0

31 de maio: Día Mundial Sen Tabaco 2017

Día Mundial sen Tabaco

“O tabaco é unha ameaza para todos” é o lema da Organización Mundial da Saúde.

Con ocasión do Día Mundial Sen Tabaco 2017, a OMS recorda a ameaza que representa este produto para o desenvolvemento dos países e fai un chamamento aos seus gobernos para que apliquen medidas firmes de control do tabaco, como a prohibición de comercializalo e publicitalo, a promoción do empaquetado neutro dos produtos que o conteñen, o aumento dos impostos especiais e a prohibición de fumar en espazos públicos pechados e lugares de traballo.

O tabaco é un dos principais factores de risco cerebrovascular; é dicir, que o seu consumo está directamente relacionado coa posibilidade de ter un ictus. O ictus é a primeira causa de morte en Galicia, e a segunda no conxunto do Estado -a principal contando só ás mulleres-. Ademais, é o principal causante do dano cerebral adquirido, no 78% dos casos.

FEGADACE anima a seguir as recomendacións da Organización Mundial da Saúde para “Liberarse do Tabaco”.

0

A Generalitat impulsa un videoxogo para informar aos nenos sobre o ictus

Mando de videoxogo.

Os departamentos de Saúde e de Ensino da Generalitat de Catalunya impulsaron unha campaña de información e concienciación sobre a enfermidade do ictus baseada nun videoxogo e dirixida aos nenos.

A campaña, que se desenvolverá nos centros educativos e que conta co apoio da Fundación Ictus, ten o obxectivo de que os alumnos “aprendan dun xeito ameno que é un ictus e que saiban que se pode previr, evitar e tratar”, segundo a Generalitat.

O videoxogo, que se chama “¿Te la juegas?”, consta de diferentes etapas que “axudan a entender” como “funciona o cerebro”, que é o ictus e como actuar perante un caso.

A campaña tamén incide na discapacidade que ás veces segue ao ictus, e na percepción dos nenos sobre as persoas afectadas, xa que “aínda que a discapacidade pode alterar moito a vida da persoa, é importante” valorar as “capacidades que non están afectadas”.

O videoxogo ensina aos alumnos como identificar un ictus, dado que as consecuencias do ataque dependen da rapidez coa que se actúe, unha actuación que os nenos “son perfectamente capaces” de facer.

O ictus é a primeira causa de morte nas mulleres e a terceira nos homes de Catalunya, e supón máis de 13.000 ingresos hospitalarios ao ano.

O 13% das persoas afectadas morre por culpa da enfermidade, e aproximadamente o 45% do resto sufrirá algún tipo de discapacidade motora, sensitiva ou cognitiva.

*Información extraída de Plataforma por el DCA e fotografía de Pixabay con licenza CC0.

0

Coloquio ‘Ictus en primeira persoa’

Cartel que anuncia o coloquio polo Día do Ictus

‘Ictus en primeira persoa’ é o título do coloquio que FEGADACE organiza o día 29 de outubro, e no que se vai tratar a doenza desde tres puntos de vista diferentes: o médico, o da familia, e o da propia persoa. FEGADACE organiza esta charla, na que tamén se vai introducir o Plan Ictus do Sergas, con motivo do Día Mundial do Ictus.

O coloquio vai ter lugar no Auditorio de Afundación da rúa do Vilar, 19, en Santiago de Compostela, de 12:30 a 13:30 hh., o sábado 29 de outubro.

En primeiro lugar, o coordinador de Urxencias do CHUAC e vicepresidente de SEMES Galicia, José Manuel Fandiño, vai facer unha breve introdución sobre o funcionamento do Código Ictus (que é o nome que recibe o mecanismo de atención de emerxencias) e unha presentación do Plan Ictus, proxecto de sensibilización e prevención do accidente cerebrovascular da Consellería de Sanidade.

A continuación, o achegamento ao ictus farase desde unha perspectiva máis persoal, reunindo tres puntos de vista. Susana Arias, neuróloga da Unidade de Ictus do CHUS e membro da Sociedade Galega de Neuroloxía (SGN), vai falar sobre a parte clínica. Fernando Galdo, membro da Xunta Directiva de ADACE e coidador da súa nai, vai falar da súa experiencia como familiar dunha persoa que tivo un ictus. Por último, Juan Luis Delgado, directivo de ADACECO, vai expoñer a súa propia experiencia durante e despois do ictus.

