0

Coloquio ‘Ictus en primeira persoa’

Cartel que anuncia o coloquio polo Día do Ictus

‘Ictus en primeira persoa’ é o título do coloquio que FEGADACE organiza o día 29 de outubro, e no que se vai tratar a doenza desde tres puntos de vista diferentes: o médico, o da familia, e o da propia persoa. FEGADACE organiza esta charla, na que tamén se vai introducir o Plan Ictus do Sergas, con motivo do Día Mundial do Ictus.

O coloquio vai ter lugar no Auditorio de Afundación da rúa do Vilar, 19, en Santiago de Compostela, de 12:30 a 13:30 hh., o sábado 29 de outubro.

En primeiro lugar, o coordinador de Urxencias do CHUAC e vicepresidente de SEMES Galicia, José Manuel Fandiño, vai facer unha breve introdución sobre o funcionamento do Código Ictus (que é o nome que recibe o mecanismo de atención de emerxencias) e unha presentación do Plan Ictus, proxecto de sensibilización e prevención do accidente cerebrovascular da Consellería de Sanidade.

A continuación, o achegamento ao ictus farase desde unha perspectiva máis persoal, reunindo tres puntos de vista. Susana Arias, neuróloga da Unidade de Ictus do CHUS e membro da Sociedade Galega de Neuroloxía (SGN), vai falar sobre a parte clínica. Fernando Galdo, membro da Xunta Directiva de ADACE e coidador da súa nai, vai falar da súa experiencia como familiar dunha persoa que tivo un ictus. Por último, Juan Luis Delgado, directivo de ADACECO, vai expoñer a súa propia experiencia durante e despois do ictus.

Outras actividades polo Día do Ictus

Ademais do amplo programa de conmemoracións polo Día do Dano Cerebral de FEGADACE e das súas asociacións, a Federación organiza actividades específicas polo Día do Ictus.

Advertisements
0

Un alumno da Universidade de Murcia crea unha ‘app’ para o tratamento da afasia

Dedo facendo clic nunha pantalla.

A aplicación, que axuda ás persoas afectadas a comunicarse mellorando as súas capacidades para a linguaxe, está desenvolvida por Android e lanzarase proximamente.

Un titulado pola Universidade de Murcia (UMU), Alberto Emilio López García, desenvolveu unha aplicación móbil para a avaliación e rehabilitación de pacientes afectados de afasia, a alteración neuropsicolóxica dunha ou varias capacidades da linguaxe por mor dun dano cerebral adquirido.

O proxecto de López García forma parte do seu traballo final dentro do máster interuniversitario en Comunicación Móbil e Contido Dixital da UMU e a Universidade Politécnica de Cartaxena. Este proxecto realizouno baixo a supervisión dos profesores da UMU Óscar Cánovas e Miguel Ángel Pérez.


A aplicación, que se chama ‘AfasiApp’, introduce dúas innovacións no campo da intervención da linguaxe e, máis especificamente, en persoas con dano cerebral adquirido, segundo informaron fontes da institución docente nun comunicado. A aplicación, desenvolvida actualmente para Android, será lanzada próximamente nos mercados de Google e Amazon.

*Información extraída de La Verdad e imaxe de Pixabay con licenza CC0.

0

Ictus Care, un aliado fronte ao dano cerebral adquirido

A app IctusCare en diferentes dispositivos.

Unha de cada seis persoas en todo o mundo sufriu ou sufrirá un ictus ao longo da súa vida. En España prodúcese un ictus cada seis segundos, con máis de 400.000 persoas afectadas. Estímase que as familias que experimentaron este problema deben asumir unha media de 27.000 euros ao ano para facer fronte a todos os gastos que implica o dano cerebral adquirido: rehabilitación, desprazamentos, adquisición de material ortopédico, etc.

Coa fin de axudar aos pacientes e aos seus seres queridos a concienciarse, obter información útil e reducir custos, a empresa de desenvolvemento Family Care Apps creou Ictus Care. A firma asegura que utilizando esta aplicación as familias poden conseguir un aforro de ata 4.800 euros.

Esta completa app ofrece consellos e exercicios sobre logopedia, fisioterapia e terapia ocupacional, proporciona información sobre centros de atención, permite acceder a vídeos útiles para saber como asistir na súa vida diaria á persoa con DCA, dispón de videochat para rehabilitación, integra un markeplace con ofertas de produtos e servizos e axuda a atopar produtos ortopédicos de segunda man.

Ictus Care foi unha das tres finalistas na II edición dos Premios G5 Innova, dedicados a recoñecer os mellores proxectos de emprendemento social do ano. Ademais, tamén participou en iniciativas como UEIA Social, Lanzadera, UNltd ou EEC 2013.

