2

Jocomunico: unha APP que ‘traduce’ pictogramas a frases en linguaxe natural

Interfaz da APP Jocomunico.

Jocomunico é unha aplicación para ordenadores, móbiles e tabletas que permite a persoas sen comunicación oral, con parálise cerebral ou outras discapacidades, expresarse normalmente ao traducir os conxuntos de pictogramas seleccionados en linguaxe natural, permitindo así a comunicación espontánea e ata o uso de tempos verbais ou de distintos tipos de expresión, como preguntas, imperativos ou desexos.

A aplicación, desenvolvida en tan só seis meses, contou coa participación de diversas persoas con parálise cerebral da Fundación Prodis Tarrasa (pertencente ao movemento ASPACE), encargadas de probar e avaliar a aplicación durante tres meses, o que permitiu lanzar a aplicación con todas as súas funcionalidades adaptadas ás necesidades do colectivo.

A aplicación é gratuita e pode descargarse en www.jocomunico.com, estando dispoñible tanto para móbiles Android como iOS. Ademais ten a posibilidade engadida de poder executarse a través dun navegador, o que permite ter a aplicación sincronizada en todos os dispositivos. Desta forma, os comunicadores personalizados de cada usuario, así como as súas preferencias e configuracións estarán sempre dispoñibles aínda que cambie de dispositivo.

Jocomunico conta con teclado por varrido (ou escaneo) para que poida ser manexada por aquelas persoas con menor mobilidade a través de botóns adaptados (e outros periféricos), permitindo así que non sexa necesario facer uso da pantalla do dispositivo. Ademais pódense configurar frases e almacenalas para o seu uso posterior; así mesmo conta cun sistema de predicción de pictogramas, podendo, ademais, gardarse aqueles máis usados como favoritos.

A importancia desta aplicación é dobre, primeiro porque as oracións que escoita o receptor da mensaxe son perfectamente comprensibles e en linguaxe cotiá e natural, e segundo porque permite ás persoas con discapacidade ‘redactar’ as súas frases no momento, e non levalas fixadas con antelación, o que posibilita a espontaneidade da linguaxe.

*Información extraída da páxina web de ASPACE.

0

Desenvolven un sistema pioneiro para a rehabilitación do ictus a domicilio

hospital

Mefacilyta Rehabilitación é o froito do traballo conxunto do Vall d’Hebron e a Fundación Vodafone.

Información e imaxe extraídas de Médico Hospitalario.

A nova alianza entre o Hospital Vall d’Hebron de Barcelona e a Fundación Vodafone España conduciunos ao desenvolvemento dun sistema pioneiro para dispositivos móbiles que permite ás persoas que se viron afectados por un ictus facer rehabilitación desde a súa casa. Un sistema, ‘Mefacilyta Rehabilitación’, co que seguir a rehabilitación desde o domicilio e a través do móbil ou tablet.

O director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, e o neurólogo da Unidade de Ictus do Vall d’Hebron Marc Ribó, presentaron a iniciativa denominada Mefacilyta Rehabilitación. Ambos destacaron que permitirá rehabilitar “a preto do 20% dos 2.000 pacientes con ictus que acoden anualmente ao Vall d’Hebron”, o que supoñerá minimizar custos sociais e económicos. Este grupo de pacientes con ictus só deberán contar cunha tablet para facer uso de Mefacilyta.

O médico, a través deste sistema, envía en formato multimedia os exercicios de rehabilitación personalizados, aos que accede o paciente desde o seu domicilio cando comeza a sesión. A cámara da tablet rexistra todos os exercicios e ademais funciona de espello para que o usuario comprobe se o fai correctamente. Finalmente, o sistema envía os exercicios ao médico “e xera informes sobre a evolución dos pacientes”, concreta Moreno. O sistema, avanzaron, estará dispoñible antes de maio.

0

FEDACE, Fundación Vodafone e o CEADAC presentan unha plataforma tecnolóxica ao servizo das persoas con DCA

TabletsATECEGipuzkoa

Información extraída da páxina web de FEDACE.

A Fundación Vodafone España e a Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE), en colaboración co Centro de Referencia Estatal de Atención ao Dano Cerebral, presentaron no Día do Dano Cerebral -o 26 de outubro- o proxecto “mFACILyTA para Dano Cerebral Adquirido”. Esta iniciativa persegue mellorar a calidade de vida e a autonomía persoal na contorna cotiá das persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA) a través de aplicacións baseadas en tecnoloxías da información e da comunicación por medio de diferentes experiencias piloto nas asociacións adscritas a FEDACE e/ou entidades relacionadas coa atención a persoas con DCA.

A plataforma “mFACILyTA”, desenvolvida pola Fundación Vodafone, ofrece unha contorna para o desenvolvemento de apoios multimedia personalizados, de fácil uso para persoas con discapacidade e outros colectivos con necesidades de apoio.

Co proxecto “mFACILyTA para Dano Cerebral Adquirido”, Fundación Vodafone, FEDACE e o CEADAC reforzan o seu compromiso de realizar actividades conxuntas de accesibilidade e inserción socio-laboral, que melloren as condicións de vida das persoas con DCA.

Con este obxectivo o proxecto crea solucións tecnolóxicas intuitivas, portátiles e accesibles, que facilitan ás persoas con DCA aprender de novo os procesos e tarefas afectados polo dano sufrido.

A plataforma “mFACILyTA” soporta o deseño de programas adaptados ás necesidades de aprendizaxe e apoio específico que aumentan sustancialmente o tempo de adestramento ao que poden acceder as persoas afectadas para poder rehabilitar as súas capacidades cognitivas e de comunicación, facilitando o acceso a información de apoio para conseguir unha maior autonomía persoal na vida diaria.

Por estas razóns “mFACILyTA para Dano Cerebral Adquirido” actuará en diversas contornas da vida: fogar, lecer, laboral, rehabilitación e comunitario.

Nas experiencias piloto participarán ata 60 persoas con dano cerebral, as cales contarán co apoio de 15 profesionais de 5 asociacións adscritas a FEDACE: ATENEO (Castelló), ADACEN (Pamplona), ATECEA (Zaragoza), Sarela (Santiago de Compostela) e ADACCA (Cádiz). Para o escenario de rehabilitación FEDACE contará co apoio do CEADAC (Centro de Referencia Estatal de Atención Ao Dano Cerebral).