2

Jocomunico: unha APP que ‘traduce’ pictogramas a frases en linguaxe natural

Interfaz da APP Jocomunico.

Jocomunico é unha aplicación para ordenadores, móbiles e tabletas que permite a persoas sen comunicación oral, con parálise cerebral ou outras discapacidades, expresarse normalmente ao traducir os conxuntos de pictogramas seleccionados en linguaxe natural, permitindo así a comunicación espontánea e ata o uso de tempos verbais ou de distintos tipos de expresión, como preguntas, imperativos ou desexos.

A aplicación, desenvolvida en tan só seis meses, contou coa participación de diversas persoas con parálise cerebral da Fundación Prodis Tarrasa (pertencente ao movemento ASPACE), encargadas de probar e avaliar a aplicación durante tres meses, o que permitiu lanzar a aplicación con todas as súas funcionalidades adaptadas ás necesidades do colectivo.

A aplicación é gratuita e pode descargarse en www.jocomunico.com, estando dispoñible tanto para móbiles Android como iOS. Ademais ten a posibilidade engadida de poder executarse a través dun navegador, o que permite ter a aplicación sincronizada en todos os dispositivos. Desta forma, os comunicadores personalizados de cada usuario, así como as súas preferencias e configuracións estarán sempre dispoñibles aínda que cambie de dispositivo.

Jocomunico conta con teclado por varrido (ou escaneo) para que poida ser manexada por aquelas persoas con menor mobilidade a través de botóns adaptados (e outros periféricos), permitindo así que non sexa necesario facer uso da pantalla do dispositivo. Ademais pódense configurar frases e almacenalas para o seu uso posterior; así mesmo conta cun sistema de predicción de pictogramas, podendo, ademais, gardarse aqueles máis usados como favoritos.

A importancia desta aplicación é dobre, primeiro porque as oracións que escoita o receptor da mensaxe son perfectamente comprensibles e en linguaxe cotiá e natural, e segundo porque permite ás persoas con discapacidade ‘redactar’ as súas frases no momento, e non levalas fixadas con antelación, o que posibilita a espontaneidade da linguaxe.

*Información extraída da páxina web de ASPACE.

0

As aplicacións para móbiles no control do sobrepeso e a obesidade

Icona dun teléfono móbil dentro dun prato.

Hoxe en día, na medicina estamos a asistir a unha rápida revolución coñecida como saúde móbil (mHealth). Ultimamente, este campo da saúde tivo un gran apoxeo debido á utilización de dispositivos móbiles que axudan no diagnóstico, tratamento e seguimento de certas enfermidades.

A saúde móbil leva camiño de converterse nunha peza fundamental en todos os sistemas sanitarios e, moi probablemente, cambiará todo o habitual e coñecido na información, a educación e a vixilancia das enfermidades crónicas ou os hábitos de vida saudables, nos que as apps terán un importante papel.

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), en 2014 no mundo occidental, ao redor do 13% da poboación adulta padecía obesidade e o 39%, sobrepeso. Perante este contexto, e dada a magnitude do problema, as novas tecnoloxías da información e comunicación especializadas en crear apps para dispositivos móbiles, teñen un amplo mercado, xa que nos poden ofrecer novos enfoques e unha oportunidade potencial de controlar eficazmente o noso peso.

Hoxe en día, hai centos de apps para controlar o adelgazamento, postulándose como unha vía de axuda para controlar o peso, sen esquecer que a obesidade é unha enfermidade crónica cuxo tratamento require cambios profundos no estilo de vida, resultando necesario un recordo constante dos mesmos.

As apps, por si soas, non dan resultado ningún, dado que non impulsan un cambio de hábitos alimenticios e de actividade física, non analizan a causa do problema e a corrixen, nin personalizan a dieta ao usuario e a súa progresión. Ben é certo que as apps poden achegar un reforzo positivo e unha motivación extra, ao acompañarnos cada minuto do día.

Poden ser unha boa ferramenta que complemente o traballo dun profesional da saúde cando paciente e profesional estean familiarizados co seu uso, pero como toda ferramenta debe ser usada correctamente, e debemos ser precavidos á hora de depositar nelas nosa plena confianza.

Pero antes de penetrarnos con fe cega neste novo mundo, habería que preguntarse se existe evidencia científica suficiente que avale que estas novas tecnoloxías poidan ser realmente efectivas para a súa utilización na sanidade.

Hoxe en día, calquera persoa con coñecementos informáticos pode crear unha app e ofrecela ao público e, cando o usuario as busca, pode seleccionalas por temáticas, pero non por fiabilidade ou rigor científico. Por tanto, deberemos informarnos e ter unha actitude crítica cara a elas.