Outras actividades polo Día do Ictus

Ademais do amplo programa de conmemoracións polo Día do Dano Cerebral de FEGADACE e das súas asociacións, a Federación organiza actividades específicas polo Día do Ictus.

0

A OMS lanza a iniciativa ‘Corazóns globais’ para loitar contra as enfermidades cardiovasculares

Maqueta dun corazón humano.

Con esta campaña, a Organización Mundial da Saúde busca previr as máis de 17 millóns de mortes que causan estas patoloxías no mundo.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) lanzou, con motivo da celebración da Asemblea Xeral da ONU, a iniciativa ‘Corazóns globais’ que ten como obxectivo loitar contra as enfermidades cardiovasculares, incluíndo os ataques cardiacos e accidentes cerebrovasculares.

Cada ano estas patoloxías provocan a morte de 17 millóns de persoas en todo o mundo, como consecuencia, en moitas ocasións, de estilos de vida pouco saudables como, por exemplo, o tabaquismo, o consumo de alimentos con demasiado sal ou o sedentarismo. Unhas mortes que, ademais, poderían tamén evitarse se se mellorase o acceso á atención sanitaria e, especialmente, ás probas de presión arterial e colesterol, entre outras.

Perante isto, ‘Corazóns globais’ pretende ampliar a prevención e o control das enfermidades cardiovasculares en todo o mundo e, en especial, nos países en desenvolvemento. Para iso, conta co apoio dos Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC) de Estados Unidos, a Federación Mundial do Corazón, a Organización Mundial do Ictus, a Sociedade Internacional de Hipertensión e a Liga Mundial da Hipertensión.

“Esta iniciativa pode aforrar moitos millóns de vidas mediante o aumento gradual das medidas que xa se demostou que son eficaces na prevención das enfermidades cardiovasculares como, por exemplo, aumentar os impostos sobre o tabaco, reducir o sal dos alimentos e fortalecer os sistemas de Atención Primaria. De feito, o uso destas iniciativas permitiu reducir en máis dun 40% a mortalidade por estas patoloxías nos Estados Unidos e nun 80% entre os homes de Finlandia”, asevou a directora xeral da OMS, Margaret Chan.

Tres paquetes de acción

En concreto, ‘Corazóns globais’ conta con tres paquetes: ‘Shake’, un conxunto de exemplos de políticas baseadas en probas científicas para reducir o consumo de sal entre a poboación; ‘Corazóns’, que conta con ferramentas para mellorar o tratamento destas enfermidades nos servizos de Atención Primaria e reducir os niveis altos de presión arterial e colesterol; e ‘Mpower’, que inclúe seis medidas para axudar aos países a aplicar as directrices do Convenio Marco para o Control do Tabaco.

Así mesmo, ademais destes paquetes, a OMS vai proporcionar aos gobernos apoio técnico para implementar e ampliar as intervencións para reducir a presión arterial e previr os ataques cardiacos e accidentes cerebrovasculares.

Estas actividades inclúen o desenvolvemento de protocolos simplificados e normalizados de xestión, a mellora do acceso aos medicamentos e tecnoloxías, o desenvolvemento de plans de control do tabaco ou o seguimiento da implantación das medidas.

“Reducir a demanda dos produtos de tabaco e do sal nos alimentos pode axudar a millóns de persoas a evitar mortes innecesarias e a aparición de patoloxías cardiovasculares. Ademais, pode axudar a aforrar custos aos gobernos con recursos limitados”, apostilou o director da OMS para a Prevención das ENT, Douglas Bettcher.

‘Corazóns globais’ poñerase en marcha inicialmente en Barbados, Colombia, Etiopía, India, a República Islámica do Irán, Xordania, Nepal, Nixeria, Filipinas, Tailandia, Taxikistán e Uganda, aínda que estará aberta a todos os países que desexen participar.

Información e imaxe extraídas do Heraldo de Aragón.

0

As mulleres con exceso de peso teñen un risco moito maior de ictus isquémico

Radiografía dun cerebro despois dun ictus.

Pola contra, o sobrepeso ou obesidade podería ter á súa vez un efecto protector fronte ao ictus hemorráxico na poboación feminina.

