0

Investigan que comida dispara os infartos, os ictus e a diabetes

Selección de froitos roxos

Un estudo tenta axudar a identificar as prioridades en saúde pública e a planificar as estratexias para modificar os hábitos dietéticos e mellorar a saúde.

As enfermidades cardiovasculares son, con preto de 17,5 millóns de decesos anuais, a primeira causa de mortalidade en todo o mundo. Esta cifra acada proporcións aínda maiores cando aos decesos cardiovasculares se lles suman os causados polas patoloxías metabólicas, moi especialmente pola diabetes tipo 2.

É importante, por iso, adoptar uns hábitos de vida saudables, caso sobre todo de seguir unha dieta adecuada. De feito, como mostra un estudo levado a cabo por investigadores da Universidade Tufts en Boston (EE.UU.), o consumo subóptimo de alimentos foi responsable de preto da metade de todas as mortes ocasionadas polas enfermidades coronarias, os ictus e a diabetes tipo 2 en Estados Unidos no ano 2012.

“Os nosos achados deben axudar a identificar as prioridades en saúde pública e a planificar as estratexias para modificar os hábitos dietéticos e mellorar a saúde”, comentou Renata Micha, directora desta investigación.

Os hábitos dietéticos teñen un papel fundamental sobre a aparición e progresión de moitos factores de risco das enfermidades cardiovasculares e metabólicas. Ou o que é o mesmo, das enfermidades cardiometabólicas. Así o demostraron infinidade de estudos desenvolvidos nas últimas décadas.

As froitas, as verduras, as noces e outros tipos de froitos secos, os cereais integrais, as carnes vermellas non procesadas, as carnes procesadas, as bebidas azucradas, os ácidos poliinsaturados, os ácidos graxos omega-3 procedentes do peixe, e o sodio son alimentos que, para ben e para mal, inciden no risco de doenzas cardio e cerebrovasculares.

De acordo cos resultados, en 2012 rexistráronse en Estados Unidos un total de 702.308 decesos en adultos atribuíbles ás enfermidades cardiometabólicas. E das mesmas, ata un 45% (318.656 falecementos) foron causadas por un consumo subóptimo dos 10 alimentos e nutrientes referidos, ben sexa por unha inxesta insuficiente dos saudables ou por un exceso daqueles máis insalubres.

“No referente ao sexo, estímase que a mortalidade asociada aos hábitos dietéticos foi proporcionalmente maior nos varóns que nas mulleres, un achado que é consistente cos, polo xeral, hábitos dietéticos menos saudables na poboación masculina”, concluíu.

*Información e imaxe tiradas de Hechos de Hoy.

0

Os pacientes con diabetes tipo 2 deben pasear 10 minutos tras cada comida

Azucre e insulina

Un paseo de só 10 minutos tras cada comida principal, isto é, tralo almorzo, o xantar e a cea, axuda aos pacientes con diabetes tipo 2 a reducir os seus niveis de azucre en sangue. Así o mostra un estudo levado a cabo por investigadores da Universidade de Otago en Dunedin (Nova Zelanda) e publicado na revista Diabetologia.

En palabras do doutor Andrew Reynolds, director do estudo, “os nosos resultados mostran que, comparados fronte a aqueles que realizaron un paseo en calquera momento do día, os pacientes con diabetes tipo 2 que pasearon xusto despois de cada comida experimentaron unha disminución media do 12% dos seus niveis de glucosa postprandial”.

Mellor control da diabetes

O obxectivo do estudo foi avaliar se camiñar tras cada comida conleva algún beneficio no control da diabetes tipo 2. E, para iso, seguindo a recomendación de practicar todos os días 30 minutos de actividade física de intensidade moderada, os 41 pacientes participantes no estudo dividíronse en dous grupos: un primeiro grupo no que tiñan que seguir o consello de realizar un paseo diario de 30 minutos; e un segundo grupo no que esta media hora se dividía en tres paseos de 10 minutos a realizar tras cada comida principal.

Concluído o período de dúas semanas de estudo, os resultados mostraron que pasear só 10 minutos tras cada comida conleva unha redución promedio do 12% dos niveis de glucosa postprandial.

Como indica o doutor Reynolds, “a maioría do beneficio derivou da redución, certamente significativa, do 22% nos niveis de glucosa en sangue cando o paseo se levou a cabo tralas ceas, que foron as comidas con maior cantidade de carbohidratos”.

