0

A Generalitat impulsa un videoxogo para informar aos nenos sobre o ictus

Mando de videoxogo.

Os departamentos de Saúde e de Ensino da Generalitat de Catalunya impulsaron unha campaña de información e concienciación sobre a enfermidade do ictus baseada nun videoxogo e dirixida aos nenos.

A campaña, que se desenvolverá nos centros educativos e que conta co apoio da Fundación Ictus, ten o obxectivo de que os alumnos “aprendan dun xeito ameno que é un ictus e que saiban que se pode previr, evitar e tratar”, segundo a Generalitat.

O videoxogo, que se chama “¿Te la juegas?”, consta de diferentes etapas que “axudan a entender” como “funciona o cerebro”, que é o ictus e como actuar perante un caso.

A campaña tamén incide na discapacidade que ás veces segue ao ictus, e na percepción dos nenos sobre as persoas afectadas, xa que “aínda que a discapacidade pode alterar moito a vida da persoa, é importante” valorar as “capacidades que non están afectadas”.

O videoxogo ensina aos alumnos como identificar un ictus, dado que as consecuencias do ataque dependen da rapidez coa que se actúe, unha actuación que os nenos “son perfectamente capaces” de facer.

O ictus é a primeira causa de morte nas mulleres e a terceira nos homes de Catalunya, e supón máis de 13.000 ingresos hospitalarios ao ano.

O 13% das persoas afectadas morre por culpa da enfermidade, e aproximadamente o 45% do resto sufrirá algún tipo de discapacidade motora, sensitiva ou cognitiva.

*Información extraída de Plataforma por el DCA e fotografía de Pixabay con licenza CC0.

Advertisements