En torno a un 13% da poboación adulta mundial -ou o que é o mesmo, máis de 600 millóns de persoas- e ata un 21,6% dos adultos españois padecen obesidade, enfermidade que lonxe de supoñer un mero problema estético asóciase a patoloxías tan graves e mortais como a diabetes, o cancro e as enfermidades cardiovasculares. De feito, un novo estudo levado a cabo por investigadores da Universidade de Oxford (Reino Unido) alerta que as mulleres con sobrepeso ou obesidade teñen un maior risco de ictus isquémico, o tipo de accidente cerebrovascular máis común e provocado por unha disminución ou obstrucción do fluxo sanguíneo no cerebro -razón pola que anteriormente se denominaba “infarto cerebral”-.

Con todo, o estudo, publicado na revista ‘Neurology’, tamén mostra que o exceso de peso nas mulleres conleva un menor risco de sufrir un ictus hemorráxico, tipo de accidente cerebrovascular que, polo xeral asociado a unha maior mortalidade, prodúcese pola hemorraxia derivada da rotura dun vaso sanguíneo cerebral -antes coñecido como “derrame cerebral”-.

Como indica Gillian Reeves, director da investigación, “no noso traballo atopamos que o risco de ictus isquémico, o tipo máis común de accidente cerebrovascular, atópase incrementado nas mulleres con sobrepeso ou obesidade. Pero, pola contra, o risco de ictus hemorráxico é menor nas mulleres con exceso de peso. Así, os nosos resultados apoian a evidencia crecente de que os distintos tipos de ictus teñen á súa vez diferentes perfís de risco”.

Maior peso, maior risco

Para levar a cabo o estudo, os autores seguiron durante un período de 12 anos a 1,3 millóns de mulleres adultas británicas cunha idade promedio de 57 anos, 20.459 das cales acabaron sufrindo un ictus.

Os resultados mostraron que mentres nas participantes cun peso normal -isto é, un índice de masa corporal (IMC) entre 22,5 e 25 kg/m2- as incidencias de ictus isquémico e de ictus hemorráxico establecéronse, respectivamente, nun 0,7% -2.253 casos nun total de 344.534- e un 0,5% -1.583 casos-, no das mulleres obesas -é dicir, cun IMC igual ou superior a 30 kg/m2- as incidencias foron dun 1% -2.393 ictus isquémicos nun total de 228.274 participantes- e dun 0,4% -910 ictus hemorráxicos-.

Como refiren os autores, “a totalidade da evidencia acumulada nos estudos previamente publicados confirma que os riscos asociados co exceso de peso son consistentemente maiores para o ictus isquémico que para o ictus hemorráxico”.

De feito, os resultados conclúen que cada incremento de cinco unidades no IMC supón un risco un 21% maior de sufrir un ictus isquémico. E así mesmo, que cada aumento das mesmas cinco unidades no IMC conleva, pola contra, un descenso do 12% da probabilidade de padecer un ictus hemorráxico.

Sen efecto protector

Cada ano, máis de 17 millóns de persoas de todo o mundo -e preto de 120.000 españois, maioritariamente mulleres- padecen un ictus. E mentres ata un 30% das persoas que sofren o episodio falece a consecuencia do mesmo, un 40% adquire unha discapacidade grave.

E neste contexto, a tenor dos resultados do novo estudo, o exceso de peso na poboación feminina é un factor de desenvolvemento ou, pola contra, protector, fronte ao ictus? E é que aínda que aumenta o risco de ictus isquémico, diminúe o de ictus hemorráxico. Pero como indica Kathryn Rexrode, do Brigham and Women’s Hospital en Boston (EEUU), nun editorial no mesmo número da revista, “o menor risco de ictus hemorráxico non supón que as mulleres con sobrepeso ou obesidade teñan un risco reducido de ictus en xeral”.

De feito, como puntualiza a especialista, “ter un elevado IMC asociouse cun aumento do risco de ictus total en todas as categorías, e o número de ictus isquémicos foi superior ao de ictus hemorráxicos en todas as categorías. Xa que logo, un maior IMC non se asocia cunha protección ou un risco reducido no ictus total. De feito, a obesidade é un factor de risco significativo de ictus en todas as idades e, moi especialmente, nos adultos novos”.

Información e imaxe extraídas de ABC.

0

A importancia do deporte na terceira idade

Debuxo de dúas persoas facendo deporte.