Por todo iso, conclúe o director do estudo, “as actuais guías de práctica clínica deberían ser modificadas para especificar a actividade postprandial, especialmente cando as comidas conteñen unha cantidade considerable de hidratos de carbono”.

*Información extraída de Somos Pacientes e imaxe de Pixabay con licenza CC0.

0

Prohibido colgar os tenis no verán

Varias persoas xogando ao voleibol.

A pesar da calor estival, as persoas con diabetes deben procurar practicar exercicio a diario, desde a natación ata o power walking, o deporte de moda.

O verán, a subida das temperaturas e as vacacións con frecuencia provocan un impacto negativo nos hábitos de vida saudables. Poden mesmo contribuír a que algúns decidan colgar os tenis ata setembro. Pero para as persoas con diabetes, este é un luxo que non está ao seu alcance. Deben e teñen que procurar facer exercicio, tamén na época estival, aínda que é necesario tomar certas precaucións para que non teña ningún efecto negativo, debido ás condicións meteorolóxicas propias desta estación. Neste artigo recórdanse os beneficios de realizar exercicio para os diabéticos, as actividades que convén practicar e as precaucións que deben ter en conta.

Actividade física e diabetes

A actividade física é distinta do exercicio. A actividade fisica abarca o exercicio, pero tamén outras actividades que implican movemento e se realizan como parte da vida cotiá, como traballar, camiñar, bailar, facer as tarefas domésticas ou levar a cabo actividades recreativas, cuxos beneficios para a saúde implican reducir o risco de hipertensión, cardiopatía coronaria, accidente cerebrovascular, diabetes, etc. Ademais, é determinante para o gasto enerxético e, xa que logo, é fundamental para o equilibrio calórico e o control do peso.

En diabetes, practicar calquera tipo de actividade física con regularidade é un aspecto chave para o seu bo control. Cando se fai, as células vólvense máis sensibles á insulina, polo que poden funcionar de forma máis eficiente. Polo tanto, realizar exercicio con regularidade pode reducir o nivel de glucosa e mellorar o de hemoglogina glucosilada. Faino de varias formas:

  • Aumentando a sensibilidade á insulina, polo que as células poden aproveitar mellor a insulina dispoñible para usar glucosa durante e despois de practicar unha actividade física.
  • Cando os músculos se contraen durante a actividade, estimúlase outro mecanismo totalmente separado da insulina, o que permite que as células tomen glucosa e a utilicen como fonte de enerxía, con independencia de se hai insulina dispoñible.
  • O efecto da actividade física na glucosa varía segundo moitos factores, entre estes, o tempo que se está activo. A actividade física pode reducir a glucosa no sangue ata 24 horas ou máis despois de realizar exercicio, ao facer que o corpo sexa máis sensible á insulina.
  • Antes, durante e despois da práctica de calquera actividade física, as persoas con diabetes deben vixiar e estar preparadas ante unha hipoglucemia, en especial as que teñen diabetes tipo 1. O risco é menor no caso da tipo 2, salvo que tomen insulina ou un secretagogo de insulina. Se se produce unha hipoglucemia debe ser tratada de inmediato.

Se as hipoglucemias interferen con frecuencia ao realizar exercicio, é importante que as persoas afectadas o consulten co seu médico e que este estableza os cambios que considere oportunos, ben na rutina de actividades ou ben na alimentación ou na medicación. Non está de máis que antes de comezar a practicar calquera tipo de exercicio, e aínda que non se teña esta complicación, se acuda á consulta dun profesional sanitario, para que poida ofrecer consellos de utilidade acordes á condición de cada persoa.

Practicar exercicio no verán

A pesar da calor estival, hai que procurar practicar exercicio a diario. Unha boa alternativa pode ser recorrer a deportes acuáticos, como a natación ou o surf, cos que tamén se poderá facer fronte ás altas temperaturas sen problema. Pero se non se ten esta opción a man, non hai actividade máis sinxela e saudable que camiñar ou practicar o deporte de ‘moda’: o Power Walking. Esta práctica consiste en andar de forma rápida e enérxica, activando o abdomen e movendo os brazos. Ademais, as súas características pódense aprender con facilidade a través dun curso en liña e gratuito que puxo en marcha a Federación Española de Diabetes (FEDE) e ao que se pode acceder a través desta ligazón.

