2

Jocomunico: unha APP que ‘traduce’ pictogramas a frases en linguaxe natural

Interfaz da APP Jocomunico.

Jocomunico é unha aplicación para ordenadores, móbiles e tabletas que permite a persoas sen comunicación oral, con parálise cerebral ou outras discapacidades, expresarse normalmente ao traducir os conxuntos de pictogramas seleccionados en linguaxe natural, permitindo así a comunicación espontánea e ata o uso de tempos verbais ou de distintos tipos de expresión, como preguntas, imperativos ou desexos.

A aplicación, desenvolvida en tan só seis meses, contou coa participación de diversas persoas con parálise cerebral da Fundación Prodis Tarrasa (pertencente ao movemento ASPACE), encargadas de probar e avaliar a aplicación durante tres meses, o que permitiu lanzar a aplicación con todas as súas funcionalidades adaptadas ás necesidades do colectivo.

A aplicación é gratuita e pode descargarse en www.jocomunico.com, estando dispoñible tanto para móbiles Android como iOS. Ademais ten a posibilidade engadida de poder executarse a través dun navegador, o que permite ter a aplicación sincronizada en todos os dispositivos. Desta forma, os comunicadores personalizados de cada usuario, así como as súas preferencias e configuracións estarán sempre dispoñibles aínda que cambie de dispositivo.

Jocomunico conta con teclado por varrido (ou escaneo) para que poida ser manexada por aquelas persoas con menor mobilidade a través de botóns adaptados (e outros periféricos), permitindo así que non sexa necesario facer uso da pantalla do dispositivo. Ademais pódense configurar frases e almacenalas para o seu uso posterior; así mesmo conta cun sistema de predicción de pictogramas, podendo, ademais, gardarse aqueles máis usados como favoritos.

A importancia desta aplicación é dobre, primeiro porque as oracións que escoita o receptor da mensaxe son perfectamente comprensibles e en linguaxe cotiá e natural, e segundo porque permite ás persoas con discapacidade ‘redactar’ as súas frases no momento, e non levalas fixadas con antelación, o que posibilita a espontaneidade da linguaxe.

*Información extraída da páxina web de ASPACE.

Advertisements
0

Presentado o videoxogo accesible BocciAPP

Captura do videoxogo BocciAPP

A Fundación Universidade de Oviedo e a Fundación Vodafone organizaron en Oviedo, no mes de decembro, a Xornada ‘Conectados pola Accesibilidade’, un punto de encontro no que se presentaron distintos proxectos que mostran como as novas tecnoloxías poden contribuír a eliminar barreiras e permitir a persoas con parálise cerebral participar dun xeito máis activo na nosa sociedade.

Durante a xornada realizouse a presentación e demostración en directo do novo videoxogo accesible BocciAPP. Esta aplicación, desenvolvida por Wildbit Studios, que simula o xogo orixinal de boccia, é gratuíta e accesible para persoas con parálise cerebral grazas ao uso de pulsadores. Foi promovida pola Fundación Vodafone España coa colaboración da Fundación da Universidade de Oviedo e a Confederación ASPACE.

A aplicación pódese descargar en Google Store.

Ademais, ASPACE Asturias presentou o proxecto ‘TvPC á Carta’, unha iniciativa na que persoas con parálise cerebral únense para crear un blog e unha canle de contido audiovisual no que eles son os actores principais. Todas as persoas implicadas no proxecto desenvolven as funcións propias dun equipo de televisión e xeran contidos de interese que fomenten a visibilidade da parálise cerebral.

Pola súa banda, ASPACE Xixón compartiu a experiencia ‘ASPACEChef’, un taller de cociña adaptado ás necesidades, competencias e posibilidades das persoas con parálise cerebral.

*Información extraída da páxina web da Fundación Vodafone.

0

Un alumno da Universidade de Murcia crea unha ‘app’ para o tratamento da afasia

Dedo facendo clic nunha pantalla.