Manter unha actividade física regular é unha das accións que podemos levar a cabo para previr o dano cerebral por ictus. A medida que nos facemos maiores nosas capacidades físicas pódense ver reducidas, pero isto non significa que se deba abandonar o deporte ou as rutinas para manter o noso corpo activo. Os maiores tamén poden -e deben- incluír rutinas de exercicio na súa actividade diaria. Estas rutinas non só axudarán fronte aos accidentes cerebrovasculares, tamén fortalecerán o corpo preparándonos para previr as caídas e os golpes.

A OMS recomenda aos maiores de 65 anos que adiquen polo menos 150 minutos semanais a realizar actividades físicas moderadas aeróbicas durante tres ou máis días á semana. Camiñar, nadar, bailar ou exercicios de flexibilidade e tonificación como o ioga son algunhas das actividades que calquera persoa pode realizar con facilidade. Tamén é recomendable participar en rutinas dirixidas por un especialista, como esta publicada pola Aula de Pacientes de Castela e León. Nela inclúense os seguintes tipos de exercicios:

  • Exercicios dinámicos: ao comezo da rutina para quentar articulacións e aumentar a flexibilidade.
  • Exercicios de equilibrio, forza e resistencia: son actividades importantes ás que non hai que ter medo, porque o traballo para aumentar ou manter a nosa masa muscular, ben sexa con pesas ou con elementos que poidamos ter na casa, axudaranos a conservar forzas. As persoas cun corpo máis forte teñen máis opcións para manter o equilibrio e previr caídas.
  • Estiramentos: os estiramentos débense realizar antes e despois do exercicio. Son moi importantes porque melloran nosa flexibilidade pero, sobre todo, porque preveñen lesións e dores musculares posteriores.

Estas actividades pódense realizar de forma individual ou en grupo. Sexa como sexa, sempre é posible realizar exercicio e ter un envellecemento activo dentro das posibilidades de cada persoa con rutinas adaptadas a cada necesidade. No caso de que non se realice ningunha actividade e se desexe comezar unha rutina, é moi importante acudir ao médico, realizar unha revisión e deixarnos aconsellar tanto por el como por un especialista en actividades físico deportivas.

Consellos recollidos da páxina web de FEDACE. Hai máis información no vídeo que vai a continuación ou neste artigo da Aula de Pacientes de Castela e León.

0

Prohibido colgar os tenis no verán

Varias persoas xogando ao voleibol.

A pesar da calor estival, as persoas con diabetes deben procurar practicar exercicio a diario, desde a natación ata o power walking, o deporte de moda.

O verán, a subida das temperaturas e as vacacións con frecuencia provocan un impacto negativo nos hábitos de vida saudables. Poden mesmo contribuír a que algúns decidan colgar os tenis ata setembro. Pero para as persoas con diabetes, este é un luxo que non está ao seu alcance. Deben e teñen que procurar facer exercicio, tamén na época estival, aínda que é necesario tomar certas precaucións para que non teña ningún efecto negativo, debido ás condicións meteorolóxicas propias desta estación. Neste artigo recórdanse os beneficios de realizar exercicio para os diabéticos, as actividades que convén practicar e as precaucións que deben ter en conta.

Actividade física e diabetes

A actividade física é distinta do exercicio. A actividade fisica abarca o exercicio, pero tamén outras actividades que implican movemento e se realizan como parte da vida cotiá, como traballar, camiñar, bailar, facer as tarefas domésticas ou levar a cabo actividades recreativas, cuxos beneficios para a saúde implican reducir o risco de hipertensión, cardiopatía coronaria, accidente cerebrovascular, diabetes, etc. Ademais, é determinante para o gasto enerxético e, xa que logo, é fundamental para o equilibrio calórico e o control do peso.

