2

Jocomunico: unha APP que ‘traduce’ pictogramas a frases en linguaxe natural

Interfaz da APP Jocomunico.

Jocomunico é unha aplicación para ordenadores, móbiles e tabletas que permite a persoas sen comunicación oral, con parálise cerebral ou outras discapacidades, expresarse normalmente ao traducir os conxuntos de pictogramas seleccionados en linguaxe natural, permitindo así a comunicación espontánea e ata o uso de tempos verbais ou de distintos tipos de expresión, como preguntas, imperativos ou desexos.

A aplicación, desenvolvida en tan só seis meses, contou coa participación de diversas persoas con parálise cerebral da Fundación Prodis Tarrasa (pertencente ao movemento ASPACE), encargadas de probar e avaliar a aplicación durante tres meses, o que permitiu lanzar a aplicación con todas as súas funcionalidades adaptadas ás necesidades do colectivo.

A aplicación é gratuita e pode descargarse en www.jocomunico.com, estando dispoñible tanto para móbiles Android como iOS. Ademais ten a posibilidade engadida de poder executarse a través dun navegador, o que permite ter a aplicación sincronizada en todos os dispositivos. Desta forma, os comunicadores personalizados de cada usuario, así como as súas preferencias e configuracións estarán sempre dispoñibles aínda que cambie de dispositivo.

Jocomunico conta con teclado por varrido (ou escaneo) para que poida ser manexada por aquelas persoas con menor mobilidade a través de botóns adaptados (e outros periféricos), permitindo así que non sexa necesario facer uso da pantalla do dispositivo. Ademais pódense configurar frases e almacenalas para o seu uso posterior; así mesmo conta cun sistema de predicción de pictogramas, podendo, ademais, gardarse aqueles máis usados como favoritos.

A importancia desta aplicación é dobre, primeiro porque as oracións que escoita o receptor da mensaxe son perfectamente comprensibles e en linguaxe cotiá e natural, e segundo porque permite ás persoas con discapacidade ‘redactar’ as súas frases no momento, e non levalas fixadas con antelación, o que posibilita a espontaneidade da linguaxe.

*Información extraída da páxina web de ASPACE.

0

Presentado o videoxogo accesible BocciAPP

Captura do videoxogo BocciAPP

A Fundación Universidade de Oviedo e a Fundación Vodafone organizaron en Oviedo, no mes de decembro, a Xornada ‘Conectados pola Accesibilidade’, un punto de encontro no que se presentaron distintos proxectos que mostran como as novas tecnoloxías poden contribuír a eliminar barreiras e permitir a persoas con parálise cerebral participar dun xeito máis activo na nosa sociedade.

Durante a xornada realizouse a presentación e demostración en directo do novo videoxogo accesible BocciAPP. Esta aplicación, desenvolvida por Wildbit Studios, que simula o xogo orixinal de boccia, é gratuíta e accesible para persoas con parálise cerebral grazas ao uso de pulsadores. Foi promovida pola Fundación Vodafone España coa colaboración da Fundación da Universidade de Oviedo e a Confederación ASPACE.

A aplicación pódese descargar en Google Store.

Ademais, ASPACE Asturias presentou o proxecto ‘TvPC á Carta’, unha iniciativa na que persoas con parálise cerebral únense para crear un blog e unha canle de contido audiovisual no que eles son os actores principais. Todas as persoas implicadas no proxecto desenvolven as funcións propias dun equipo de televisión e xeran contidos de interese que fomenten a visibilidade da parálise cerebral.

Pola súa banda, ASPACE Xixón compartiu a experiencia ‘ASPACEChef’, un taller de cociña adaptado ás necesidades, competencias e posibilidades das persoas con parálise cerebral.

*Información extraída da páxina web da Fundación Vodafone.

0

Un alumno da Universidade de Murcia crea unha ‘app’ para o tratamento da afasia

Dedo facendo clic nunha pantalla.

A aplicación, que axuda ás persoas afectadas a comunicarse mellorando as súas capacidades para a linguaxe, está desenvolvida por Android e lanzarase proximamente.

Un titulado pola Universidade de Murcia (UMU), Alberto Emilio López García, desenvolveu unha aplicación móbil para a avaliación e rehabilitación de pacientes afectados de afasia, a alteración neuropsicolóxica dunha ou varias capacidades da linguaxe por mor dun dano cerebral adquirido.