Ademais de seleccionar ben a actividade ou actividades que se farán este verán, é moi importante evitar facer exercicio nas horas centrais do día, cando a temperatura é máis alta, polo tanto é aconsellable empregar para esta práctica as primeiras ou as últimas horas de cada xornada. Ademais, é fundamental estar ben hidratado ou hidratada, xa que un dos mecanismos de control de temperatura é a sudoración, polo que en condicións de calor ambiental elevado, o corpo perde grandes cantidades de auga que se deben repoñer de inmediato.

A única forma de poder adquirir unha rutina diaria na práctica de exercicio e non abandonar ao segundo día é que, ademais de elixir unha actividade saudable, esta tamén sexa divertida e apta para a condición física de cada persoa. O verán pode dar unha nova oportunidade de descubrir outros deportes que marquen, a partir de agora, os momentos de lecer e contribúan a mellorar nosa saúde.

*Información extraída de Eroski Consumer.

0

O CHUAC impulsa un plan pioneiro para formar ás persoas diabéticas

Roda para calcular as cantidades de alimentos.

O servizo de Endocrinoloxía deseña unha roda de alimentos para calcular as cantidades sen necesidade de báscula.

O servizo de Endocrinoloxía do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) puxo en marcha un plan “pioneiro en España”, sinalou Teresa Martínez, xefa do servizo, para tratar de poñer freo á diabetes tipo II, formando nos centros de saúde de atención primaria ás persoas afectadas. Para iso, cinco especialistas empezaron a percorrer os ambulatorios da área sanitaria coruñesa para dar charlas non só a profesionais da medicina e enfermería, senón aos enfermos e enfermas.

As clases, centradas na alimentación, o exercicio, a medición da glucosa, como recoñecer unha hipoglucemia e coidados básicos para evitar complicacións, acompáñanse de material moi visual, deseñado á medida e especialmente pensado para facilitar á poboación maior o control da enfermidade. Entre os folletos dos que dispoñerán, unha roda de alimentos na que se utiliza a man como medida de cantidades de carbohidratos, proteínas e graxas admisibles, ou unha táboa de exercicios básicos a realizar. “A dieta e o exercicio son claves -engadiu-, basta con comer san e con camiñar, o que non chega é tombarse no sofá”, recalcou.

Martínez, que sinalou que unha vez percorridos todos os centros as charlas repetiranse mediante videoconferencia, subliñou que este proxecto supón un paso máis no programa de telemedicina cos médicos de familia iniciado xa fai tres anos para tratar de controlar e mellorar a asistencia a unha enfermidade que non só se estima que o 50% das persoas que a padecen non o saben, senón que, ademais, en Galicia calcúlase que afecta ao redor do 10% da poboación xeral, e ao 15% dos maiores de 64 anos, “aínda que hai zonas que superan o 20%”, asegurou.

A endocrinóloga subliñou que o último estudo do Sergas computou case 26.000 pacientes rexistrados como diabéticos, que ao longo do ano acudiron a 270.259 consultas en atención primaria e 13.600 en atención especializada, ademais de necesitar 28.435 ingresos hospitalarios. “A diabetes é un problema moi serio e máis nunha comunidade tan envellecida como a nosa; o que temos que intentar é evitar que os pacientes cheguen a descompensarse e necesiten ingresar, para previr complicacións terribles para o paciente, sobre todo, e tamén para o sistema sanitario”.

*Información e imaxe extraídas de La Voz de Galicia.

0

O sobrepeso na menopausia aumenta o risco de diabetes

obesidade

O sobrepeso durante ou trala menopausia aumenta o risco de desenvolver a síndrome metabólica e, xa que logo, de padecer diabetes e enfermidades cardiovasculares. Así o mostra un estudo levado a cabo por investigadores da Universidade Yonsei de Seúl (Corea do Sur) e publicado na revista Menopause, órgano oficial da Sociedade de Menopausia de Norteamérica (NAMS), no que se alerta que o sobrepeso e a obesidade asócianse, respectivamente, cun risco ata 4 e 12 veces maior de síndrome metabólica durante a perimenopausia ou no primeiro ano de postmenopausia.

En palabras da doutora JoAnn Pinkerton, directora executiva da NAMS, “as mulleres teñen maiores dificultades para manter un peso saudable durante a menopausia e a postmenopausia. E esta dificultade non se debe só aos cambios hormonais, senón tamén ao propio envellecemento, á perda de masa muscular e a distintos factores estresantes. Pero, como mostra este estudo, é importante que estas mulleres se esforcen e eviten gañar tanto peso como sexa posible”.