A aplicación, que axuda ás persoas afectadas a comunicarse mellorando as súas capacidades para a linguaxe, está desenvolvida por Android e lanzarase proximamente.

Un titulado pola Universidade de Murcia (UMU), Alberto Emilio López García, desenvolveu unha aplicación móbil para a avaliación e rehabilitación de pacientes afectados de afasia, a alteración neuropsicolóxica dunha ou varias capacidades da linguaxe por mor dun dano cerebral adquirido.

O proxecto de López García forma parte do seu traballo final dentro do máster interuniversitario en Comunicación Móbil e Contido Dixital da UMU e a Universidade Politécnica de Cartaxena. Este proxecto realizouno baixo a supervisión dos profesores da UMU Óscar Cánovas e Miguel Ángel Pérez.


A aplicación, que se chama ‘AfasiApp’, introduce dúas innovacións no campo da intervención da linguaxe e, máis especificamente, en persoas con dano cerebral adquirido, segundo informaron fontes da institución docente nun comunicado. A aplicación, desenvolvida actualmente para Android, será lanzada próximamente nos mercados de Google e Amazon.

*Información extraída de La Verdad e imaxe de Pixabay con licenza CC0.

0

As aplicacións para móbiles no control do sobrepeso e a obesidade

Icona dun teléfono móbil dentro dun prato.

Hoxe en día, na medicina estamos a asistir a unha rápida revolución coñecida como saúde móbil (mHealth). Ultimamente, este campo da saúde tivo un gran apoxeo debido á utilización de dispositivos móbiles que axudan no diagnóstico, tratamento e seguimento de certas enfermidades.

A saúde móbil leva camiño de converterse nunha peza fundamental en todos os sistemas sanitarios e, moi probablemente, cambiará todo o habitual e coñecido na información, a educación e a vixilancia das enfermidades crónicas ou os hábitos de vida saudables, nos que as apps terán un importante papel.

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), en 2014 no mundo occidental, ao redor do 13% da poboación adulta padecía obesidade e o 39%, sobrepeso. Perante este contexto, e dada a magnitude do problema, as novas tecnoloxías da información e comunicación especializadas en crear apps para dispositivos móbiles, teñen un amplo mercado, xa que nos poden ofrecer novos enfoques e unha oportunidade potencial de controlar eficazmente o noso peso.

Hoxe en día, hai centos de apps para controlar o adelgazamento, postulándose como unha vía de axuda para controlar o peso, sen esquecer que a obesidade é unha enfermidade crónica cuxo tratamento require cambios profundos no estilo de vida, resultando necesario un recordo constante dos mesmos.

As apps, por si soas, non dan resultado ningún, dado que non impulsan un cambio de hábitos alimenticios e de actividade física, non analizan a causa do problema e a corrixen, nin personalizan a dieta ao usuario e a súa progresión. Ben é certo que as apps poden achegar un reforzo positivo e unha motivación extra, ao acompañarnos cada minuto do día.

Poden ser unha boa ferramenta que complemente o traballo dun profesional da saúde cando paciente e profesional estean familiarizados co seu uso, pero como toda ferramenta debe ser usada correctamente, e debemos ser precavidos á hora de depositar nelas nosa plena confianza.

Pero antes de penetrarnos con fe cega neste novo mundo, habería que preguntarse se existe evidencia científica suficiente que avale que estas novas tecnoloxías poidan ser realmente efectivas para a súa utilización na sanidade.

Hoxe en día, calquera persoa con coñecementos informáticos pode crear unha app e ofrecela ao público e, cando o usuario as busca, pode seleccionalas por temáticas, pero non por fiabilidade ou rigor científico. Por tanto, deberemos informarnos e ter unha actitude crítica cara a elas.

A día de hoxe, son poucos os estudos que avalen con rigor un cambio; tan profundo, dado que non hai aínda evidencia científica que xustifique a eficacia das apps no control do sobrepeso e a obesidade.

