus isquémico que para o ictus hemorráxico”.

De feito, os resultados conclúen que cada incremento de cinco unidades no IMC supón un risco un 21% maior de sufrir un ictus isquémico. E así mesmo, que cada aumento das mesmas cinco unidades no IMC conleva, pola contra, un descenso do 12% da probabilidade de padecer un ictus hemorráxico.

Sen efecto protector

Cada ano, máis de 17 millóns de persoas de todo o mundo -e preto de 120.000 españois, maioritariamente mulleres- padecen un ictus. E mentres ata un 30% das persoas que sofren o episodio falece a consecuencia do mesmo, un 40% adquire unha discapacidade grave.

E neste contexto, a tenor dos resultados do novo estudo, o exceso de peso na poboación feminina é un factor de desenvolvemento ou, pola contra, protector, fronte ao ictus? E é que aínda que aumenta o risco de ictus isquémico, diminúe o de ictus hemorráxico. Pero como indica Kathryn Rexrode, do Brigham and Women’s Hospital en Boston (EEUU), nun editorial no mesmo número da revista, “o menor risco de ictus hemorráxico non supón que as mulleres con sobrepeso ou obesidade teñan un risco reducido de ictus en xeral”.

De feito, como puntualiza a especialista, “ter un elevado IMC asociouse cun aumento do risco de ictus total en todas as categorías, e o número de ictus isquémicos foi superior ao de ictus hemorráxicos en todas as categorías. Xa que logo, un maior IMC non se asocia cunha protección ou un risco reducido no ictus total. De feito, a obesidade é un factor de risco significativo de ictus en todas as idades e, moi especialmente, nos adultos novos”.

Información e imaxe extraídas de ABC.

0

As aplicacións para móbiles no control do sobrepeso e a obesidade

Icona dun teléfono móbil dentro dun prato.

Hoxe en día, na medicina estamos a asistir a unha rápida revolución coñecida como saúde móbil (mHealth). Ultimamente, este campo da saúde tivo un gran apoxeo debido á utilización de dispositivos móbiles que axudan no diagnóstico, tratamento e seguimento de certas enfermidades.

A saúde móbil leva camiño de converterse nunha peza fundamental en todos os sistemas sanitarios e, moi probablemente, cambiará todo o habitual e coñecido na información, a educación e a vixilancia das enfermidades crónicas ou os hábitos de vida saudables, nos que as apps terán un importante papel.

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), en 2014 no mundo occidental, ao redor do 13% da poboación adulta padecía obesidade e o 39%, sobrepeso. Perante este contexto, e dada a magnitude do problema, as novas tecnoloxías da información e comunicación especializadas en crear apps para dispositivos móbiles, teñen un amplo mercado, xa que nos poden ofrecer novos enfoques e unha oportunidade potencial de controlar eficazmente o noso peso.

Hoxe en día, hai centos de apps para controlar o adelgazamento, postulándose como unha vía de axuda para controlar o peso, sen esquecer que a obesidade é unha enfermidade crónica cuxo tratamento require cambios profundos no estilo de vida, resultando necesario un recordo constante dos mesmos.

As apps, por si soas, non dan resultado ningún, dado que non impulsan un cambio de hábitos alimenticios e de actividade física, non analizan a causa do problema e a corrixen, nin personalizan a dieta ao usuario e a súa progresión. Ben é certo que as apps poden achegar un reforzo positivo e unha motivación extra, ao acompañarnos cada minuto do día.

Poden ser unha boa ferramenta que complemente o traballo dun profesional da saúde cando paciente e profesional estean familiarizados co seu uso, pero como toda ferramenta debe ser usada correctamente, e debemos ser precavidos á hora de depositar nelas nosa plena confianza.

Pero antes de penetrarnos con fe cega neste novo mundo, habería que preguntarse se existe evidencia científica suficiente que avale que estas novas tecnoloxías poidan ser realmente efectivas para a súa utilización na sanidade.

Hoxe en día, calquera persoa con coñecementos informáticos pode crear unha app e ofrecela ao público e, cando o usuario as busca, pode seleccionalas por temáticas, pero non por fiabilidade ou rigor científico. Por tanto, deberemos informarnos e ter unha actitude crítica cara a elas.

A día de hoxe, son poucos os estudos que avalen con rigor un cambio; tan profundo, dado que non hai aínda evidencia científica que xustifique a eficacia das apps no control do sobrepeso e a obesidade.