A ferramenta pódese descargar desde Google Play e a App Store, pero tamén se pode usar a través de calquera navegador móbil. Próximamente haberá unha versión para Chrome e outra para Windows.

*Información e imaxe extraídas de Applicantes.

0

O exercicio crea unha ‘reserva motora’ para a vellez

O exercicio crea unha 'reserva motora' para a vellez.

O exercicio crea unha ‘reserva motora’ para a vellez.

As persoas maiores que se manteñen fisicamente activas poden protexerse dos danos que ocorren en pequenas áreas do cerebro coa idade e que, doutra forma, poderían afectar á súa capacidade de movemento, segundo un estudo publicado Neurology, a revista da Academia Americana de Neuroloxía.

Moitas persoas maiores teñen pequenas áreas brillantes na materia branca do cerebro, que se observan con resonancia magnética (RM). A presenza na RM dunha pequena cantidade deses focos puntiformes hiperintensos na sustancia branca cerebral é un achado moi habitual e, nunha gran parte de casos, pódese considerar intrascendente. Con todo, niveis máis altos destas áreas brillantes na sustancia branca (o cableado do cerebro) relacionáronse con problemas de movemento, como dificultade para camiñar. Curiosamente, este estudo comprobou que as persoas máis activas fisicamente non tiñan unha caída das súas habilidades de movemento, ata con altos niveis de dano cerebral.

“Estes resultados subliñan a importancia dos esforzos para fomentar un estilo de vida máis activo nas persoas maiores para evitar problemas de movemento, que é un importante problema de saúde pública”, explica, Debra A. Fleischman, autora do estudo. Igual que a actividade intelectual pode crear unha reserva cognitiva que protexe do posible deterioro asociado á idade, os autores propoñen que “a actividade física pode crear tamén unha ‘reserva motora’ que protexe as habilidades de movemento dos efectos do dano cerebral relacionado coa idade”.

No estudo participaron 167 persoas cunha idade promedio de 80 anos. Os participantes levaron monitores de movemento nos pulsos durante 11 días para medir a súa actividade física. Tamén se lles fixeron 11 test das súas habilidades de movemento. Mediante resonancia magnética determinouse o volume de puntos hiperintensos na materia branca do cerebro.

En comparación cos que estaban no nivel de actividade media (percentil 50), os que se atopaban nos niveis de actividade máis alta (percentil 90 segundo os monitores de movemento) tiñan actividade equivalente a camiñar a 4 quilómetros por hora durante 1,5 horas cada día.

E para ese grupo de maior actividade física, a relación entre áreas brillantes na sustancia branca e deficiencias motoras rompía. Incluso os que tiñan unha maior cantidade de dano cerebral, medido polos puntos brillantes na resonancia, mantiveron as súas puntuacións nas probas de movemento. Con todo, os que estaban no percentil 50, cun nivel medio de actividade, ter unha maior cantidade de dano cerebral asociouse con puntuacións significativamente máis baixas nas probas de movemento. O efecto prexudicial foi aínda máis forte para aqueles con os niveis máis baixos de actividade física.

Os resultados mantivéronse despois de que os investigadores axustasen outros factores que poderían afectar a esta relación, como o índice de masa corporal (IMC), a depresión e a enfermidade vascular.

En calquera caso, sinalan os investigadores, o estudo non determina se a actividade física fai que as persoas conserven as súas habilidades de movemento; só mostra a asociación entre actividade física e mellores habilidades de movemento, mesmo con signos de dano cerebral, que en persoas menos activas asócianse a dificultades de movemento. Por iso é polo que pensan que o exercicio continuado pode crear unha especie de ‘reserva motora’.

Nun estudo previo, Fleischman demostrara que a actividade física e a forza das pernas son predictores relativamente independentes da disminución de mobilidade nas persoas maiores.

Información e imaxe extraídas do blog Cosas del Cerebro.

0

Ao rescate do cerebro

Marta Fernández, fisioterapeuta, axuda a Javier Herreros a realizar uns exercicios no Centro Estatal de Atención ao Dano Cerebral, en Madrid.

Marta Fernández, fisioterapeuta, axuda a Javier Herreros a realizar uns exercicios no Centro Estatal de Atención ao Dano Cerebral, en Madrid.

O 40% das persoas que sufriron un ictus enfróntanse a unha discapacidade. As novas tecnoloxías axudan aos pacientes a recuperarse.
Sobrevivir ao ictus, por Jorge M. Reverte.
“O 70% dos casos pódense evitar”.

Información, imaxes e gráficos extraídos de El País.