É necesaria certa supervisión e análise das novas apps que van aparecendo xa que son moi poucas as que foron creadas por algunha organización relacionada coa saúde, sendo moitas as apps que non funcionan no control do sobrepeso e a obesidade.

A pesar de non existir evidencia científica que xustifique a eficacia das apps, está a apostarse por esta vía tecnolóxica como apoio para reducir quilos e manter o peso, sempre que paciente e médico estean familiarizados con esta alternativa.

Aínda que a maioría destas apps son inocuas para o consumidor, para previr os posibles riscos para a saúde relacionados con estas aplicacións médicas a través de teléfonos móbiles e tabletas, deberán estar sometidas aos mesmos controis e acreditacións que outros dispositivos médicos.

Para que estas apps contribúan á mellora da saúde na nosa sociedade é preciso evitar aquelas que son “copias das dietas milagre” e que se elixan as máis completas, xa que poden ofrecer información nutricional e propostas de exercicio.

*Información extraída do portal Xente con Vida e imaxe de Pixabay con licenza CC0.

0

Ictus Care, un aliado fronte ao dano cerebral adquirido

A app IctusCare en diferentes dispositivos.

Unha de cada seis persoas en todo o mundo sufriu ou sufrirá un ictus ao longo da súa vida. En España prodúcese un ictus cada seis segundos, con máis de 400.000 persoas afectadas. Estímase que as familias que experimentaron este problema deben asumir unha media de 27.000 euros ao ano para facer fronte a todos os gastos que implica o dano cerebral adquirido: rehabilitación, desprazamentos, adquisición de material ortopédico, etc.

Coa fin de axudar aos pacientes e aos seus seres queridos a concienciarse, obter información útil e reducir custos, a empresa de desenvolvemento Family Care Apps creou Ictus Care. A firma asegura que utilizando esta aplicación as familias poden conseguir un aforro de ata 4.800 euros.

Esta completa app ofrece consellos e exercicios sobre logopedia, fisioterapia e terapia ocupacional, proporciona información sobre centros de atención, permite acceder a vídeos útiles para saber como asistir na súa vida diaria á persoa con DCA, dispón de videochat para rehabilitación, integra un markeplace con ofertas de produtos e servizos e axuda a atopar produtos ortopédicos de segunda man.

Ictus Care foi unha das tres finalistas na II edición dos Premios G5 Innova, dedicados a recoñecer os mellores proxectos de emprendemento social do ano. Ademais, tamén participou en iniciativas como UEIA Social, Lanzadera, UNltd ou EEC 2013.

A ferramenta pódese descargar desde Google Play e a App Store, pero tamén se pode usar a través de calquera navegador móbil. Próximamente haberá unha versión para Chrome e outra para Windows.

*Información e imaxe extraídas de Applicantes.

0

CERMI e Fundación Vodafone lanzan a aplicación Empoweryou

Empoweryou

Empoweryou significa “empodérate”. O CERMI e a Fundación Vodafone elaboraron unha aplicación denominada así e que pretende axudar a calquera persoa con discapacidade a exercer e afianzar o seu poder de decisión sobre si mesma e a súa contorna, a modo de adestrador persoal virtual de empoderamento.

A aplicación, accesible e gratuíta, está dispoñible para a súa descarga nas seguintes ligazóns:

IPHONE:
https://itunes.apple.com/us/app/empoweryou/id917218016?mt=8

ANDROID:
https://play.google.com/store/apps/details?id=com.technosite.empoweryou

MENSAXE DIRIXIDA ÁS PERSOAS QUE QUEREN USAR ESTA APLICACIÓN

EMPOWERYOU actúa igual que un monitor persoal que está no teu teléfono móbil.

Para que serve?

  • Para axudarche a decidir sobre todas as cousas que che interesan.
  • Para axudarche a participar na sociedade.
  • Para permitir que outras persoas poidan axudarche a participar na sociedade.

