0

Presentado o videoxogo accesible BocciAPP

Captura do videoxogo BocciAPP

A Fundación Universidade de Oviedo e a Fundación Vodafone organizaron en Oviedo, no mes de decembro, a Xornada ‘Conectados pola Accesibilidade’, un punto de encontro no que se presentaron distintos proxectos que mostran como as novas tecnoloxías poden contribuír a eliminar barreiras e permitir a persoas con parálise cerebral participar dun xeito máis activo na nosa sociedade.

Durante a xornada realizouse a presentación e demostración en directo do novo videoxogo accesible BocciAPP. Esta aplicación, desenvolvida por Wildbit Studios, que simula o xogo orixinal de boccia, é gratuíta e accesible para persoas con parálise cerebral grazas ao uso de pulsadores. Foi promovida pola Fundación Vodafone España coa colaboración da Fundación da Universidade de Oviedo e a Confederación ASPACE.

A aplicación pódese descargar en Google Store.

Ademais, ASPACE Asturias presentou o proxecto ‘TvPC á Carta’, unha iniciativa na que persoas con parálise cerebral únense para crear un blog e unha canle de contido audiovisual no que eles son os actores principais. Todas as persoas implicadas no proxecto desenvolven as funcións propias dun equipo de televisión e xeran contidos de interese que fomenten a visibilidade da parálise cerebral.

Pola súa banda, ASPACE Xixón compartiu a experiencia ‘ASPACEChef’, un taller de cociña adaptado ás necesidades, competencias e posibilidades das persoas con parálise cerebral.

*Información extraída da páxina web da Fundación Vodafone.

Advertisements
0

CERMI e Fundación Vodafone lanzan a aplicación Empoweryou

Empoweryou

Empoweryou significa “empodérate”. O CERMI e a Fundación Vodafone elaboraron unha aplicación denominada así e que pretende axudar a calquera persoa con discapacidade a exercer e afianzar o seu poder de decisión sobre si mesma e a súa contorna, a modo de adestrador persoal virtual de empoderamento.

A aplicación, accesible e gratuíta, está dispoñible para a súa descarga nas seguintes ligazóns:

IPHONE:
https://itunes.apple.com/us/app/empoweryou/id917218016?mt=8

ANDROID:
https://play.google.com/store/apps/details?id=com.technosite.empoweryou

MENSAXE DIRIXIDA ÁS PERSOAS QUE QUEREN USAR ESTA APLICACIÓN

EMPOWERYOU actúa igual que un monitor persoal que está no teu teléfono móbil.

Para que serve?

  • Para axudarche a decidir sobre todas as cousas que che interesan.
  • Para axudarche a participar na sociedade.
  • Para permitir que outras persoas poidan axudarche a participar na sociedade.

EMPOWERYOU é unha ferramenta.

EMPOWERYOU ensínache a ti e a toda a sociedade que todos somos diferentes.

EMPOWERYOU ensínache a ti e a toda a sociedade que as persoas con discapacidade son seres humanos con dignidade e teñen os mesmos dereitos que as demais persoas.

EMPOWERYOU axúdache a loitar contra as discriminacións que sofres na túa vida diaria.

EMPOWERYOU está feita en formato sinxelo, por exemplo en fácil lectura, ou en lingua de signos.

EMPOWERYOU é gratis, non hai que pagar.

EMPOWERYOU axúdache a dirixir a túa propia vida.

Como che axuda o monitor persoal que está no teu teléfono móbil?

EMPOWERYOU axúdache de dúas formas:

  1. Persoas que axudan a persoas. EMPOWERYOU permite que unhas persoas que son voluntarias che axuden e te apoien sempre que o necesites. Podes preguntarlles o que che interese sobre asesoría xurídica, participación, educación, emprego e formación, saúde, turismo, lecer, cultura, autonomía persoal, mulleres e nenas con discapacidade.
  2. Empower Apps. Aplicacións para teléfonos móbiles. Dentro de EMPOWERYOU podes atopar outras aplicacións para teléfonos móbiles.

Tamén podes atopar outras ferramentas, por exemplo unha páxina web.

Todas están ordenadas por temas, por exemplo educación, lecer ou emprego.

MENSAXE DIRIXIDA A QUEN DESEXEN COLABORAR COMO PERSOAS EXPERTAS

Persoas que axudan a persoas e Empower Apps.