É necesaria certa supervisión e análise das novas apps que van aparecendo xa que son moi poucas as que foron creadas por algunha organización relacionada coa saúde, sendo moitas as apps que non funcionan no control do sobrepeso e a obesidade.

A pesar de non existir evidencia científica que xustifique a eficacia das apps, está a apostarse por esta vía tecnolóxica como apoio para reducir quilos e manter o peso, sempre que paciente e médico estean familiarizados con esta alternativa.

Aínda que a maioría destas apps son inocuas para o consumidor, para previr os posibles riscos para a saúde relacionados con estas aplicacións médicas a través de teléfonos móbiles e tabletas, deberán estar sometidas aos mesmos controis e acreditacións que outros dispositivos médicos.

Para que estas apps contribúan á mellora da saúde na nosa sociedade é preciso evitar aquelas que son “copias das dietas milagre” e que se elixan as máis completas, xa que poden ofrecer información nutricional e propostas de exercicio.

*Información extraída do portal Xente con Vida e imaxe de Pixabay con licenza CC0.

0

Comer froita a diario protexe fronte ao infarto e o ictus

Bodegón con plátanos, mazás e peras.

A froita é un dos compoñentes básicos de calquera dieta saudable. Non en balde, contén baixos niveis de sodio e graxas e é unha fonte natural de potasio, fibra, antioxidantes e outras moitas substancias cardiosaudables. O resultado é que o consumo diario de 100 gramos de froita, sobre todo de laranxas e mazás, asóciase cunha diminución moi significativa da mortalidade cardiovascular, moi especialmente por un infarto de miocardio ou un ictus. Así o mostra un estudo levado a cabo por investigadores da Academia de Ciencias Médicas da China en Pequín (China) e publicado na revista The New England Journal of Medicine (NEJM).

Como explica a doutora Huaidong Du, directora do estudo, !a asociación entre o consumo de froita e o risco cardiovascular parece ser maior na Chinesa, onde a maioría da poboación come moi pouca froita, que nos países con maiores recursos económicos, nos que este consumo diario resulta moito máis común”.

Menor mortalidade cardiovascular

No estudo, os investigadores avaliaron ao longo de sete anos do estado de saúde de preto de medio millón de adultos de 10 áreas urbanas e rurais da China que non padecían ningunha enfermidade cardiovascular nin recibían tratamento antihipertensivo no momento da súa inclusión no estudo.

Concluído o período de seguimento, os resultados mostraron que o consumo diario de 100 gramos de froita conlevaba unha diminución de ata un 33% do risco de mortalidade por enfermidade cardiovascular tanto en mulleres como en varóns con independencia do seu lugar de residencia -urbana ou rural-. Ademais, este beneficio resultou independente doutros factores de risco cardiovascular, caso do tabaquismo e dos niveis de presión arterial e de glucosa en sangue.

Tal é así que, como conclúe o doutor Zhengming Chen, co-autor do estudo, “o incremento do consumo de froita fresca na China podería previr cada ano preto de medio millón de mortes por enfermidade cardiovascular, incluídas unhas 200.000 en persoas que aínda non cumpriron os 70 anos, e unha cifra moito maior de infartos e ictus non fatais”.

Un aspecto a ter en conta dado que, como conclúe o doutor Liming Li, co-autor da investigación, “un informe recente sobre a Carga Global das Enfermidades alerta de que o baixo consumo de froita é unha das principais causas de morte prematura no noso país”.

*Información extraída de Somos Pacientes e imaxe de Pixabay con licenza CC0.

0

Reino Unido gravará os refrescos azucrados para combater a obesidade

Botellas de refrescos.

O novo imposto tardará dous anos en implantarse para dar tempo á industria a cambiar a composición das bebidas.

O ministro de Finanzas británico, George Osborne, anunciou que introducirá antes de dous anos un imposto especial aos refrescos azucrados para combater a obesidade. “Introduciremos un novo imposto á industria dos refrescos que será recadado ás empresas e introducido en dous anos para darlles tempo a cambiar a composición” das bebidas, que se converteron “nun dos principais factores da obesidade infantil”, dixo en marzo no Parlamento, durante a presentación do orzamento 2016-2017.

O Reino Unido é un dos países con maiores niveis de obesidade da Unión Europea. Segundo datos do goberno británico de maio do 2015, o 61,9% dos adultos e o 28% dos nenos entre 2 anos e 15 teñen sobrepeso.