O proxecto de López García forma parte do seu traballo final dentro do máster interuniversitario en Comunicación Móbil e Contido Dixital da UMU e a Universidade Politécnica de Cartaxena. Este proxecto realizouno baixo a supervisión dos profesores da UMU Óscar Cánovas e Miguel Ángel Pérez.


A aplicación, que se chama ‘AfasiApp’, introduce dúas innovacións no campo da intervención da linguaxe e, máis especificamente, en persoas con dano cerebral adquirido, segundo informaron fontes da institución docente nun comunicado. A aplicación, desenvolvida actualmente para Android, será lanzada próximamente nos mercados de Google e Amazon.

*Información extraída de La Verdad e imaxe de Pixabay con licenza CC0.

0

As aplicacións para móbiles no control do sobrepeso e a obesidade

Icona dun teléfono móbil dentro dun prato.

Hoxe en día, na medicina estamos a asistir a unha rápida revolución coñecida como saúde móbil (mHealth). Ultimamente, este campo da saúde tivo un gran apoxeo debido á utilización de dispositivos móbiles que axudan no diagnóstico, tratamento e seguimento de certas enfermidades.

A saúde móbil leva camiño de converterse nunha peza fundamental en todos os sistemas sanitarios e, moi probablemente, cambiará todo o habitual e coñecido na información, a educación e a vixilancia das enfermidades crónicas ou os hábitos de vida saudables, nos que as apps terán un importante papel.

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), en 2014 no mundo occidental, ao redor do 13% da poboación adulta padecía obesidade e o 39%, sobrepeso. Perante este contexto, e dada a magnitude do problema, as novas tecnoloxías da información e comunicación especializadas en crear apps para dispositivos móbiles, teñen un amplo mercado, xa que nos poden ofrecer novos enfoques e unha oportunidade potencial de controlar eficazmente o noso peso.

Hoxe en día, hai centos de apps para controlar o adelgazamento, postulándose como unha vía de axuda para controlar o peso, sen esquecer que a obesidade é unha enfermidade crónica cuxo tratamento require cambios profundos no estilo de vida, resultando necesario un recordo constante dos mesmos.

As apps, por si soas, non dan resultado ningún, dado que non impulsan un cambio de hábitos alimenticios e de actividade física, non analizan a causa do problema e a corrixen, nin personalizan a dieta ao usuario e a súa progresión. Ben é certo que as apps poden achegar un reforzo positivo e unha motivación extra, ao acompañarnos cada minuto do día.

Poden ser unha boa ferramenta que complemente o traballo dun profesional da saúde cando paciente e profesional estean familiarizados co seu uso, pero como toda ferramenta debe ser usada correctamente, e debemos ser precavidos á hora de depositar nelas nosa plena confianza.

Pero antes de penetrarnos con fe cega neste novo mundo, habería que preguntarse se existe evidencia científica suficiente que avale que estas novas tecnoloxías poidan ser realmente efectivas para a súa utilización na sanidade.

Hoxe en día, calquera persoa con coñecementos informáticos pode crear unha app e ofrecela ao público e, cando o usuario as busca, pode seleccionalas por temáticas, pero non por fiabilidade ou rigor científico. Por tanto, deberemos informarnos e ter unha actitude crítica cara a elas.

A día de hoxe, son poucos os estudos que avalen con rigor un cambio; tan profundo, dado que non hai aínda evidencia científica que xustifique a eficacia das apps no control do sobrepeso e a obesidade.

É necesaria certa supervisión e análise das novas apps que van aparecendo xa que son moi poucas as que foron creadas por algunha organización relacionada coa saúde, sendo moitas as apps que non funcionan no control do sobrepeso e a obesidade.

A pesar de non existir evidencia científica que xustifique a eficacia das apps, está a apostarse por esta vía tecnolóxica como apoio para reducir quilos e manter o peso, sempre que paciente e médico estean familiarizados con esta alternativa.

Aínda que a maioría destas apps son inocuas para o consumidor, para previr os posibles riscos para a saúde relacionados con estas aplicacións médicas a través de teléfonos móbiles e tabletas, deberán estar sometidas aos mesmos controis e acreditacións que outros dispositivos médicos.

Para que estas apps contribúan á mellora da saúde na nosa sociedade é preciso evitar aquelas que son “copias das dietas milagre” e que se elixan as máis completas, xa que poden ofrecer información nutricional e propostas de exercicio.