Incremento do risco

Para levar a cabo o estudo, os investigadores analizaron os datos de 1.228 mulleres sas que, xa na menopausia ou no seu primeiro ano trala menopausia, non recibían tratamento hormonal sustitutivo. E aínda que os resultados constataron que nin a menopausia nin a postmenopausia incrementaban por si mesmas o risco de síndrome metabólica, non sucedía así no caso das mulleres con sobrepeso ou sedentarias, cun baixo nivel educativo ou menores recursos económicos.

Concretamente, e comparado fronte a un peso normal, o sobrepeso multiplicou por catro o risco de desenvolver síndrome metabólica. E, no caso da obesidade, o risco resultou ata 12 veces superior. É máis; comparadas fronte a aquelas que practicaban exercicio de forma habitual, as mulleres sedentarias tiñan un risco 1,6 veces maior de desenvolver a síndrome.

En definitiva, como conclúe a doutora Pinkerton, “chegada a perimenopausia hai que comer menos, pois se as mulleres seguen comendo o mesmo e non aumentan a súa actividade física cando o seu metabolismo está diminuíndo, acabarán inevitablemente aumentando de peso”.

*Información e imaxe extraídas de Somos Pacientes.

0

Beber moito alcohol aumenta máis o risco de ictus que a hipertensión

Dous vasos de whisky.

Un bo número de investigacións puxeron sobre a mesa a certeza de que a presión arterial alta e a diabetes poden aumentar o risco de ictus ou accidente cerebrovascular. Agora, un novo estudo descubriu que, nas persoas de mediana idade, o consumo excesivo de alcohol pode ser aínda máis perigoso que estoutros factores.

A investigación, desenvolvida por un equipo de expertos do Centro Internacional de Investigación Clínica do Hospital Santa Ana da Universidade da República Checa, analizou 11.544 xemelgos do mesmo sexo cun seguimento durante 43 anos (ata 2010), durante os que os participantes cumprimentaron cuestionarios sobre a súa dieta e consumo de alcohol e tamén datos sobre a súa presión arterial, tabaquismo, diabetes, e outros riscos para a saúde.

Ao longo deste periodo, case o 30% dos participantes do estudo tivo un derrame cerebral. Dividindo os participantes en grupos dependendo do seu consumo de alcohol, os investigadores descubriron que consumir máis de dúas bebidas alcohólicas ao día durante a mediana idade aumentaba o risco de accidente cerebrovascular nun 34% sen darse o caso en ambos xemelgos idénticos -a non ser que coincidisen na cantidade de alcohol consumida-.

Así, independentemente dos factores xenéticos, o consumo excesivo de alcohol na mediana idade aumenta o risco de accidente cerebrovascular máis que os factores tradicionais de risco como a presión arterial alta e a diabetes: “Agora temos unha idea máis clara sobre estes factores de risco, a forma en que cambian coa idade e como a influencia do alcohol provoca cambios a medida que envellecemos. Para os adultos de mediana idade evitar máis de dúas bebidas alcohólicas ao día podería ser un xeito de previr o accidente cerebrovascular despois de rozar os 60 anos”, aclara Pavla Kadlecová, coautora do estudo.

O equipo publicou os seus achados en Stroke, unha revista da American Heart Association (AHA).

*Información extraída de Muy Interesante e imaxede Pixabay con licenza CC0.

0

Diabetes e ictus: alerta de Nadal

Doces de Nadal, pouco recomendables para previr o ictus.

Cómpre inxerir os doces con moderación para previr o ictus.

A clave non está en asustarse, non pasalo ben e pensar que non hai alternativas. Pola contra, si reside en ser precavidos, poñer limites e estar atentos aos sinais do noso corpo. O Nadal é un periodo en que os excesos, as comidas graxas e os desaxustes horarios son protagonistas indiscutibles. Aquí tes consellos para coidar a diabetes e previr o ictus.

Información e imaxe extraídas de EFE Salud.

Excesos e cambios de rutina. Comidas copiosas, a deshoras, embutido, carnes moi graxas, turróns, mazapáns, polvoróns. Prácticas natalicias nunca boas para a saúde, e coas que hai que ter especial coidado se existen ademais outros factores de risco. Se es diabético, xa tiveches un ictus, ou es un paciente en tratamento de anticoagulación, presta atención a estes consellos. E ten en conta unha cousa: nada debe impedirche pasalo ben se así o desexas.