O anuncio do imposto fixo caer inmediatamente as accións das empresas fabricantes de refrescos, pero foi recibido con alegría por quen fixo campaña por el. Como o cociñeiro Jamie Oliver, unha estrela televisiva que reclamaba esta medida fai tempo: “¡Lográmolo!”, escribiu na súa conta na rede social Instagram. “As empresas non deben interpoñerse na saúde dos nosos fillos”, dixo o chef.

*Información e imaxe extraídas de La Voz de Galicia.

0

9 hábitos que matan neuronas e afectan á saúde cerebral

Un cerebro e unha neurona de preto.

Para evitar o deterioro cognitivo é moi importante que estimulemos o noso cerebro a diario, ben sexa lendo ou practicando algún xogo mental que nos axude a exercitalo.

Os trastornos que afectan á saúde cerebral adoitan ter a súa orixe en factores hereditarios, na idade ou nalgún tipo de lesión; con todo, está demostrado que hai determinados hábitos que tamén poden estar relacionados, porque matan as neuronas e diminúen a súa actividade.

A saúde cognitiva vai diminuíndo conforme pasan os anos, o que fai que en idades moi avanzadas haxa perda da memoria e máis dificultades para realizar tarefas habituais que antes eran moi simples.

No entanto, hai quen presenta este tipo de problemas en idades máis temperás debido ao deterioro que sofren pola práctica constante de actividades que comprometen a función cerebral.

Pese a que en case todos os casos os efectos non se producen de inmediato, todo o mundo debería ser conscientes de que, a longo prazo, xeran danos que son irreversibles.

Destacando a importancia de manter unha adecuada función neuronal para conservar o bo estado do cerebro, a continuación queremos compartir eses 9 costumes pouco saudables que lles afectan.

1. As situacións estresantes.

Unha persoa que está sometida a constantes situacións de estrés adoita ter máis dificultade para concentrarse e usar as súas habilidades cognitivas.

Isto débese a que esta resposta do organismo mata as neuronas e, nalgúns casos, impide que se formen outras novas no hipocampo.

2. Non almorzar ben.

O almorzo non só desenvolve un papel fundamental no metabolismo e o peso corporal, senón que resulta necesario para activar o cerebro a primeira hora da mañá.

A falta de proteínas, vitaminas e nutrientes no almorzo causa dexeneración cerebral, o que máis tarde causa morte de neuronas pola sobrecarga que se produce durante as actividades da xornada.

3. Durmir pouco.

Unha das consecuencias máis graves de non durmir o suficiente ten que ver co dano cognitivo.

A falta de sono causa perda das células cerebrais e produce efectos daniños a curto, medio e longo prazo.

Por exemplo, tras unha noite con poucas horas de sono é máis difícil concentrarse e desenvolver tarefas que implican pensar. Máis adiante pódese xerar un deterioro maior e poden aparecer trastornos dexenerativos como a demencia.

4. Non practicar actividade física.

O sedentarismo é outro dos malos costumes que carrexan problemas no cerebro. A inactividade do corpo diminúe a segregación de varias substancias químicas importantes e posteriormente tradúcese na perda de habilidades.

Doutra banda, está demostrado que facer exercicio pode cambiar a estrutura e o funcionamento do cerebro, o que inflúe no seu saúde.

5. Ambientes contaminados.

Os ambientes con altos índices de contaminación afectan a aqueles que están expostos de forma directa.

O cerebro é o órgano que máis osíxeno consome e neste tipo de contornas limítase o fornecemento que require.

6. Fumar.

Os tóxicos que despide o tabaco non só teñen un impacto negativo a nivel pulmonar, senón que atacan de forma significativa as funcións cognitivas.

Tanto consumidores directos como fumadores pasivos teñen máis alto risco de sufrir perda da memoria e alzhéimer ao chegar á terceira idade.

7. Comer en exceso.

Inxerir comidas en cantidades esaxeradas provoca a ralentización da circulación e limita o transporte do osíxeno cara ao cerebro.

Se a isto lle sumamos o consumo de alimentos ricos en graxas saturadas, hai que saber que estas aumentan os niveis de colesterol e causan inflamación nos principais tecidos do corpo.

Non moderar as porcións altera a función nerviosa e diminúe a capacidade de memorizar de forma inmediata.

8. Forzar a actividade cerebral cando se está doente.

A maior parte das afeccións causan algún tipo de debilitamento a nivel corporal, incluíndo a capacidade para cumprir as funcións cerebrais.

Traballar, estudar ou facer algunha actividade cognitiva cando se está doente é moi daniño para os seres humanos.

Este hábito diminúe a eficacia deste órgano e acaba coas neuronas responsables de moitas das súas habilidades.