*Información extraída do portal Xente con Vida e imaxe de Pixabay con licenza CC0.

0

CERMI e Fundación Vodafone lanzan a aplicación Empoweryou

Empoweryou

Empoweryou significa “empodérate”. O CERMI e a Fundación Vodafone elaboraron unha aplicación denominada así e que pretende axudar a calquera persoa con discapacidade a exercer e afianzar o seu poder de decisión sobre si mesma e a súa contorna, a modo de adestrador persoal virtual de empoderamento.

A aplicación, accesible e gratuíta, está dispoñible para a súa descarga nas seguintes ligazóns:

IPHONE:
https://itunes.apple.com/us/app/empoweryou/id917218016?mt=8

ANDROID:
https://play.google.com/store/apps/details?id=com.technosite.empoweryou

MENSAXE DIRIXIDA ÁS PERSOAS QUE QUEREN USAR ESTA APLICACIÓN

EMPOWERYOU actúa igual que un monitor persoal que está no teu teléfono móbil.

Para que serve?

  • Para axudarche a decidir sobre todas as cousas que che interesan.
  • Para axudarche a participar na sociedade.
  • Para permitir que outras persoas poidan axudarche a participar na sociedade.

EMPOWERYOU é unha ferramenta.

EMPOWERYOU ensínache a ti e a toda a sociedade que todos somos diferentes.

EMPOWERYOU ensínache a ti e a toda a sociedade que as persoas con discapacidade son seres humanos con dignidade e teñen os mesmos dereitos que as demais persoas.

EMPOWERYOU axúdache a loitar contra as discriminacións que sofres na túa vida diaria.

EMPOWERYOU está feita en formato sinxelo, por exemplo en fácil lectura, ou en lingua de signos.

EMPOWERYOU é gratis, non hai que pagar.

EMPOWERYOU axúdache a dirixir a túa propia vida.

Como che axuda o monitor persoal que está no teu teléfono móbil?

EMPOWERYOU axúdache de dúas formas:

  1. Persoas que axudan a persoas. EMPOWERYOU permite que unhas persoas que son voluntarias che axuden e te apoien sempre que o necesites. Podes preguntarlles o que che interese sobre asesoría xurídica, participación, educación, emprego e formación, saúde, turismo, lecer, cultura, autonomía persoal, mulleres e nenas con discapacidade.
  2. Empower Apps. Aplicacións para teléfonos móbiles. Dentro de EMPOWERYOU podes atopar outras aplicacións para teléfonos móbiles.

Tamén podes atopar outras ferramentas, por exemplo unha páxina web.

Todas están ordenadas por temas, por exemplo educación, lecer ou emprego.

MENSAXE DIRIXIDA A QUEN DESEXEN COLABORAR COMO PERSOAS EXPERTAS

Persoas que axudan a persoas e Empower Apps.

COLABORA:

A persoa é o máis importante.
Con esta ferramenta queremos que persoas axuden a persoas mediante o uso das novas tecnoloxías.
Con esta ferramenta pedimos a túa participación voluntaria orientando e apoiando á persoa con discapacidade no camiño cara á súa plena inclusión social.
Se es experta ou experto nalgún destes temas, participa, elixe as áreas nas que desexes colaborar:

  • Orientación Xurídica
  • Participación
  • Educación
  • Emprego e Formación
  • Saúde
  • Turismo
  • Lecer e cultura
  • Autonomía Persoal
  • Mulleres e nenas con discapacidade

Se tamén coñeces a alguén que o sexa, por favor compárteo.

Para calquera dúbida sobre esta aplicación pódese escribir a: genero@cermi.es.

*Información extraída da páxina web do CERMI.

0

Un novo software posibilita o uso do ordenador e aplicacións de comunicación mediante a mirada

Imaxe extraída da páxina web de Irisbond.

Imaxe extraída da páxina web de Irisbond.

Facilita o seu uso ás persoas con discapacidade motora.

Información extraída de Noticias de Navarra.

Un novo software, elaborado por Irisbond coa colaboración da Asociación de Esclerose Múltiple de Gipuzkoa (Ademgi) e a Deusto Business School, permite o uso do ordenador e aplicacións para móbiles de mensaxería como o WhatsApp coa mirada, facilitando o seu uso ás persoas con discapacidade motora.

Nun comunicado, Ademgi explicou que este software, denominado Smartplaphoons, permite acceder a diferentes aplicacións do ordenador mediante a mirada. O proxecto arrincou en setembro de 2013, cando se creou un equipo de traballo multidisciplinar.