Un minúsculo coágulo de sangue é capaz de desencadear unha traxedia no cerebro. Unha metade do corpo sente que se lle vai a forza; os ollos só son capaces de ver unha parte do que teñen diante ou ven dobre; falar ou entender o que o outro di convértese en algo imposible, frustrante; o corpo perde o equilibrio, descoordínase e ten dificultade para poñer en orde accións que antes eran automáticas, como facer a cama. Son algunhas das secuelas do ictus, que se produce na gran maioría dos casos cando unha obstrucción nas arterias impide que o sangue flúa no cerebro. A falta de osíxeno pode chegar a matar ás neuronas afectadas. Os accidentes cerebrovasculares son unha das principais causas de mortalidade en España e un dos primeiros factores de discapacidade: o 40% dos supervivintes enfróntanse a secuelas, de maior ou menor gravidade, que cambian a vida de moitos deles. Teñen un longo e duro camiño por diante para reentrenar o cerebro.

A incidencia desta enfermidade vai en aumento en España (e en todo o mundo), en paralelo ao envellecemento da poboación e a uns hábitos de vida manifestamente mellorables, segundo constata a Sociedade Española de Neuroloxía. Os datos para analizar a evolución son aínda limitados. O que si se sabe é que houbo case 120.000 altas hospitalarias de pacientes que sufriran un ictus en 2013, un 36% máis que 15 anos antes, segundo o Instituto Nacional de Estatística. Os médicos aseguran que a mellora do diagnóstico e o tratamento traduciuse nunha redución da mortalidade, que agora afecta ao 30% dos casos.

homes-mulleres

“Diagnosticamos máis e mellor; fai 20 anos esta enfermidade permanecía oculta”, opina Exuperio Díez Tejedor, xefe do servizo de neuroloxía do hospital Universitario La Paz en Madrid. Os cidadáns dispoñen na actualidade de máis información sobre os síntomas e os pasos a dar en caso de accidente cerebrovascular, tamén coñecido como infarto cerebral, hemorráxico, trombose, embolia e apoplexía, aínda que non todos son exactamente o mesmo. O que máis marcou a estratexia en relación co ictus é o descubrimento a final do século pasado de que, contrariamente ao que se cría, as neuronas danadas son capaces de recuperarse dunha lesión e ata as sas poden asumir funcións doutras que morreron. “Pensábase que non había nada que facer; hoxe sabemos que o cerebro é altamente rexenerable, sobre todo se se actúa rápido”, di.

Nese duro proceso de recuperación está Javier Herreros, de 52 anos, funcionario do Ministerio do Interior, agora de baixa, que desde que sufriu un ictus en xullo de 2014 ten dificultades para andar. “A cadeira de rodas é o signo máis evidente do que lle sucedeu, pero hai moito máis detrás”, apunta Inmaculada Gómez Pastor, directora xerente do Centro Estatal de Atención ao Dano Cerebral (Ceadac), situado en Madrid. Trátase dun dos centros aos que se pode acudir en España en busca de rehabilitación. Javier, casado e cunha filla de 15 anos, entrou fai tres meses. Ten mobilidade reducida nun brazo. Non pode prepararse un café. “Na fala mellorei moito”, conta de forma pausada. “Todo cambiou, non me queda máis remedio que asumilo”, confesa. “Está a piques de deixar a cadeira de rodas”, destaca Susana Pajares, médico rehabilitador. Toda unha noticia para alguén que vive nun segundo sen ascensor. “Cando sufriu o ictus descubriu que tiña hipertensión e o colesterol alto”, di.

O colesterol alto, a hipertensión, a diabetes, as cardiopatías (arritmias), o tabaquismo, o alcohol, o sedentarismo e a obesidade son factores típicos de risco das enfermidades vasculares. Ás veces a vítima é o corazón, ás veces o cerebro. No caso dos homes, a primeira causa de mortalidade é o ataque cardiaco, seguido do cerebral. No caso das mulleres, o ictus está no primeiro posto. En ambos casos trátase de causas individuais. Se se suman todas as mortes debidas a diferentes tumores, o cancro vai na cabeza.

O envellecemento da poboación é un factor chave. “O ictus non é unha enfermidade só de anciáns, aínda que é evidente que afecta sobre todo aos máis maiores”, afirma Díez Tejedor. Tamén afecta a xente máis nova. A Sociedade Española de Neuroloxía estima que un 10% teñen menos de 50 anos. Pese a que nunca houbo tanta información dispoñible para levar unha vida sa, os factores de risco seguen ao alza. “Existe unha tendencia á negación da enfermidade. Por exemplo, cando preguntamos aos nosos pacientes por que creen que sufriron un ictus, moitos o achacan aos nervios, ao estrés, a un susto, á mala sorte; e non a que coman mal, fumen, beban e non fagan exercicio. O máis curioso é que logo de pasar por un taller informativo que organizamos sobre o ictus, moitos seguen contestando o mesmo. A prevención da enfermidade vascular debería empezar na infancia”, relata o doutor no seu despacho na planta de neuroloxía de La Paz.