EMPOWERYOU é unha ferramenta.

EMPOWERYOU ensínache a ti e a toda a sociedade que todos somos diferentes.

EMPOWERYOU ensínache a ti e a toda a sociedade que as persoas con discapacidade son seres humanos con dignidade e teñen os mesmos dereitos que as demais persoas.

EMPOWERYOU axúdache a loitar contra as discriminacións que sofres na túa vida diaria.

EMPOWERYOU está feita en formato sinxelo, por exemplo en fácil lectura, ou en lingua de signos.

EMPOWERYOU é gratis, non hai que pagar.

EMPOWERYOU axúdache a dirixir a túa propia vida.

Como che axuda o monitor persoal que está no teu teléfono móbil?

EMPOWERYOU axúdache de dúas formas:

  1. Persoas que axudan a persoas. EMPOWERYOU permite que unhas persoas que son voluntarias che axuden e te apoien sempre que o necesites. Podes preguntarlles o que che interese sobre asesoría xurídica, participación, educación, emprego e formación, saúde, turismo, lecer, cultura, autonomía persoal, mulleres e nenas con discapacidade.
  2. Empower Apps. Aplicacións para teléfonos móbiles. Dentro de EMPOWERYOU podes atopar outras aplicacións para teléfonos móbiles.

Tamén podes atopar outras ferramentas, por exemplo unha páxina web.

Todas están ordenadas por temas, por exemplo educación, lecer ou emprego.

MENSAXE DIRIXIDA A QUEN DESEXEN COLABORAR COMO PERSOAS EXPERTAS

Persoas que axudan a persoas e Empower Apps.

COLABORA:

A persoa é o máis importante.
Con esta ferramenta queremos que persoas axuden a persoas mediante o uso das novas tecnoloxías.
Con esta ferramenta pedimos a túa participación voluntaria orientando e apoiando á persoa con discapacidade no camiño cara á súa plena inclusión social.
Se es experta ou experto nalgún destes temas, participa, elixe as áreas nas que desexes colaborar:

  • Orientación Xurídica
  • Participación
  • Educación
  • Emprego e Formación
  • Saúde
  • Turismo
  • Lecer e cultura
  • Autonomía Persoal
  • Mulleres e nenas con discapacidade

Se tamén coñeces a alguén que o sexa, por favor compárteo.

Para calquera dúbida sobre esta aplicación pódese escribir a: genero@cermi.es.

*Información extraída da páxina web do CERMI.

0

O CERMI e a Fundación Vodafone promoven a aplicación móbil EMPOWERYOU

empoweryou

Información extraída da páxina web do CERMI.

EMPOWERYOU é unha aplicación móbil promovida polo CERMI (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade) e a Fundación Vodafone que ten como obxectivo axudar a calquera persoa con discapacidade a exercer e afianzar o seu poder de decisión sobre si mesma e a súa contorna. A app sería, xa que logo, un adestrador persoal virtual de empoderamento.

EMPOWERYOU quere reforzar a toma de conciencia individual e colectiva sobre a discapacidade como parte da diversidade humana. A forma de facelo será dotando ás persoas con discapacidade de elementos que lles axuden a afianzar a súa conciencia de seres humanos con dignidade e titulares de dereitos, á vez que lles permitan adquirir habilidades para decidir por si mesmas e combater e evitar as restriccións e discriminacións que sofren na súa vida diaria.

A aplicación abarca catro grandes áreas temáticas:

1) Toma de conciencia do valor persoal, dos dereitos e da non discriminación. Empoderamento persoal, social e xurídico para fortalecer as capacidades das persoas como seres humanos valiosos capacitados para exercer os seus dereitos.
2) Participación social. Fomentar a participación na comunidade a través das relacións sociais, así como o activismo e a militancia social en organizacións do terceiro sector.
3) Inclusión na comunidade e vida independente. Mellorar a independencia social e económica para fomentar a liberdade de elección, a toma de decisións e a autonomía persoal.
4) Mulleres e nenas con discapacidade. Este grupo poboacional, sometido a múltiples discriminacións, precisa de maiores apoios.