A nova ferramenta logra, simulando o uso dos smartphones actuais, “reducir” a pantalla do ordenador a nove botóns de gran tamaño e permite acceder a diferentes aplicacións do ordenador con precisión e de forma rápida e funcional.

Deste xeito, combinado co sistema de Irisbond, permite ao usuario, cun número menor de ‘clicks’ realizado cos ollos, escribir e-mails, navegar en internet, traballar na contorna da ofimática, crear e gravar mensaxes que poden ser impresas ou escoitadas mediante voz sintetizada ou dixitalizada, etc. De entre todas as aplicacións, cabe salientar o acceso a outras vías de comunicación, como é o WhatsApp.

Ademgi colaborou no desenvolvemento do software aportando a súa experiencia no trato directo con pacientes e posibles usuarios, así como o seu coñecemento do uso de Sistemas Aumentativos de Comunicación por parte de persoas con discapacidade motora.

0

O CERMI e a Fundación Vodafone promoven a aplicación móbil EMPOWERYOU

empoweryou

Información extraída da páxina web do CERMI.

EMPOWERYOU é unha aplicación móbil promovida polo CERMI (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade) e a Fundación Vodafone que ten como obxectivo axudar a calquera persoa con discapacidade a exercer e afianzar o seu poder de decisión sobre si mesma e a súa contorna. A app sería, xa que logo, un adestrador persoal virtual de empoderamento.

EMPOWERYOU quere reforzar a toma de conciencia individual e colectiva sobre a discapacidade como parte da diversidade humana. A forma de facelo será dotando ás persoas con discapacidade de elementos que lles axuden a afianzar a súa conciencia de seres humanos con dignidade e titulares de dereitos, á vez que lles permitan adquirir habilidades para decidir por si mesmas e combater e evitar as restriccións e discriminacións que sofren na súa vida diaria.

A aplicación abarca catro grandes áreas temáticas:

1) Toma de conciencia do valor persoal, dos dereitos e da non discriminación. Empoderamento persoal, social e xurídico para fortalecer as capacidades das persoas como seres humanos valiosos capacitados para exercer os seus dereitos.
2) Participación social. Fomentar a participación na comunidade a través das relacións sociais, así como o activismo e a militancia social en organizacións do terceiro sector.
3) Inclusión na comunidade e vida independente. Mellorar a independencia social e económica para fomentar a liberdade de elección, a toma de decisións e a autonomía persoal.
4) Mulleres e nenas con discapacidade. Este grupo poboacional, sometido a múltiples discriminacións, precisa de maiores apoios.

EMPOWERYOU estrutúrase en dúas partes. Unha sección na que persoas axudan a persoas propiciando o acompañamento, o voluntariado, o fortalecemento de redes a través da participación voluntaria de persoas idóneas que proporcionan orientacións e apoios á persoa con discapacidade no camiño cara á súa plena inclusión social. E outra sección na que se detallan os recursos tecnolóxicos máis propicios para o empoderamento, como poden ser aplicacións móbiles, dispositivos ou outros elementos TIC.

A aplicación converterase nunha ferramenta de apoio individual á persoa que actúa como axente da súa propia inclusión. Por unha banda, aporta á persoa con discapacidade maiores habilidades para lograr a súa inclusión e, por outra, proporciónalle un apoio colectivo ao permitir a axuda mutua entre persoas mediante o uso das novas tecnoloxías.

Esta aplicación, que será gratuíta e totalmente accesible para calquera persoa con discapacidade, estará dispoñible para dispositivos móbiles con sistema operativo iOS. A información fornecida en lingua de signos española foi elaborada grazas ao apoio da Fundación CNSE para a Supresión das Barreiras de Comunicación.

Deste xeito, o CERMI e a Fundación Vodafone utilizan, unha vez máis, as novas tecnoloxías ao servizo da innovación social en discapacidade e como instrumentos de inclusión.

Réxime de privacidade

A través da aplicación EMPOWER YOU non se recolle ningún dato persoal sen o seu coñecemento, nin se ceden a terceiros. Os datos persoais que se soliciten aos usuarios serán os estrictamente imprescindibles para poder proporcionarlle os servizos da aplicación. O acceso ou utilización de aplicación por parte do usuario implica o seu consentimento e, xa que logo, a adhesión ás condicións expostas anteriormente. Esta política de privacidade só é de aplicación á aplicación EMPOWER YOU, non se garante nos accesos a través de enlaces con este sitio, nin a enlaces desde este sitio con outras webs. Nos enlaces a páxinas externas sobre as que non se ten control ningún declínase toda responsabilidade.