A unidade de ictus do hospital é pioneira. Agora cumpre 20 anos. Nela, profesionais da sanidade especializados en infarto cerebral traballan para que o diagnóstico e o tratamento se consigan no menor tempo posible. A supervivencia e o alcance do dano que sufra o paciente dependerán en gran parte da rapidez coa que sexa atendido. “Canto antes se libere a obstrucción e se restaure o fluxo sanguíneo, mellor será a expectativa de recuperación”, di a responsable desta unidade, Blanca Fuentes, mentres sinala na pantalla do ordenador a imaxe dun trombo aloxado na arteria dun enfermo.

“As primeiras horas son cruciais. Nesa unidade controlamos ao paciente para intentar que reciba o tratamento sen sufrir complicacións, como infeccións, alteracións da tensión, entre outras”, explica a neuróloga. Outro paso importante é aplicar o tratamento sen esperar moito. Nas catro ou cinco horas despois do inicio dos síntomas, no caso dun ictus isquémico (son o 80%; o resto son hemorráxicos), a primeira opción é a trombólise intravenosa, que permite chegar á obstrucción cerebral a través do sangue. Se non funciona, a alternativa pode ser un cateterismo: desde a carótida, no pescozo, introdúcese un cable ata o trombo e extráese cunha especie de pinza.

O éxito das unidades de ictus levou ás comunidades autónomas a subscribir en 2008 unha estratexia nacional contra o infarto cerebral. O obxectivo era dispoñer de polo menos unha praza especializada por cada 100.000 habitantes (incluída unha cama, cun neurólogo presente as 24 horas, enfermeiros adestrados e monitorización). Con todo, este plan leva catro anos de atraso. Unha vintena de provincias non contan cunha unidade de ictus, segundo a Sociedade Española de Neuroloxía, o que fai diminuír a calidade da atención médica que reciben os seus habitantes. Na actualidade hai 55 unidades de ictus, case todas concentradas en Madrid e Barcelona, un dato que mellora sustancialmente o que había fai uns anos, pero que está aínda lonxe do previsto. Só Navarra e Cantabria cumpren o obxectivo dunha cama por cada 100.000 habitantes.

“Os plans promovidos desde a Administración supoñen un impulso, aínda que moitas cousas conseguímolas por iniciativa dos propios hospitais, organizándonos entre nós”, engade Díez Tejedor. “Todo está parado; confiamos en que o plan se reactive ao longo do ano”, explica Carmen Aleix, presidenta da Federación Española de Ictus, que agrupa a asociacións de pacientes e familiares. Aleix non é a única que considera que investir en prevención e nestas unidades supón ao final un aforro para as arcas públicas: “O custo social do ictus estímase en 6.000 millóns de euros ao ano, o equivalente ao 5% do gasto sanitario”.

mortandade

Unha das últimas novidades foi a aplicación da telemedicina. A unidade de La Paz, por exemplo, está conectada con outros centros da comunidade que non dispoñen deste servizo a través de videoconferencia. Se a eses centros chega un enfermo sospeitoso de sufrir un ictus, ponse en contacto cun neurólogo do hospital, que o explora, consulta as probas que lle fixeron e decide, nese mesmo momento e se é posible aplicalo, que tratamento é o mellor, antes mesmo de que sexa trasladado en ambulancia.

A mellora das probas diagnósticas -escáneres e resonancias sobre todo- facilitou a identificación do dano cerebral. Ademais, enxeñeiros, informáticos e neuropsicólogos están traballando no desenvolvemento de novas tecnoloxías que axuden a mellorar o día a día das persoas con secuelas importantes. Os expertos en rehabilitación do Ceadac puxeron en marcha varias iniciativas. Un sistema de focos luminosos que apuntan ao chan axuda a aprender, de novo, un patrón normal de marcha. “Hai unha aplicación móbil que permite comunicarse ás persoas que teñen dificultades para escribir ou falar; se necesitan axuda, marcan cun só dedo unha imaxe dun señor preocupado e o receptor recibe a mensaxe escrita de “necesito axuda”, explica a directora do centro. Colaboran coa Fundación Vodafone a fin de desenvolver un sistema de comunicación móbil para persoas con dificultades. Mentres, un mecanismo de estimulación eléctrica axuda aos afectados a reconectar cos seus músculos.