EMPOWERYOU estrutúrase en dúas partes. Unha sección na que persoas axudan a persoas propiciando o acompañamento, o voluntariado, o fortalecemento de redes a través da participación voluntaria de persoas idóneas que proporcionan orientacións e apoios á persoa con discapacidade no camiño cara á súa plena inclusión social. E outra sección na que se detallan os recursos tecnolóxicos máis propicios para o empoderamento, como poden ser aplicacións móbiles, dispositivos ou outros elementos TIC.

A aplicación converterase nunha ferramenta de apoio individual á persoa que actúa como axente da súa propia inclusión. Por unha banda, aporta á persoa con discapacidade maiores habilidades para lograr a súa inclusión e, por outra, proporciónalle un apoio colectivo ao permitir a axuda mutua entre persoas mediante o uso das novas tecnoloxías.

Esta aplicación, que será gratuíta e totalmente accesible para calquera persoa con discapacidade, estará dispoñible para dispositivos móbiles con sistema operativo iOS. A información fornecida en lingua de signos española foi elaborada grazas ao apoio da Fundación CNSE para a Supresión das Barreiras de Comunicación.

Deste xeito, o CERMI e a Fundación Vodafone utilizan, unha vez máis, as novas tecnoloxías ao servizo da innovación social en discapacidade e como instrumentos de inclusión.

Réxime de privacidade

A través da aplicación EMPOWER YOU non se recolle ningún dato persoal sen o seu coñecemento, nin se ceden a terceiros. Os datos persoais que se soliciten aos usuarios serán os estrictamente imprescindibles para poder proporcionarlle os servizos da aplicación. O acceso ou utilización de aplicación por parte do usuario implica o seu consentimento e, xa que logo, a adhesión ás condicións expostas anteriormente. Esta política de privacidade só é de aplicación á aplicación EMPOWER YOU, non se garante nos accesos a través de enlaces con este sitio, nin a enlaces desde este sitio con outras webs. Nos enlaces a páxinas externas sobre as que non se ten control ningún declínase toda responsabilidade.

0

Nisa publica a primeira App para profesionais, familiares e pacientes con dano cerebral

app-nisa

Información extraída de Nisa Informa.

Tras un ano de traballo, o Servizo de Neurorrehabilitación de Hospitales Nisa presentou a primeira aplicación para tablets e móbiles de Dano Cerebral. Unha nova ferramenta gratuíta que ofrece ao familiar do paciente con DCA e ao profesional sanitario información e pautas de actuación concretas, que se adecuan á situación clínica do paciente a través dun sinxelo cuestionario. Segundo Joan Ferri, director do Servizo de Dano Cerebral e Neurorrehabilitación de Hospitales Nisa, “desenvolvemos unha solución que pon a disposición de calquera usuario, a un só clic de distancia, todos os coñecementos dun equipo multidisciplinar experto na neurorrehabilitación”.

AXUDA PARA FAMILIARES E PACIENTES. A nova APP proporciona pautas guía en todas as fases ás que se enfrontan as familias que viven día a día co dano cerebral, ofrecidas por expertos con máis de 15 anos de experiencia, o que supoñerá un gran apoio para todas as familias e profesionais que a utilicen.

Ademais, tal e como puntualiza Belén Moliner, coordinadora médica do servizo, “non só é útil para os familiares e os profesionais senón que permite aos pacientes que, ao seren eles mesmos os que van facéndose un autodiagnóstico co test da enfermidade, adopten unha maior conciencia de enfermidade e axuste de expectativas de futuro. Así mesmo, pode facelos conscientes do que implica o seu coidado e a convivencia con eles, para aumentar a súa capacidade de empatía cos seus familiares e a súa contorna. Fainos sabedores da enfermidade e das deficiencias que implica e pódelles axudar no proceso rehabilitador”.