COLABORA:

A persoa é o máis importante.
Con esta ferramenta queremos que persoas axuden a persoas mediante o uso das novas tecnoloxías.
Con esta ferramenta pedimos a túa participación voluntaria orientando e apoiando á persoa con discapacidade no camiño cara á súa plena inclusión social.
Se es experta ou experto nalgún destes temas, participa, elixe as áreas nas que desexes colaborar:

  • Orientación Xurídica
  • Participación
  • Educación
  • Emprego e Formación
  • Saúde
  • Turismo
  • Lecer e cultura
  • Autonomía Persoal
  • Mulleres e nenas con discapacidade

Se tamén coñeces a alguén que o sexa, por favor compárteo.

Para calquera dúbida sobre esta aplicación pódese escribir a: genero@cermi.es.

*Información extraída da páxina web do CERMI.

0

Desenvolven un sistema pioneiro para a rehabilitación do ictus a domicilio

hospital

Mefacilyta Rehabilitación é o froito do traballo conxunto do Vall d’Hebron e a Fundación Vodafone.

Información e imaxe extraídas de Médico Hospitalario.

A nova alianza entre o Hospital Vall d’Hebron de Barcelona e a Fundación Vodafone España conduciunos ao desenvolvemento dun sistema pioneiro para dispositivos móbiles que permite ás persoas que se viron afectados por un ictus facer rehabilitación desde a súa casa. Un sistema, ‘Mefacilyta Rehabilitación’, co que seguir a rehabilitación desde o domicilio e a través do móbil ou tablet.

O director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, e o neurólogo da Unidade de Ictus do Vall d’Hebron Marc Ribó, presentaron a iniciativa denominada Mefacilyta Rehabilitación. Ambos destacaron que permitirá rehabilitar “a preto do 20% dos 2.000 pacientes con ictus que acoden anualmente ao Vall d’Hebron”, o que supoñerá minimizar custos sociais e económicos. Este grupo de pacientes con ictus só deberán contar cunha tablet para facer uso de Mefacilyta.

O médico, a través deste sistema, envía en formato multimedia os exercicios de rehabilitación personalizados, aos que accede o paciente desde o seu domicilio cando comeza a sesión. A cámara da tablet rexistra todos os exercicios e ademais funciona de espello para que o usuario comprobe se o fai correctamente. Finalmente, o sistema envía os exercicios ao médico “e xera informes sobre a evolución dos pacientes”, concreta Moreno. O sistema, avanzaron, estará dispoñible antes de maio.

0

O CERMI e a Fundación Vodafone promoven a aplicación móbil EMPOWERYOU

empoweryou

Información extraída da páxina web do CERMI.

EMPOWERYOU é unha aplicación móbil promovida polo CERMI (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade) e a Fundación Vodafone que ten como obxectivo axudar a calquera persoa con discapacidade a exercer e afianzar o seu poder de decisión sobre si mesma e a súa contorna. A app sería, xa que logo, un adestrador persoal virtual de empoderamento.

EMPOWERYOU quere reforzar a toma de conciencia individual e colectiva sobre a discapacidade como parte da diversidade humana. A forma de facelo será dotando ás persoas con discapacidade de elementos que lles axuden a afianzar a súa conciencia de seres humanos con dignidade e titulares de dereitos, á vez que lles permitan adquirir habilidades para decidir por si mesmas e combater e evitar as restriccións e discriminacións que sofren na súa vida diaria.

A aplicación abarca catro grandes áreas temáticas:

1) Toma de conciencia do valor persoal, dos dereitos e da non discriminación. Empoderamento persoal, social e xurídico para fortalecer as capacidades das persoas como seres humanos valiosos capacitados para exercer os seus dereitos.
2) Participación social. Fomentar a participación na comunidade a través das relacións sociais, así como o activismo e a militancia social en organizacións do terceiro sector.
3) Inclusión na comunidade e vida independente. Mellorar a independencia social e económica para fomentar a liberdade de elección, a toma de decisións e a autonomía persoal.
4) Mulleres e nenas con discapacidade. Este grupo poboacional, sometido a múltiples discriminacións, precisa de maiores apoios.

EMPOWERYOU estrutúrase en dúas partes. Unha sección na que persoas axudan a persoas propiciando o acompañamento, o voluntariado, o fortalecemento de redes a través da participación voluntaria de persoas idóneas que proporcionan orientacións e apoios á persoa con discapacidade no camiño cara á súa plena inclusión social. E outra sección na que se detallan os recursos tecnolóxicos máis propicios para o empoderamento, como poden ser aplicacións móbiles, dispositivos ou outros elementos TIC.