A doutora Blanca Fuentes sinala, nunha arteriografía, onde está aloxado o trombo dn paciente.

A doutora Blanca Fuentes sinala, nunha arteriografía, onde está aloxado o trombo dn paciente.

Situado no norte de Madrid, o Ceadac está aberto a cidadáns de toda España. Depende do Ministerio de Sanidade e foi creado fai 12 anos como centro de referencia para a rehabilitación de persoas con traumatismo craneoencefálico, cunha idade tope de 55 anos. A estancia media oscila entre seis e oito meses. Con todo, a maioría dos 250 usuarios que pasan cada ano polo centro estanse recuperando dun ictus. “Salvamos vidas que antes non salvabamos e agora sabemos que o cerebro é plástico e podemos rehabilitalo”, conta a súa directora. “A xente que temos aquí é moi nova e ten toda a vida por diante; debemos de intentar que a vivan o mellor posible”, asegura. O Ceadac é unha das opcións para os que necesitan rehabilitación. Outras alternativas son os servizos de fisioterapia dos propios hospitais e os seus centros especializados de área, os hospitais de media estancia e os centros privados.

Para as familias, a recuperación do paciente é determinante. O custo para alguén que necesite axuda a diario -non hai datos sobre que porcentaxe son- calcúlase nuns 25.000 euros ao ano de media. “Os grandes discapacitados non poderán volver traballar; requirirán o apoio dun coidador ou alguén da familia que quizais teña que deixar o traballo; se van en cadeira de rodas, deberán adaptar a vivenda”, relata Carmen Aleix, que engade que os recortes orzamentarios en rehabilitación e dependencia pola crise empeoraron a situación.

0

FEDACE, Fundación Vodafone e o CEADAC presentan unha plataforma tecnolóxica ao servizo das persoas con DCA

TabletsATECEGipuzkoa

Información extraída da páxina web de FEDACE.

A Fundación Vodafone España e a Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE), en colaboración co Centro de Referencia Estatal de Atención ao Dano Cerebral, presentaron no Día do Dano Cerebral -o 26 de outubro- o proxecto “mFACILyTA para Dano Cerebral Adquirido”. Esta iniciativa persegue mellorar a calidade de vida e a autonomía persoal na contorna cotiá das persoas con Dano Cerebral Adquirido (DCA) a través de aplicacións baseadas en tecnoloxías da información e da comunicación por medio de diferentes experiencias piloto nas asociacións adscritas a FEDACE e/ou entidades relacionadas coa atención a persoas con DCA.

A plataforma “mFACILyTA”, desenvolvida pola Fundación Vodafone, ofrece unha contorna para o desenvolvemento de apoios multimedia personalizados, de fácil uso para persoas con discapacidade e outros colectivos con necesidades de apoio.

Co proxecto “mFACILyTA para Dano Cerebral Adquirido”, Fundación Vodafone, FEDACE e o CEADAC reforzan o seu compromiso de realizar actividades conxuntas de accesibilidade e inserción socio-laboral, que melloren as condicións de vida das persoas con DCA.

Con este obxectivo o proxecto crea solucións tecnolóxicas intuitivas, portátiles e accesibles, que facilitan ás persoas con DCA aprender de novo os procesos e tarefas afectados polo dano sufrido.

A plataforma “mFACILyTA” soporta o deseño de programas adaptados ás necesidades de aprendizaxe e apoio específico que aumentan sustancialmente o tempo de adestramento ao que poden acceder as persoas afectadas para poder rehabilitar as súas capacidades cognitivas e de comunicación, facilitando o acceso a información de apoio para conseguir unha maior autonomía persoal na vida diaria.

Por estas razóns “mFACILyTA para Dano Cerebral Adquirido” actuará en diversas contornas da vida: fogar, lecer, laboral, rehabilitación e comunitario.

Nas experiencias piloto participarán ata 60 persoas con dano cerebral, as cales contarán co apoio de 15 profesionais de 5 asociacións adscritas a FEDACE: ATENEO (Castelló), ADACEN (Pamplona), ATECEA (Zaragoza), Sarela (Santiago de Compostela) e ADACCA (Cádiz). Para o escenario de rehabilitación FEDACE contará co apoio do CEADAC (Centro de Referencia Estatal de Atención Ao Dano Cerebral).

0

Sarela colabora co Multiúsos do Sar para a promoción do deporte

Jesús e Patricia, protagonistas da campaña publicitaria.

Jesús e Patricia, protagonistas da campaña publicitaria.

Información e imaxes extraídas da páxina web de Sarela.