En diabetes, practicar calquera tipo de actividade física con regularidade é un aspecto chave para o seu bo control. Cando se fai, as células vólvense máis sensibles á insulina, polo que poden funcionar de forma máis eficiente. Polo tanto, realizar exercicio con regularidade pode reducir o nivel de glucosa e mellorar o de hemoglogina glucosilada. Faino de varias formas:

  • Aumentando a sensibilidade á insulina, polo que as células poden aproveitar mellor a insulina dispoñible para usar glucosa durante e despois de practicar unha actividade física.
  • Cando os músculos se contraen durante a actividade, estimúlase outro mecanismo totalmente separado da insulina, o que permite que as células tomen glucosa e a utilicen como fonte de enerxía, con independencia de se hai insulina dispoñible.
  • O efecto da actividade física na glucosa varía segundo moitos factores, entre estes, o tempo que se está activo. A actividade física pode reducir a glucosa no sangue ata 24 horas ou máis despois de realizar exercicio, ao facer que o corpo sexa máis sensible á insulina.
  • Antes, durante e despois da práctica de calquera actividade física, as persoas con diabetes deben vixiar e estar preparadas ante unha hipoglucemia, en especial as que teñen diabetes tipo 1. O risco é menor no caso da tipo 2, salvo que tomen insulina ou un secretagogo de insulina. Se se produce unha hipoglucemia debe ser tratada de inmediato.

Se as hipoglucemias interferen con frecuencia ao realizar exercicio, é importante que as persoas afectadas o consulten co seu médico e que este estableza os cambios que considere oportunos, ben na rutina de actividades ou ben na alimentación ou na medicación. Non está de máis que antes de comezar a practicar calquera tipo de exercicio, e aínda que non se teña esta complicación, se acuda á consulta dun profesional sanitario, para que poida ofrecer consellos de utilidade acordes á condición de cada persoa.

Practicar exercicio no verán

A pesar da calor estival, hai que procurar practicar exercicio a diario. Unha boa alternativa pode ser recorrer a deportes acuáticos, como a natación ou o surf, cos que tamén se poderá facer fronte ás altas temperaturas sen problema. Pero se non se ten esta opción a man, non hai actividade máis sinxela e saudable que camiñar ou practicar o deporte de ‘moda’: o Power Walking. Esta práctica consiste en andar de forma rápida e enérxica, activando o abdomen e movendo os brazos. Ademais, as súas características pódense aprender con facilidade a través dun curso en liña e gratuito que puxo en marcha a Federación Española de Diabetes (FEDE) e ao que se pode acceder a través desta ligazón.

Ademais de seleccionar ben a actividade ou actividades que se farán este verán, é moi importante evitar facer exercicio nas horas centrais do día, cando a temperatura é máis alta, polo tanto é aconsellable empregar para esta práctica as primeiras ou as últimas horas de cada xornada. Ademais, é fundamental estar ben hidratado ou hidratada, xa que un dos mecanismos de control de temperatura é a sudoración, polo que en condicións de calor ambiental elevado, o corpo perde grandes cantidades de auga que se deben repoñer de inmediato.

A única forma de poder adquirir unha rutina diaria na práctica de exercicio e non abandonar ao segundo día é que, ademais de elixir unha actividade saudable, esta tamén sexa divertida e apta para a condición física de cada persoa. O verán pode dar unha nova oportunidade de descubrir outros deportes que marquen, a partir de agora, os momentos de lecer e contribúan a mellorar nosa saúde.

*Información extraída de Eroski Consumer.

0

Unha boa forma física na mediana idade prevén os ictus ao chegar a maiores

Pés de varias persoas facendo deporte.

As persoas cunha boa condición física cumpridos os 45 teñen un risco ata un 37% menor de padecer un ictus chegados os 65.

O exercicio físico é bo para a saúde. Unha realidade constatada por multitude de investigacións que demostran que as persoas cunha boa condición física teñen menos risco de desenvolver numerosas enfermidades, entre outras as cardiovasculares, a obesidade, a diabetes ou o cancro. Ademais, o beneficio do exercicio físico mantense a longo prazo. Unha evidencia á que agora se suma a acadada por un estudo levado a cabo por investigadores do Centro Médico da Universidade Texas Southwestern en Dallas (EE.UU.), no que se mostra que as persoas cunha boa forma física na mediana idade teñen un risco ata un 37% inferior de sufrir un ictus ao chegar aos 65 anos.

Como explica Ambarish Pandey, director desta investigación publicada na revista ‘Stroke’, “todos oímos dicir que o exercicio é bo para nosa saúde. Pero aínda hai moita xente que non o practica. A nosa esperanza é que os resultados deste traballo, no que se constata obxectivamente a prevención dunha enfermidade tan mortal como o ictus, motive á poboación para empezar a moverse e poñerse en boa forma”.

Previr o ictus

Para levar a cabo o estudo, os autores analizaron os historiais médicos de 19.815 adultos, un 79% dos mesmos varóns, que realizaran un test de esforzo para medir a súa capacidade cardiopulmonar cando tiñan unha idade entre os 45 e os 50 anos.