RELACIÓN BIDIRECCIONAL. A idea de desenvolver unha aplicación que aportase consellos e pautas para o coidado de pacientes con dano cerebral xorde ao ver a evolución das novas tecnoloxías que como ben indica Enrique Noé, director de Investigación do servizo, “permiten cambiar a tradicional relación médico-paciente e médico-familiar, a miúdo demasiado estática, unidireccional e dogmática, por unha relación moito máis dinámica, próxima, próxima, bidireccional e comprensible”.

Co obxecto de ir máis aló desta tradicional relación, Hospitales Nisa desenvolveu esta aplicación útil, cómoda e sinxela de utilizar, que vai evitar que familiares e profesionais vaian “dando tumbos” en moitos sentidos, segundo sinala Pau Carrascosa, traballadora social do servizo, xa que proporciona información tanto xeral como específica, adaptada a calquera situación relacionada co dano cerebral.

A modo de resumo, Loles Navarro, coordinadora deste proxecto e do Servizo de Dano Cerebral do Hospital Nisa Valencia al Mar, incide en que con esta app profesionais, familiares e pacientes obterán información e pautas de actuación accesibles, sinxelas, precisas e axustadas á situación clínica de cada paciente con dano cerebral.

Información personalizada

Tras descargar a aplicación, o usuario poderá acceder a consellos xenéricos e información relacionada sobre as diferentes enfermidades. Aínda que, se prefire ter información personalizada, familiares, pacientes ou profesionais o único que terán que facer é rexistrar e completar un sinxelo cuestionario.

O cuestionario poderá modificarse tantas veces como se necesite, “xa que entendemos que os pacientes evolucionan e pasan por diferentes fases e deben obter sempre a información adecuada para cada situación. Ademais, que se poida modificar tamén é importante para os profesionais sanitarios, xa que poderán dar pautas concretas de actuación a cada un dos seus casos, podendo axudar así a todos os pacientes con enfermidades cerebrais que teñan”.

Os usuarios atoparán dentro da aplicación consellos e pautas de actuación personalizadas por cada unha das áreas de neurorrehabilitación como, por exemplo, fisioterapia, terapia ocupacional, traballo social, logopedia, neuropsicoloxía… Todas elas con contido e imaxes detallados que lle axudarán a convivir mellor co dano cerebral.

A aplicación pode descargarse aquí, con versións para Apple e para Google Play.

0

Sete apps gratuítas para persoas con discapacidade e dependentes

cermi

As aplicacións para persoas con discapacidade e dependentes facilitan a mellora das competencias básicas, a súa localización, ou a procura de lugares accesibles.

Información extraída de Socialia.

Apps para nenos e maiores con discapacidade, para persoas dependentes e mesmo para os seus familiares. As aplicacións pensan en todos. Utilicen iPhone, iPad ou smartphones e tabletas con sistema operativo Android, os usuarios contan con varias apps creadas en exclusiva para eles. Neste artigo destácanse sete: para persoas con mobilidade reducida, persoas cegas ou con discapacidade visual, persoas con discapacidade en xeral, usuarios con diversidade funcional, afectados por esclerose múltiple, familiares de persoas con Alzheimer e nenos autistas e con síndrome de Down.

Accessibility, para persoas con mobilidade reducida

A aplicación Accessibility está promovida por FAMMA, co apoio da Confederación Coordinadora Estatal de Minusválidos Físicos de España (COCEMFE) e a Fundación Vodafone. “Xorde como unha iniciativa para dar resposta ás necesidades de ubicación de espazos e lugares accesibles para persoas con mobilidade reducida”, explica FAMMA.