O deporte é unha prioridade para a Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela. Moitas das persoas usuarias da asociación precisan practicalo como parte dos seus tratamentos de rehabilitación, ao tempo que a sociedade en xeral debe ser consciente de que o deporte, como a alimentación equilibrada e outros hábitos de vida saudábel, é un piar da prevención do ictus -que é a principal causa do dano cerebral-.

Esta fin de semana a relación de Sarela coas instalacións deportivas municipais de Fontes do Sar e Santa Isabel (Compostela) deu un novo froito: a colaboración na campaña ‘Abonados 2014’. Dúas das persoas usuarias de Sarela que empregan o Multiúsos do Sar prestan a súa imaxe para animar a toda a cidadanía compostelá a practicar deporte nas instalacións do concello. O anuncio que protagonizan publicouse o sábado no xornal El Correo Gallego e onte nas páxinas de La Voz de Galicia.

Imaxe do anuncio publicado.

Imaxe do anuncio publicado.

“Vimos facer deporte coa Asociación de Dano Cerebral Sarela. O que máis nos gusta é a bici estática. Séntanos moi ben e pasámolo xenial!”. Estas son as declaracións de Jesús e Patricia, protagonistas da campaña, sobre a súa práctica deportiva. O Multiúsos e o Santa Isabel aproveitan a ocasión para visibilizar a accesibilidade das súas instalacións para as persoas con discapacidade. Mentres, Sarela quere insistir no positivo de practicar deporte con regularidade.

0

As persoas con dano cerebral adquirido melloran facendo exercicio físico en grupo

cerebro

Un estudo demostra que incrementan a súa capacidade física e a súa percepción de seguridade.

Información extraída de Tendencias 21.

As persoas con dano cerebral adquirido, provocado por un ictus, un traumatismo ou un tumor, melloran cando realizan exercicio físico en grupo, segundo un estudo realizado polo INEF da Universidade Politécnica de Madrid. Melloran en velocidade, resistencia, equilibrio dinámico, capacidade funcional e percepción do equilibrio, así como percepción de realización de actividade xeral e número de pasos.

O dano cerebral adquirido fai referencia a calquera tipo de lesión non dexenerativa que se produce no cerebro, como ictus, traumatismos cranioencefálicos, tumores, etcétera. Este tipo de lesión pode causar un deterioro neurolóxico permanente que repercute na calidade de vida do individuo e diminúe a súa capacidade para realizar tarefas da vida diaria.

As actividades físicas grupais preséntanse como un tratamento efectivo para a mellora da capacidade funcional, tal e como pon de relevo unha investigación realizada polo Centro de Estudos sobre Deporte Inclusivo, formado pola Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte (INEF) da Universidade Politécnica de Madrid (UPM) e a Fundación Sanitas, en colaboración co Club Deportivo Elemental Deporte para Dano Cerebral Adquirido e o Centro de Referencia Estatal de Dano Cerebral Adquirido do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso).

No noso país, o número de casos de dano cerebral adquirido aumentou considerablemente nos últimos anos. Os déficits que produce esta discapacidade son moi variados e pódense englobar en catro áreas: cognitivos, emocionais e de conduta, sensoriais e físicos. A persoa con estas lesións pasa por tres fases na súa recuperación: aguda, subaguda e crónica. En todas elas, os tratamentos que se aplican tenden fundamentalmente a que o paciente manteña as capacidades conservadas. A eses tratamentos tradicionais os investigadores sumaron novas técnicas grupais de rehabilitación física que tenden a mellorar a capacidade funcional, a integración na comunidade e por conseguinte unha maior calidade de vida.

Na investigación, informa a UPM nunha nota de prensa, participaron 33 pacientes (22 homes e 11 mulleres), cunha media de idade de trinta anos; todos eles con dano cerebral adquirido en fase subaguda. As actividades físicas grupais nas que tomaron parte durante dez semanas comprenderon obradoiros de circuíto, equilibrio simple, equilibrio dual, desprazamento dual e actividades físico-deportivas.

Ao comezar e concluír o programa rehabilitador avaliáronse as variables de velocidade (proba de velocidade da marcha en 10 metros), resistencia (proba de marcha de 6 minutos), equilibrio dinámico (Step Test), capacidade funcional (Timed Up & Go), escala de percepciónde seguridade (Activities-specific Balance Confidence Scale) e o cuestionario Physical Activity and Disability Survey (PADS), o promedio da intensidade da actividade e o número de pasos fose do centro de rehabilitación (usando monitores de actividade física).