Os resultados mostraron que, comparados con aqueles cunha baixa capacidade cardiopulmonar, os participantes cunha boa forma física na mediana idade tiveron un risco un 47% menor de padecer un accidente cardiovascular á idade de 65 anos. Un beneficio, ademais, que resultou independente doutros factores de risco asociados ao ictus, caso da hipertensión arterial, a diabetes tipo 2 ou a fibrilación auricular.

En consecuencia, como destaca Jarett Berry, co-autor do estudo, “os nosos resultados avalan o papel independente e único do exercicio físico na prevención do ictus”. Un aspecto moi a ter en conta dado que cada ano preto de 120.000 españois -e máis de 17 millóns de persoas en todo o planeta- padecen un ictus, enfermidade que se corresponde cunha das primeiras causas globais de mortalidade e discapacidade.

Pero como conclúen os autores, “canto mellor é a forma física na mediana idade, menor é o risco de acabar padecendo un ictus ao cumprir os 65 anos”.

Hai que facer exercicio

Co obxectivo de preservar unha boa saúde, tanto presente como futura, os expertos recomendan a realización semanal de 150 minutos de exercicio moderado ou de 75 minutos de actividade física intensa. Ou de forma máis simple, 30 minutos diarios durante cinco días á semana é suficiente para manter unha boa saúde cardiovascular.

Con todo, como incide Ambarish Pandey, “polo xeral, a día de hoxe ter unha baixa condición física segue sendo un factor de risco ignorado na práctica clínica. Pero os nosos resultados suxiren que esta baixa forma física na mediana idade é un factor adicional que debe ser tratado para axudar a previr o ictus nunha etapa máis avanzada da vida”.

*Información e imaxe extraídas de ABC Salud.

0

Comer froita a diario protexe fronte ao infarto e o ictus

Bodegón con plátanos, mazás e peras.

A froita é un dos compoñentes básicos de calquera dieta saudable. Non en balde, contén baixos niveis de sodio e graxas e é unha fonte natural de potasio, fibra, antioxidantes e outras moitas substancias cardiosaudables. O resultado é que o consumo diario de 100 gramos de froita, sobre todo de laranxas e mazás, asóciase cunha diminución moi significativa da mortalidade cardiovascular, moi especialmente por un infarto de miocardio ou un ictus. Así o mostra un estudo levado a cabo por investigadores da Academia de Ciencias Médicas da China en Pequín (China) e publicado na revista The New England Journal of Medicine (NEJM).

Como explica a doutora Huaidong Du, directora do estudo, !a asociación entre o consumo de froita e o risco cardiovascular parece ser maior na Chinesa, onde a maioría da poboación come moi pouca froita, que nos países con maiores recursos económicos, nos que este consumo diario resulta moito máis común”.

Menor mortalidade cardiovascular

No estudo, os investigadores avaliaron ao longo de sete anos do estado de saúde de preto de medio millón de adultos de 10 áreas urbanas e rurais da China que non padecían ningunha enfermidade cardiovascular nin recibían tratamento antihipertensivo no momento da súa inclusión no estudo.

Concluído o período de seguimento, os resultados mostraron que o consumo diario de 100 gramos de froita conlevaba unha diminución de ata un 33% do risco de mortalidade por enfermidade cardiovascular tanto en mulleres como en varóns con independencia do seu lugar de residencia -urbana ou rural-. Ademais, este beneficio resultou independente doutros factores de risco cardiovascular, caso do tabaquismo e dos niveis de presión arterial e de glucosa en sangue.

Tal é así que, como conclúe o doutor Zhengming Chen, co-autor do estudo, “o incremento do consumo de froita fresca na China podería previr cada ano preto de medio millón de mortes por enfermidade cardiovascular, incluídas unhas 200.000 en persoas que aínda non cumpriron os 70 anos, e unha cifra moito maior de infartos e ictus non fatais”.

Un aspecto a ter en conta dado que, como conclúe o doutor Liming Li, co-autor da investigación, “un informe recente sobre a Carga Global das Enfermidades alerta de que o baixo consumo de froita é unha das principais causas de morte prematura no noso país”.

*Información extraída de Somos Pacientes e imaxe de Pixabay con licenza CC0.