Dispón dun sistema de xeolocalización e realidade aumentada que informa en tempo real da ubicación desexada, así como a distancia desde o punto onde se atopa o usuario. É moi práctica para prazas de aparcamento reservado, caixeiros automáticos, gasolineiras ou ambulatorios que conten cos mínimos de accesibilidade exixibles.

Pódese descargar de modo gratuíto para móbiles con sistema operativo Android e para iPhone.

ONCE – CIDAT Metro, para persoas cegas ou con deficiencia visual

ONCE – CIDAT Metro é unha aplicación pensada para persoas cegas ou deficientes visuais. Por iso foi creada polo Centro de Investigación, Desenvolvemento e Aplicación Tiflotécnica da ONCE (CIDAT). Facilita información útil sobre as redes de metro de Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Sevilla, Málaga e Mallorca: liñas e estacións, teléfonos, tarifas, mapas e configuración de rutas.

Para acceder a estes datos, emprégase VoiceOver, o revisor de pantalla que inclúe o iPhone, explica o CIDAT. Para as persoas con deficiencia visual, instaláronse tres opcións de alto contraste, co obxectivo de mellorar a visibilidade da pantalla, ademais de mapas ampliables para as persoas con resto visual.

Pódese descargar de balde para iPhone, iPod touch e iPad que conten con sistema operativo iOS 5.0 ou posterior.

CERMI Denuncia Discriminación, para persoas con discapacidade

CERMI Denuncia Discriminación é a primeira aplicación para dispositivos móbiles que permite denunciar violacións de dereitos de persoas con discapacidade. A súa creación partiu do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e o seu desenvolvemento tecnolóxico, de Technosite, da Fundación ONCE.

É unha aplicación “plenamente accesible e usable para as persoas con discapacidade”. Grazas a ela, pódense coñecer os dereitos das persoas con discapacidade, os recursos para protexelos e formular queixas, reclamacións e denuncias, que se poden formalizar por escrito, e mesmo é posible achegar fotografías.

Pódese descargar con carácter gratuito para móbiles e tabletas Android, así como para iPhone e iPad.

DiLO, para persoas con diversidade funcional

DiLO (Dispositivo Locutivo) é un comunicador. Así o definen os seus creadores. “Permite a un usuario con diversidade funcional o uso de frases axustable ás súas circunstancias e rutinas particulares”, precisan.

As frases están agrupadas por categorías, de maneira que non é necesario escribilas cada vez. O usuario ha de elixir a frase que queira transmitir e esta emitirase a través dun altofalante ou, se prefire, enviarase por SMS ou por correo electrónico.

DiLO é gratuíta e funciona en smartphones e tabletas con sistema operativo Android. Adaptouse a tres idiomas: castelán e inglés, tanto en texto como en voz, e portugués, só texto.

Control EM, para pacientes con esclerose múltiple

A Fundación Esclerose Múltiple Madrid (FEMM) impulsou a creación da app Control EM, dispoñible primeiro para iPhone e iPad e agora tamén para smartphones e tabletas con sistema operativo Android. O seu desenvolvemento débese ao interese por que os pacientes con esclerose múltiple leven un control adecuado da enfermidade.

Para este fin, a aplicación deseñouse con catro seccións:

  1. O meu diario. Rexistra a medicación que se ha de tomar, efectos secundarios, síntomas ou brotes e citas médicas.
  2. Axenda. Destaca os eventos, charlas ou outras actividades que a FEMM organice ou queira dar a coñecer, así como as citas que o paciente queira recordar.
  3. Noticias. Publícanse informacións relevantes sobre esclerose múltiple supervisadas pola FEMM.
  4. Interésache. Esta sección permite consultar ofertas de emprego, solicitar taxis adaptados, coñecer máis información sobre tratamentos e toda a información necesaria sobre a FEMM e as asociacións de EME (Esclerosis Múltiple España), detalla a FEMM.

Pódese descargar en Google Play ou na App Store de xeito gratuíto.