A aplicación converterase nunha ferramenta de apoio individual á persoa que actúa como axente da súa propia inclusión. Por unha banda, aporta á persoa con discapacidade maiores habilidades para lograr a súa inclusión e, por outra, proporciónalle un apoio colectivo ao permitir a axuda mutua entre persoas mediante o uso das novas tecnoloxías.

Esta aplicación, que será gratuíta e totalmente accesible para calquera persoa con discapacidade, estará dispoñible para dispositivos móbiles con sistema operativo iOS. A información fornecida en lingua de signos española foi elaborada grazas ao apoio da Fundación CNSE para a Supresión das Barreiras de Comunicación.

Deste xeito, o CERMI e a Fundación Vodafone utilizan, unha vez máis, as novas tecnoloxías ao servizo da innovación social en discapacidade e como instrumentos de inclusión.

Réxime de privacidade

A través da aplicación EMPOWER YOU non se recolle ningún dato persoal sen o seu coñecemento, nin se ceden a terceiros. Os datos persoais que se soliciten aos usuarios serán os estrictamente imprescindibles para poder proporcionarlle os servizos da aplicación. O acceso ou utilización de aplicación por parte do usuario implica o seu consentimento e, xa que logo, a adhesión ás condicións expostas anteriormente. Esta política de privacidade só é de aplicación á aplicación EMPOWER YOU, non se garante nos accesos a través de enlaces con este sitio, nin a enlaces desde este sitio con outras webs. Nos enlaces a páxinas externas sobre as que non se ten control ningún declínase toda responsabilidade.

0

FEDACE, Fundación Vodafone e o CEADAC presentan unha plataforma tecnolóxica ao servizo das persoas con DCA

TabletsATECEGipuzkoa

Información extraída da páxina web de FEDACE.

A Fundación Vodafone España e a Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE), en colaboración co Centro de Referencia Estatal de Atención ao Dano Cerebral, presentaron no Día do Dano Cerebral -o 26 de outubro- o proxecto “mFACILyTA para Dano Cerebral Adquirido”. Esta iniciativa persegue mellorar a calidade de vida e a autonomía persoal na contorna cotiá das persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA) a través de aplicacións baseadas en tecnoloxías da información e da comunicación por medio de diferentes experiencias piloto nas asociacións adscritas a FEDACE e/ou entidades relacionadas coa atención a persoas con DCA.

A plataforma “mFACILyTA”, desenvolvida pola Fundación Vodafone, ofrece unha contorna para o desenvolvemento de apoios multimedia personalizados, de fácil uso para persoas con discapacidade e outros colectivos con necesidades de apoio.

Co proxecto “mFACILyTA para Dano Cerebral Adquirido”, Fundación Vodafone, FEDACE e o CEADAC reforzan o seu compromiso de realizar actividades conxuntas de accesibilidade e inserción socio-laboral, que melloren as condicións de vida das persoas con DCA.

Con este obxectivo o proxecto crea solucións tecnolóxicas intuitivas, portátiles e accesibles, que facilitan ás persoas con DCA aprender de novo os procesos e tarefas afectados polo dano sufrido.

A plataforma “mFACILyTA” soporta o deseño de programas adaptados ás necesidades de aprendizaxe e apoio específico que aumentan sustancialmente o tempo de adestramento ao que poden acceder as persoas afectadas para poder rehabilitar as súas capacidades cognitivas e de comunicación, facilitando o acceso a información de apoio para conseguir unha maior autonomía persoal na vida diaria.

Por estas razóns “mFACILyTA para Dano Cerebral Adquirido” actuará en diversas contornas da vida: fogar, lecer, laboral, rehabilitación e comunitario.

Nas experiencias piloto participarán ata 60 persoas con dano cerebral, as cales contarán co apoio de 15 profesionais de 5 asociacións adscritas a FEDACE: ATENEO (Castelló), ADACEN (Pamplona), ATECEA (Zaragoza), Sarela (Santiago de Compostela) e ADACCA (Cádiz). Para o escenario de rehabilitación FEDACE contará co apoio do CEADAC (Centro de Referencia Estatal de Atención Ao Dano Cerebral).