9. Falta de estimulación.

Existen moitas actividades que estimulan cada unha das funcións cerebrais para mantelas en perfecto estado sen importar o tempo que pase.

Ler un libro, practicar xogos mentais ou calquera outra cousa que implique pensar é unha forma de exercitar este órgano para que non desenvolva patoloxías graves.

Ao buscar unha solución para estas prácticas negativas obtense un impacto positivo neste aspecto da saúde.

De forma adicional, é bo ter presente que unha boa alimentación e a realización de rutinas saudables actúa a favor das actividades cognitivas. Non o esquezas!

*Información e imaxe extraídas de Mejor con Salud.

0

Froita e verdura máis baratas, corazón máis san

Neveira chea de froitas e verduras.

Reducir o custo nun 10% dos alimentos saudables, tales como as froitas e as verduras, e, polo contrario, incrementar outro 10% o das comidas menos recomendables, como as bebidas azucradas, axudaría a previr un importante número de falecementos causados por infartos e ictus. De fecho, segundo os expertos, esta dobre medida parece que podería ser máis efectiva que calquera das campañas desenvolvidadas nos últimos 15 anos. Así o afirma un estudo que se acaba de presentar no congreso científico sobre Epidemioloxía e estilos de vida da Asociación Americana do Corazón.

Un grupo de científicos da Escola Friedman de Ciencias e Políticas da Nutrición na Universidade Tufts de Boston (EEUU) e a Facultade de Medicina de Harvard utilizaron modelos informáticos para predicir como varios cambios nos prezos poderían afectar nos hábitos alimenticios e, en consecuencia, na merma das enfermidades cardiovasculares.

Segundo os resultados, de aquí a 2030, a redución do custo dos alimentos máis saudables traduciríase nunha taxa de mortaldade por enfermidades cardiovasculares un 1% menor, o que significaría entre 64.000 e 69.000 mortes menos por estas causas. Cando o modelo predictivo ‘xogaba’ cunha caída de prezos do 20%, o número de falecementos descendía nun 2%, e se era do 30%, nun 2,6%, é dicir, entre 191.000 e 205.000.

Para comparar, apuntan os autores deste traballo, unha campaña que promocione o consumo de froitas e verduras nos medios de comunicación durante un ano é quen de reducir a taxa de mortalidade cardiovascular nun 0,1%, ou o que é o mesmo, entre 7.500 e 8.300 mortes. As estimacións indican que unha campaña destas características que se prolongue 15 anos podería diminuír o número de falecementos nun 0,3% (entre 22.800 e 24.800 mortes).

En definitiva, a campaña informativa sería un 35% menos eficaz que a redución dos prezos para a prevención da mortalidade por enfermidades cardiacas e accidentes cerebrovasculares.

Alimentos máis caros

Doutra banda, o aumento do prezo doutros alimentos que, pola contra, son menos saudables, por exemplo, as bebidas azucradas, tamén ten unha influencia moi positiva na saúde cardiovascular da poboación. Nun periodo de cinco anos, aumentar o custo deste tipo de produtos nun 10% supón un descenso das enfermidades do corazón e os ictus en case un 0,1%. Nun prazo de 20 anos, un 0,12%. Concretamente, os ataques ao corazón poderían diminuír nun 0,25% en ambos marcos temporais e os accidentes cerebrovasculares mermarían nun 0,17% en dúas décadas. Ademais, a diabetes tamén caería nun 0,2% en cinco anos e nun 0,7% en 20 anos.

En conxunto, o modelo informático demostra que para o ano 2035 sería posible previr 515.000 mortes por enfermidades carviovasculares e preto de 675.000 eventos tales como infartos e ictus nos Estados Unidos. “Un cambio na dieta pode ser un reto, pero se se logra a través da elección persoal ou de cambios no mercado, pode ter un efecto profundo na saúde cardiovascular”, sinala Thomas Gaziano, médico, profesor de Saúde Pública en Harvard (Boston) e un dos autores desta investigación.

Estas dúas medidas non só melloran a saúde do corazón, tamén modifican os hábitos alimenticios, o estilo de vida. Datos como estes avalan políticas dirixidas directamente aos prezos. “Os nosos achados apoian a necesidade de aplicar máis ou menos impostos aos alimentos en función do saudables que son”, sentencia outro dos expertos desta análise, Dariush Mozaffarian, médico e decano da Gerald J. Dorothy R. Friedman e a Escola de Nutrición e Ciencias Políticas na Universidade de Tufts.