A día de hoxe, son poucos os estudos que avalen con rigor un cambio; tan profundo, dado que non hai aínda evidencia científica que xustifique a eficacia das apps no control do sobrepeso e a obesidade.

É necesaria certa supervisión e análise das novas apps que van aparecendo xa que son moi poucas as que foron creadas por algunha organización relacionada coa saúde, sendo moitas as apps que non funcionan no control do sobrepeso e a obesidade.

A pesar de non existir evidencia científica que xustifique a eficacia das apps, está a apostarse por esta vía tecnolóxica como apoio para reducir quilos e manter o peso, sempre que paciente e médico estean familiarizados con esta alternativa.

Aínda que a maioría destas apps son inocuas para o consumidor, para previr os posibles riscos para a saúde relacionados con estas aplicacións médicas a través de teléfonos móbiles e tabletas, deberán estar sometidas aos mesmos controis e acreditacións que outros dispositivos médicos.

Para que estas apps contribúan á mellora da saúde na nosa sociedade é preciso evitar aquelas que son “copias das dietas milagre” e que se elixan as máis completas, xa que poden ofrecer información nutricional e propostas de exercicio.

*Información extraída do portal Xente con Vida e imaxe de Pixabay con licenza CC0.

0

Desenvolven un sistema pioneiro para a rehabilitación do ictus a domicilio

hospital

Mefacilyta Rehabilitación é o froito do traballo conxunto do Vall d’Hebron e a Fundación Vodafone.

Información e imaxe extraídas de Médico Hospitalario.

A nova alianza entre o Hospital Vall d’Hebron de Barcelona e a Fundación Vodafone España conduciunos ao desenvolvemento dun sistema pioneiro para dispositivos móbiles que permite ás persoas que se viron afectados por un ictus facer rehabilitación desde a súa casa. Un sistema, ‘Mefacilyta Rehabilitación’, co que seguir a rehabilitación desde o domicilio e a través do móbil ou tablet.

O director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, e o neurólogo da Unidade de Ictus do Vall d’Hebron Marc Ribó, presentaron a iniciativa denominada Mefacilyta Rehabilitación. Ambos destacaron que permitirá rehabilitar “a preto do 20% dos 2.000 pacientes con ictus que acoden anualmente ao Vall d’Hebron”, o que supoñerá minimizar custos sociais e económicos. Este grupo de pacientes con ictus só deberán contar cunha tablet para facer uso de Mefacilyta.

O médico, a través deste sistema, envía en formato multimedia os exercicios de rehabilitación personalizados, aos que accede o paciente desde o seu domicilio cando comeza a sesión. A cámara da tablet rexistra todos os exercicios e ademais funciona de espello para que o usuario comprobe se o fai correctamente. Finalmente, o sistema envía os exercicios ao médico “e xera informes sobre a evolución dos pacientes”, concreta Moreno. O sistema, avanzaron, estará dispoñible antes de maio.

0

Un novo software posibilita o uso do ordenador e aplicacións de comunicación mediante a mirada

Imaxe extraída da páxina web de Irisbond.

Imaxe extraída da páxina web de Irisbond.

Facilita o seu uso ás persoas con discapacidade motora.

Información extraída de Noticias de Navarra.

Un novo software, elaborado por Irisbond coa colaboración da Asociación de Esclerose Múltiple de Gipuzkoa (Ademgi) e a Deusto Business School, permite o uso do ordenador e aplicacións para móbiles de mensaxería como o WhatsApp coa mirada, facilitando o seu uso ás persoas con discapacidade motora.

Nun comunicado, Ademgi explicou que este software, denominado Smartplaphoons, permite acceder a diferentes aplicacións do ordenador mediante a mirada. O proxecto arrincou en setembro de 2013, cando se creou un equipo de traballo multidisciplinar.

A nova ferramenta logra, simulando o uso dos smartphones actuais, “reducir” a pantalla do ordenador a nove botóns de gran tamaño e permite acceder a diferentes aplicacións do ordenador con precisión e de forma rápida e funcional.

Deste xeito, combinado co sistema de Irisbond, permite ao usuario, cun número menor de ‘clicks’ realizado cos ollos, escribir e-mails, navegar en internet, traballar na contorna da ofimática, crear e gravar mensaxes que poden ser impresas ou escoitadas mediante voz sintetizada ou dixitalizada, etc. De entre todas as aplicacións, cabe salientar o acceso a outras vías de comunicación, como é o WhatsApp.

Ademgi colaborou no desenvolvemento do software aportando a súa experiencia no trato directo con pacientes e posibles usuarios, así como o seu coñecemento do uso de Sistemas Aumentativos de Comunicación por parte de persoas con discapacidade motora.