Deseño do estudo

O programa de actividades físicas grupais tivo unha duración de dez semanas e levouse a cabo por un equipo transdisciplinar formado por fisioterapeutas, médicos rehabilitadores, terapeutas deportivos e terapeutas ocupacionais. Desenvolvéronse varios obradoiros: circuíto (sortear obstáculos e pasar da acción de andar á de sentar), equilibrio simple (exercicios para a mellora do equilibrio sobre colchonetas), equilibrio dual (exercicios para a mellora do equilibrio e a marcha sobre colchonetas, á vez que se realizan tarefas cognitivas, como sumas, restas ou deletrear palabras) e actividades físico-deportivas, que incluíron actividades acuáticas en piscina profunda, natación, desprazamento, coordinación, equilibrio deportivo, fútbol, baloncesto, unihockey, hockey interior, disco volador, ringo, palas, minicestas, tenis de mesa e voleibol.

Resultados

Os pacientes que participaron nos cinco talleres obtiveron melloras estatisticamente significativas na velocidade, resistencia, equilibrio dinámico, capacidade funcional e percepción do equilibrio, percepción de realización de actividade xeral e número de pasos.

Pódese concluír, xa que logo, que os resultados desta investigación indican que a inclusión dun programa de actividades físicas grupais na rehabilitación de persoas con dano cerebral adquirido mellora as capacidades físicas, a percepción de seguridade, a actividade xeral e o número de pasos, o que pode favorecer unha maior participación na comunidade.

0

Seis consellos para a prevención do dano cerebral adquirido nas vacacións

vacacions

A rutina da vida diaria facilita levar uns hábitos saudábeis. Dividimos o día segundo as actividades laborais, as comidas, as obrigas… Que nos fan planificar e sermos quen de coidar mellor a nosa alimentación ou de reservar un rato cada semana para facer deporte.

Nas vacacións, e máis se se vai de viaxe, é moi doado abandonar estes bos hábitos. Prodúcese un desequilibrio e aumenta a ameaza dos factores de risco do dano cerebral adquirido. Con estes seis consellos queremos axudarvos a trasladar os hábitos de vida saudábel ao contexto vacacional, insistindo nos factores de risco adicionais que se incrementan coas actividades de lecer.

1. Extremar as precaucións na estrada.

A lista de consellos para as vacacións comeza no mesmo momento de saír da casa. Se o medio de transporte escollido é o vehículo particular, debemos ter moito coidado na estrada. Planificar ben a viaxe, turnarse ao volante, non conducir más de dúas horas seguidas, ventilar ben o coche e coidar a inxesta de líquidos e alimentos son pautas que axudan ao benestar da persoa que conduce. Extremar as precaucións na circulación, tendo en conta que os desprazamentos se multiplican e o tráfico se incrementa, é fundamental para evitar accidentes de tráfico. Estes son a segunda causa do dano cerebral adquirido.

Os peóns tamén deben ter coidado, especialmente nas zonas moi transitadas. Motoristas e ciclistas non deben esquecer o casco aínda que o traxecto previsto sexa de curta duración.

2. Froita, verdura… e moita auga!

De vacacións, e especialmente comendo fóra da casa, é moi doado deteriorar a nosa alimentación, inxerindo máis graxas en forma de fritos, postres… Manter os horarios e facer cinco comidas ao día é bo para minimizar os cambios no organismo. En canto aos menús, é bo manter a inxesta de verduras e legumes (o calor axuda a que as ensaladas vaian ben como primeiro prato), optar polas técnicas de cociña máis sinxelas (verduras ao vapor, peixe grellado, carne á prancha…) e prestar especial atención aos postres, evitando os de fabricación industrial, dosificando os xeados, e aproveitando para tomar algunha froita.

Nos almorzos e nas excursións tamén é unha boa idea levar algo de froita para repoñer nutrientes.

Hidratarse de maneira abundante é fundamental para frear os riscos do calor. A auga é a mellor maneira; tamén poden ser boas algunhas infusións (especialmente o té verde, cargado de antioxidantes), os zumes de froitas naturais, e as bebidas isotónicas (no caso de actividade deportiva forte). Débense evitar, iso si, os refrescos (cheos de azucre) e moderar o consumo de alcol. No caso de viaxes a países subdesenvolvidos, a auga para o consumo debe ser sempre embotellada.

Unha alimentación equilibrada mantén a raia o risco de ictus: por que non poñela en práctica, tamén, nas vacacións?

3. Fai turismo camiñando e refréscate nadando.

O verán convida a practicar deporte ao aire libre. Cómpre non facelo nas horas nas que o sol ten máis forza, e tamén é importante, unha vez máis, manter unha continua hidratación.

Nas viaxes podemos aproveitar para coñecer novos lugares desprazándonos en bicicleta, facendo pequenos roteiros, ou paseando polas cidades en lugar de empregar medios de transporte mecánico.