Varios estados do país norteamericano tiveron en conta xa nas súas políticas estas conclusións, aplicando impostos especiais sobre as bebidas azucradas e eliminándoos da froita ou a verdura. “A mala alimentación contribúe de xeito importante na enfermidade cardiovascular, que é a principal causa de morte en EEUU. Polo tanto, os gobernos deben implementar políticas eficaces para facer fronte a esta carga cada vez maior”, recalca Jonathan Pearson-Stuttard, investigador principal e membro clínico e académico de Saúde Pública no Imperial College de Londres.

*Información e imaxe extraídas de El Mundo.

0

Efectos beneficiosos da froita sobre a saúde

Bol cheo de froita variada.

  • Un consumo suficiente de froitas e verduras podería salvar ata 1,7 millóns de vidas cada ano.
  • As vitaminas, os minerais e os compostos químicos que teñen a froita e as hortalizas son esenciais para a saúde humana.
  • A inxestión de, polo menos, 400 gr de froitas e verduras ao día, compoñentes fundamentais da nosa dieta mediterránea, reduce o risco de ictus a calquera idade.
  • Recoméndase tomar polo menos tres porcións de froita ao día (1 porción = 1 mazá, pera… / 1 cunca de amorodos / 2 toros de melón).

A inxestión insuficiente de froitas e verduras é un dos 10 factores principais de risco de mortalidade a escala mundial.

Calcúlase que a inxestión insuficiente de froitas e verduras causa en todo o mundo aproximadamente un 19% dos cancros gastrointestinais, un 31% das cardiopatías isquémicas e un 11% dos accidentes vasculares cerebrais.

Coñece algo máis sobre as froitas

A cor da froita reflicte a presenza de determinados compoñentes bioactivos con diversos efectos beneficiosos para a nosa saúde. Procura de comer todos os días froitas de cada un dos seguintes grupos de cores:

Froitas clasificadas por cores
A vitamina C é un potente antioxidante e considérase esencial porque o noso corpo non a pode fabricar. O ácido ascórbico é unha das 2 formas de vitamina C que aparece nos alimentos de forma natural. A vitamina C implicouse na prevención de enfermidades como o cancro, a aterosclerose ou o arrefriado común, aínda que non hai resultados concluíntes. O kiwi é a froita, dentro das de consumo habitual en España, que máis vitamina C achega. Tamén son ricos nesta vitamina os amorodos, as laranxas ou o melón. Non esquezas consumir as froitas e os zumes xusto despois de preparalos porque moitas das vitaminas que conteñen como a C poden ser sensibles á luz, a oxidación ou a temperatura.

Os froitos secos pódense considerar aliados contra o colesterol e un puñado diario destes alimentos pode contribuír a “manter a raia ao c-LDL ou colesterol malo”. Ademais, son ricos en proteínas, fibra, vitaminas, minerais e compostos como fitoesterois e antioxidantes.

Para os galegos a mazá, os cítricos, o plátano e a pera son as froitas preferidas e dentro das verduras os grelos, as nabizas, as cebolas e os pementos. A inxestión de froitas diaria en Galicia é superior á media española pero aínda así é inferior ao recomendado.

As vitaminas, os minerais e os compostos químicos que teñen a froita e as hortalizas son esenciais para a saúde humana. Por exemplo:

  • Vitamina A: mantén a saúde da vista e fortalece o sistema inmunolóxico.
  • Potasio: promove o funcionamento do sistema nervioso e dos músculos.
  • Vitaminas do grupo B: axudan a converter os alimentos en enerxía.
  • Ácido fólico: reduce o risco dalgúns defectos conxénitos e contribúe a previr cardiopatías.
  • Vitamina C: incrementa a absorción de calcio e ferro doutros alimentos.
  • Vitamina E: é un potente antioxidante que protexe as células dos axentes canceríxeno.
  • Fibra alimentaria: contribúe ao tránsito a través do aparato dixestivo e a reducir os niveis de colesterol no sangue.
  • Fitoquímicos -como os compostos que dan aos tomates e as cenorias as súas vivas cores-: teñen efectos antioxidantes e antiinflamatorios.

*Información e imaxe extraídas de Xente con Vida.

0

Beber moito alcohol aumenta máis o risco de ictus que a hipertensión

Dous vasos de whisky.

Un bo número de investigacións puxeron sobre a mesa a certeza de que a presión arterial alta e a diabetes poden aumentar o risco de ictus ou accidente cerebrovascular. Agora, un novo estudo descubriu que, nas persoas de mediana idade, o consumo excesivo de alcohol pode ser aínda máis perigoso que estoutros factores.