Tweri, para familiares de persoas con Alzheimer

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer AFAL Getafe está detrás de Tweri, unha aplicación pensada para os primeiros estadios da enfermidade, que permite ao coidador saber onde está a persoa con Alzheimer, no caso de que exceda unha zona de seguridade ou un tempo límite de paseo determinados con anterioridade.

Para un correcto funcionamento, hai que descargar a aplicación no teléfono móbil do afectado, establecer nela unha zona de seguridade e un tempo máximo para os seus paseos e configurala cunha conta de correo electrónico dun familiar, a quen se avisará ante calquera incidencia.

Cada vez que a persoa con Alzheimer saia soa á rúa deberá activar o modo paseo da aplicación e, ao ter almacenada a información da zona e do tempo, se nalgún momento os excede, enviarase un correo electrónico ao familiar para que coñeza a última posición xeográfica rexistrada. Outra posibilidade é que a propia persoa con Alzheimer se sinta desorientada, nunha contorna que descoñece ou durante máis tempo do desexado. Nese caso, bastará que pulse un botón para que se avise ao seu familiar.

Ao contar con GPS, esta app de xeolocalización permite coñecer onde se atopa a persoa, pero hai que ser previsores e ter o móbil sempre cargado. Debido ao uso do GPS, a batería consómese de xeito significativo e con maior rapidez que en circunstancias normais. Cada vez que se teña a intención de utilizar a aplicación, hai que comprobar que se ten batería suficiente.

Tweri pódese descargar para iPhone e móbiles con sistema operativo Android de xeito gratuíto.

Picaa, para nenos autistas e con síndrome de Down

Picaa é unha aplicación para mellorar as competencias básicas de nenos e adolescentes con trastorno de espectro autista e con síndrome de Down. Inclúe actividades de matemáticas, linguaxe, coñecemento da contorna, autonomía e habilidades sociais para que realicen pequenos e mozos con discapacidade cognitiva, visual ou auditiva.

Esta app está pensada para as aulas, como ferramenta de apoio. Por iso é polo que o seu desenvolvemento estea precedido dun estudo levado a cabo entre 39 alumnos con necesidades educativas especiais de 14 centros de Andalucía, Murcia, Comunidade Valenciana, Madrid e Galicia. A análise previa permitiu discernir como mellorar o aproveitamento desta aplicación.

O proceso estivo en mans de investigadores da Universidade de Granada, con Álvaro Fernández á cabeza. “Formula unha serie de actividades que fomentan a percepción, a adquisición de vocabulario, a mellora da fonética e sintaxe, o desenvolvemento da memoria e a coordinación ocular-manual”, explica Fernández.

Xunto co resto do equipo, crearon este software para iPhone, iPad e iPod touch. É unha aplicación gratuíta, que superou xa as 20.000 descargas desde a App Store -sobre todo desde España e Estados Unidos- e traduciuse a varios idiomas, como galego, inglés e árabe.

0

Nova app para móbiles sobre o ictus

app-ictus

Información extraída da páxina web da Fundación Pita López.

A Fundación Pita López e a Sociedade Española de Neuroloxía (SEN) desenvolveron xunto á empresa Delaware a primeira aplicación para móbiles dedicada ao ictus.

Nesta aplicación pódense atopar 2 seccións, unha dedicada á prevención e outra ás actuacións en caso de urxencia (código ictus).

Na parte de prevención pódense consultar os principais factores de risco para reducir a probabilidades de sufrir un ictus e na parte de actuación en casos de urxencia detállanse os síntomas que informan a unha persoa de que se está sufrindo un ictus.

A aplicación pódese descargar de forma gratuita para móbiles tanto desde Android como desde Apple:

Apple: 
https://itunes.apple.com/es/app/ictus/id660191875?mt=8

Android: 
https://play.google.com/store/apps/details?id=com.delaware.ictus&feature=search_result#?t=W251bGwsMSwyLDEsImNvbS5kZWxhd2FyZS5pY3R1cyJd