2

Jocomunico: unha APP que ‘traduce’ pictogramas a frases en linguaxe natural

Interfaz da APP Jocomunico.

Jocomunico é unha aplicación para ordenadores, móbiles e tabletas que permite a persoas sen comunicación oral, con parálise cerebral ou outras discapacidades, expresarse normalmente ao traducir os conxuntos de pictogramas seleccionados en linguaxe natural, permitindo así a comunicación espontánea e ata o uso de tempos verbais ou de distintos tipos de expresión, como preguntas, imperativos ou desexos.

A aplicación, desenvolvida en tan só seis meses, contou coa participación de diversas persoas con parálise cerebral da Fundación Prodis Tarrasa (pertencente ao movemento ASPACE), encargadas de probar e avaliar a aplicación durante tres meses, o que permitiu lanzar a aplicación con todas as súas funcionalidades adaptadas ás necesidades do colectivo.

A aplicación é gratuita e pode descargarse en www.jocomunico.com, estando dispoñible tanto para móbiles Android como iOS. Ademais ten a posibilidade engadida de poder executarse a través dun navegador, o que permite ter a aplicación sincronizada en todos os dispositivos. Desta forma, os comunicadores personalizados de cada usuario, así como as súas preferencias e configuracións estarán sempre dispoñibles aínda que cambie de dispositivo.

Jocomunico conta con teclado por varrido (ou escaneo) para que poida ser manexada por aquelas persoas con menor mobilidade a través de botóns adaptados (e outros periféricos), permitindo así que non sexa necesario facer uso da pantalla do dispositivo. Ademais pódense configurar frases e almacenalas para o seu uso posterior; así mesmo conta cun sistema de predicción de pictogramas, podendo, ademais, gardarse aqueles máis usados como favoritos.

A importancia desta aplicación é dobre, primeiro porque as oracións que escoita o receptor da mensaxe son perfectamente comprensibles e en linguaxe cotiá e natural, e segundo porque permite ás persoas con discapacidade ‘redactar’ as súas frases no momento, e non levalas fixadas con antelación, o que posibilita a espontaneidade da linguaxe.

*Información extraída da páxina web de ASPACE.

0

Presentado o videoxogo accesible BocciAPP

Captura do videoxogo BocciAPP

A Fundación Universidade de Oviedo e a Fundación Vodafone organizaron en Oviedo, no mes de decembro, a Xornada ‘Conectados pola Accesibilidade’, un punto de encontro no que se presentaron distintos proxectos que mostran como as novas tecnoloxías poden contribuír a eliminar barreiras e permitir a persoas con parálise cerebral participar dun xeito máis activo na nosa sociedade.

Durante a xornada realizouse a presentación e demostración en directo do novo videoxogo accesible BocciAPP. Esta aplicación, desenvolvida por Wildbit Studios, que simula o xogo orixinal de boccia, é gratuíta e accesible para persoas con parálise cerebral grazas ao uso de pulsadores. Foi promovida pola Fundación Vodafone España coa colaboración da Fundación da Universidade de Oviedo e a Confederación ASPACE.

A aplicación pódese descargar en Google Store.

Ademais, ASPACE Asturias presentou o proxecto ‘TvPC á Carta’, unha iniciativa na que persoas con parálise cerebral únense para crear un blog e unha canle de contido audiovisual no que eles son os actores principais. Todas as persoas implicadas no proxecto desenvolven as funcións propias dun equipo de televisión e xeran contidos de interese que fomenten a visibilidade da parálise cerebral.

Pola súa banda, ASPACE Xixón compartiu a experiencia ‘ASPACEChef’, un taller de cociña adaptado ás necesidades, competencias e posibilidades das persoas con parálise cerebral.

*Información extraída da páxina web da Fundación Vodafone.

0

Desenvolven un videoxogo pensado para nenos e nenas con parálise cerebral

Captura do videoxogo Arcade Land.

‘Arcade Land’ é o nome dun dos últimos videoxogos de factura española desenvolvidos para Playstation 4, pero ademais é o primeiro título que está enfocado a un público con parálisis cerebral.

O xogo é un compendio doutros videoxogos clásicos do xénero arcade, entre os que se atopan algúns tan famosos como ‘Pacman’, ‘Pong’, ‘Space Invaders’ ou ‘Arkanoid’, que foron revisados e programados en 3D para a ocasión. A idea xurdiu da cabeza de Juanjo González, ex director de marketing de empresas como Electronics Arts España ou Xbox España, e o desenvolvemento correu a cargo de Koth Studio. O financiamento chegou de parte de Sony e do programa de Emprendimento Social da Obra Social La Caixa, que galardonou o ano pasado á empresa de marketing social Helping, responsable de ‘Arcade Land’, con 25.000 euros para poder cubrir parte dos gastos necesarios para a creación do xogo.

“Cando estaba facendo a miña tese de doutoramento empecei a desenvolver unha teoría de que os videoxogos comerciais poden ser bos. Decateime de que había un oco na industria, non había videoxogos feitos a medida”, asegura González, en referencia ao sector dos nenos e nenas con parálise cerebral e outras discapacidades, que con este título poden gozar dos videoxogos e ademais sentirse máis integrados. “Son pícaros que nunca puideron xogar a unha videoconsola”, recalca. ‘Arcade Land’ pode ser xogado do xeito habitual, cun mando, pero a súa xogabilidade adaptada para os cativos e cativas con parálise cerebral realízase grazas á webcam da videoconsola, que localiza ao xogador e este pode accionar os controis movendo o corpo e a cabeza.

“Queriamos que fose participativo. Que se un neno ten un irmán con parálise cerebral, poidan xogar xuntos”, engade o responsable de Helping, que asevera que parte dos ingresos percibidos irán destinados a desenvolver outro xogo de características similares e ao Centro de Terapia Neurolóxica Monte del Pilar. Alí probaron o xogo con varios pacientes, aos que se lles controlou o ritmo cardiaco, o foco de atención ou as posturas de movementos patolóxicos, garantindo que Arcade Land non é prexudicial para a saúde.

O videoxogo pódese adquirir a través do Market Store de Playstation 4 por 9,99 euros e está dispoñible en máis de 40 países de Europa, Asia e América. Aínda non conta con cifras de venda, aínda que o responsable de Arcade Land espera vender entre 50.000 e 60.000 unidades en todo o mundo.

*Información extraída de SID Usal.