A investigación, desenvolvida por un equipo de expertos do Centro Internacional de Investigación Clínica do Hospital Santa Ana da Universidade da República Checa, analizou 11.544 xemelgos do mesmo sexo cun seguimento durante 43 anos (ata 2010), durante os que os participantes cumprimentaron cuestionarios sobre a súa dieta e consumo de alcohol e tamén datos sobre a súa presión arterial, tabaquismo, diabetes, e outros riscos para a saúde.

Ao longo deste periodo, case o 30% dos participantes do estudo tivo un derrame cerebral. Dividindo os participantes en grupos dependendo do seu consumo de alcohol, os investigadores descubriron que consumir máis de dúas bebidas alcohólicas ao día durante a mediana idade aumentaba o risco de accidente cerebrovascular nun 34% sen darse o caso en ambos xemelgos idénticos -a non ser que coincidisen na cantidade de alcohol consumida-.

Así, independentemente dos factores xenéticos, o consumo excesivo de alcohol na mediana idade aumenta o risco de accidente cerebrovascular máis que os factores tradicionais de risco como a presión arterial alta e a diabetes: “Agora temos unha idea máis clara sobre estes factores de risco, a forma en que cambian coa idade e como a influencia do alcohol provoca cambios a medida que envellecemos. Para os adultos de mediana idade evitar máis de dúas bebidas alcohólicas ao día podería ser un xeito de previr o accidente cerebrovascular despois de rozar os 60 anos”, aclara Pavla Kadlecová, coautora do estudo.

O equipo publicou os seus achados en Stroke, unha revista da American Heart Association (AHA).

*Información extraída de Muy Interesante e imaxede Pixabay con licenza CC0.

0

Diabetes e ictus: alerta de Nadal

Doces de Nadal, pouco recomendables para previr o ictus.

Cómpre inxerir os doces con moderación para previr o ictus.

A clave non está en asustarse, non pasalo ben e pensar que non hai alternativas. Pola contra, si reside en ser precavidos, poñer limites e estar atentos aos sinais do noso corpo. O Nadal é un periodo en que os excesos, as comidas graxas e os desaxustes horarios son protagonistas indiscutibles. Aquí tes consellos para coidar a diabetes e previr o ictus.

Información e imaxe extraídas de EFE Salud.

Excesos e cambios de rutina. Comidas copiosas, a deshoras, embutido, carnes moi graxas, turróns, mazapáns, polvoróns. Prácticas natalicias nunca boas para a saúde, e coas que hai que ter especial coidado se existen ademais outros factores de risco. Se es diabético, xa tiveches un ictus, ou es un paciente en tratamento de anticoagulación, presta atención a estes consellos. E ten en conta unha cousa: nada debe impedirche pasalo ben se así o desexas.

Nadal e diabetes de tipo 2

  • A campaña ‘É diabetes, tómaa en serio’ recomenda axustar os menús para evitar excesos. Martina Miserachs, dietista-nutricionista, aconsella pratos lixeiros, como un consomé ou unha crema de verduras, e de segundo carnes brancas, peixes, verduras e pan integral. A sobremesa, que sexa froita.
  • A experta destaca que pese aos excesos, é fundamental non saltarse ningunha comida para compensalos.
  • O alcohol, ademais de calórico, pode empeorar o control glucémico. Mellor auga, pero se bebes alcohol, que sexan bebidas fermentadas ou de baixa graduación, e durante as comidas.
  • Non abuses dos doces, pero podes probalos con moderación. Elixe variedades sen azucres engadidos.

Pacientes anticoagulados e prevención do ictus

  • Evitar as carnes graxas e, unha vez máis, os excesos, recoméndanos o doutor Jesús Manuel Casado, da man dunha iniciativa de Boehringer Ingelheim.
  • Perante problemas dixestivos que duren máis de 24 horas, as persoas en tratamento de anticoagulación tradicional deben realizarse unha monitorización precoz dos niveis de INR.
  • Coidado con tratamentos antiácidos e cos antibióticos, típicos nestas datas, pois poden interferir os tratamentos mencionados.
  • O alcohol interfere directamente nestes pacientes, polo que se desaconsella a súa inxestión.
  • Despistes coa medicación? Se pasaron menos de 6 ou 8 horas, pódese tomar. Se non, o mellor é aguantar ata a seguinte toma. Non se debe “dobrar a dose ao día seguinte”, remarca o experto.