A natación é o deporte rei do verán: na praia, no río ou na piscina é posíbel gozar dunha actividade refrescante e moi completa. Nadar en pequenos intervalos de cinco minutos é suficiente para que esta actividade repercuta positivamente no organismo. Neste caso a precaución debe extremarse no río, non empregando máis que as zonas habilitadas para o baño, e na praia, seguindo as indicacións -bandeiras verde, amarela e vermella- e non afastándose demasiado da beira para nadar. É importante sinalar que pequenos despistes e perdas producen afogamentos, e que a falta de osíxeno tamén pode causar dano cerebral.

3. Mergullo con seguridade.

Directamente relacionado coa natación está o perigo de traumatismos cranioencefálicos, que se incrementan no verán polos xogos no momento do mergullo. Hai risco na piscina, no río, e na praia. Cómpre ter especial coidado en zonas descoñecidas, rochosas, de augas turbias ou con pouca visibilidade, e comprobar como é a superficie baixo a auga antes de tirarse.

4. A modo, e pola sombra, para evitar as caídas.

As persoas maiores deben ter especial coidado de manter a hidratación e evitar os golpes de calor, que poden provocar leves desmaios que conduzan a caídas e traumatismos no cerebro. Non se debe saír nas horas de máis calor, e se se fai débese cubrir a cabeza e beber auga con aínda máis frecuencia.

Especial atención merecen tamén as zonas húmidas relacionadas co baño estival, como os vestiarios e as duchas das piscinas. Andar a modo, empregar as agarradeiras e moverse con precaución son pautas que minimizan o risco de golpes por caídas.

5. Manter o coidado da saúde vascular.

As viaxes, especialmente en avión, poden repercutir negativamente na circulación do sangue. Evitar a roupa apretada, mover as pernas con frecuencia no caso de viaxes longas -en calquera medio de transporte-, e usar un calzado axeitado tamén son pautas importantes para reducir o risco de ictus.

No caso de facer turismo exterior, debemos levar connosco un pequeno botiquín -seguindo as indicacións adecuadas para o país de destino-. Non esquecer os tratamentos habituais tamén é moi importante: manteñamos as rutinas que nos favorecen!

6. Descanso, relaxación e axuda mutua.

Manter a rutina do sono, deixar na casa os teléfonos móbiles e outros dispositivos, non consumir televisión, gozar do pracer da lectura, desprazarse a lugares tranquilos, evitar os ruídos e, en definitiva, abandonarse ao descanso, son consellos que nos axudarán a deixar atrás o estrés da vida diaria e que nos cargarán as pilas para a volta.

No caso de que no noso contorno haxa coidadores/as de outras persoas en situación de dependencia, é bo achegarse e ofrecerlles a nosa axuda. Se os recursos públicos son insuficientes para o respiro familiar, intentemos comunitariamente facerlle a vida máis fácil a quen ten a responsabilidade dos coidados. Turnarse ou substiuír ao coidador ou coidadora axudará a que esta tamén poida ter vacacións.

A vida social tamén nos relaxa e nos enriquece: aproveitemos as vacacións para visitar familiares e amizades. Pasar o tempo con eles/as tamén favorece o descanso, a desconexión, e a risa!

0

Caídas. Consellos prácticos

caidas

O Centro de Referencia Estatal (CRE) do Alzheimer, dependente do Imserso, publicou na súa páxina web unha serie de consellos para previr as caídas. Os traumatismos cranioencefálicos causados por elas son unha das causas do dano cerebral, con especial incidencia en persoas maiores, polo que recollemos os consellos de CRE Alzheimer, que tamén nos son de utilidade:

  • Identificar os factores de risco. Marcha irregular, a persoa camiña con medo ou dor, presenta desorientación e confusión, inmobilidade progresiva.
  • Controlar a medicación pautada. Antiparkinsonianos, analxésicos narcóticos, psicótropos e tranquilizantes, diuréticos, ahtihipertensivos e cariotónicos.
  • Favorecer a capacidade funcional. Exercicios adaptados para a persoa.
  • A sobreprotección ou as présas son un inimigo que potencia a dependencia. Non facer as cousas que a persoa non dá feito.
  • Erguelo lenta e progresivamente da cama. Primeiro incorporar o tronco, logo sentalo na cama e despois erguelo.
  • Explicarlle que o uso de axudas mecánicas non é algo limitante nin vergoñento. Bastóns, andadores, cadeiras de rodas…
  • Adecuar o domicilio, o baño e o seu cuarto. Evitar a sobrecarga de mobles, alfombras, boa iluminación…