0

Nisa publica a primeira App para profesionais, familiares e pacientes con dano cerebral

app-nisa

Información extraída de Nisa Informa.

Tras un ano de traballo, o Servizo de Neurorrehabilitación de Hospitales Nisa presentou a primeira aplicación para tablets e móbiles de Dano Cerebral. Unha nova ferramenta gratuíta que ofrece ao familiar do paciente con DCA e ao profesional sanitario información e pautas de actuación concretas, que se adecuan á situación clínica do paciente a través dun sinxelo cuestionario. Segundo Joan Ferri, director do Servizo de Dano Cerebral e Neurorrehabilitación de Hospitales Nisa, “desenvolvemos unha solución que pon a disposición de calquera usuario, a un só clic de distancia, todos os coñecementos dun equipo multidisciplinar experto na neurorrehabilitación”.

AXUDA PARA FAMILIARES E PACIENTES. A nova APP proporciona pautas guía en todas as fases ás que se enfrontan as familias que viven día a día co dano cerebral, ofrecidas por expertos con máis de 15 anos de experiencia, o que supoñerá un gran apoio para todas as familias e profesionais que a utilicen.

Ademais, tal e como puntualiza Belén Moliner, coordinadora médica do servizo, “non só é útil para os familiares e os profesionais senón que permite aos pacientes que, ao seren eles mesmos os que van facéndose un autodiagnóstico co test da enfermidade, adopten unha maior conciencia de enfermidade e axuste de expectativas de futuro. Así mesmo, pode facelos conscientes do que implica o seu coidado e a convivencia con eles, para aumentar a súa capacidade de empatía cos seus familiares e a súa contorna. Fainos sabedores da enfermidade e das deficiencias que implica e pódelles axudar no proceso rehabilitador”.

RELACIÓN BIDIRECCIONAL. A idea de desenvolver unha aplicación que aportase consellos e pautas para o coidado de pacientes con dano cerebral xorde ao ver a evolución das novas tecnoloxías que como ben indica Enrique Noé, director de Investigación do servizo, “permiten cambiar a tradicional relación médico-paciente e médico-familiar, a miúdo demasiado estática, unidireccional e dogmática, por unha relación moito máis dinámica, próxima, próxima, bidireccional e comprensible”.

Co obxecto de ir máis aló desta tradicional relación, Hospitales Nisa desenvolveu esta aplicación útil, cómoda e sinxela de utilizar, que vai evitar que familiares e profesionais vaian “dando tumbos” en moitos sentidos, segundo sinala Pau Carrascosa, traballadora social do servizo, xa que proporciona información tanto xeral como específica, adaptada a calquera situación relacionada co dano cerebral.

A modo de resumo, Loles Navarro, coordinadora deste proxecto e do Servizo de Dano Cerebral do Hospital Nisa Valencia al Mar, incide en que con esta app profesionais, familiares e pacientes obterán información e pautas de actuación accesibles, sinxelas, precisas e axustadas á situación clínica de cada paciente con dano cerebral.

Información personalizada

Tras descargar a aplicación, o usuario poderá acceder a consellos xenéricos e información relacionada sobre as diferentes enfermidades. Aínda que, se prefire ter información personalizada, familiares, pacientes ou profesionais o único que terán que facer é rexistrar e completar un sinxelo cuestionario.

O cuestionario poderá modificarse tantas veces como se necesite, “xa que entendemos que os pacientes evolucionan e pasan por diferentes fases e deben obter sempre a información adecuada para cada situación. Ademais, que se poida modificar tamén é importante para os profesionais sanitarios, xa que poderán dar pautas concretas de actuación a cada un dos seus casos, podendo axudar así a todos os pacientes con enfermidades cerebrais que teñan”.

Os usuarios atoparán dentro da aplicación consellos e pautas de actuación personalizadas por cada unha das áreas de neurorrehabilitación como, por exemplo, fisioterapia, terapia ocupacional, traballo social, logopedia, neuropsicoloxía… Todas elas con contido e imaxes detallados que lle axudarán a convivir mellor co dano cerebral.

A aplicación pode descargarse aquí, con versións para Apple e para Google Play.