Nadal e diabetes de tipo 2

  • A campaña ‘É diabetes, tómaa en serio’ recomenda axustar os menús para evitar excesos. Martina Miserachs, dietista-nutricionista, aconsella pratos lixeiros, como un consomé ou unha crema de verduras, e de segundo carnes brancas, peixes, verduras e pan integral. A sobremesa, que sexa froita.
  • A experta destaca que pese aos excesos, é fundamental non saltarse ningunha comida para compensalos.
  • O alcohol, ademais de calórico, pode empeorar o control glucémico. Mellor auga, pero se bebes alcohol, que sexan bebidas fermentadas ou de baixa graduación, e durante as comidas.
  • Non abuses dos doces, pero podes probalos con moderación. Elixe variedades sen azucres engadidos.

Pacientes anticoagulados e prevención do ictus

  • Evitar as carnes graxas e, unha vez máis, os excesos, recoméndanos o doutor Jesús Manuel Casado, da man dunha iniciativa de Boehringer Ingelheim.
  • Perante problemas dixestivos que duren máis de 24 horas, as persoas en tratamento de anticoagulación tradicional deben realizarse unha monitorización precoz dos niveis de INR.
  • Coidado con tratamentos antiácidos e cos antibióticos, típicos nestas datas, pois poden interferir os tratamentos mencionados.
  • O alcohol interfere directamente nestes pacientes, polo que se desaconsella a súa inxestión.
  • Despistes coa medicación? Se pasaron menos de 6 ou 8 horas, pódese tomar. Se non, o mellor é aguantar ata a seguinte toma. Non se debe “dobrar a dose ao día seguinte”, remarca o experto.
0

Un estudo vincula os edulcorantes artificiais con diabetes e obesidade

obesidade

O traballo, publicado en ‘Nature’, relaciona estes aditivos con cambios na flora intestinal.

As conclusións máis concluíntes obtivéronse de experimentos con ratos.

Información e imaxe extraídas de El País.

Os edulcorantes artificiais que se empregan frecuentemente como sustitutos do azucre acompañando ao café, en refrescos e alimentos preparados quizais non sexan o aliado que aparentan ser contra a obesidade, o sobrepeso e os seus trastornos metabólicos asociados como a diabetes. Un estudo de investigadores do Weizmann Institute of Science (Israel) sostén que o consumo destes aditivos provoca, polo menos nalgunhas persoas, intolerancia á glucosa, unha fase previa á diabetes na que hai unha maior concentración de azucre no sangue, e alteracións metabólicas relacionadas coa obesidade; é dicir, o efecto contrario ao que pretenden conseguir.

O traballo, que publica a revista Nature, explica este paradoxo apoiándose fundamentalmente nos cambios que estas sustancias -analizáronse tres, a sacarina, a sucralosa e o aspartamo- provocan na flora intestinal de ratos e que derivan en alteracións tanto da composición como da función das bacterias do sistema dixestivo.

Como consecuencia diso, os autores do estudo, Eran Elinav, do departamento de inmunoloxía do centro de investigación israelí, e Eran Segal, do departamento de computación, sosteñen que a expansión do uso dos edulcorantes artificiais en bebidas e alimentos pódese considerar, entre outros motivos, como unha das causas da epidemia de diabetes e obesidade que se estende polo mundo. Case un terzo da poboación padece sobrepeso.

Outros especialistas son moito menos contundentes e matizan seriamente as conclusións ás que chegou o grupo israelí. É o caso de Miguel Ángel Rubio, secretario da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición, quen destaca que a maioría dos estudos realizados ata o momento non atoparon problemas para a saúde polo consumo de edulcorantes nas doses habituais. O matiz é importante, xa que, engade, no artigo que publica Nature administrouse a cantidade máxima permitida polas autoridades sanitarias estadounidenses (FDA), 5 miligramos por quilo de sacarina. “Isto supoñería 350 miligramos nunha persoa de 70 quilos, o que supón unha dose esaxerada, ninguén consome estas cantidades”, comenta. Ademais, censura que a maioría das conclusións extraéronse das probas feitas en ratos cando, debido ás diferenzas entre ambas especies, non son resultados que se poidan trasladar directamente a humanos.

Alberto Fernández, endocrino do hospital de Móstoles, é da mesma opinión: “É prematuro extrapolar estes resultados a humanos, a flora dos ratos é distinta á nosa”. Ademais, insiste nos estudos con centos de miles de persoas que avalan que “o consumo de edulcorantes é seguro”.

É certo que o groso dos estudos practicouse en ratos, aínda que non exclusivamente. Os investigadores administraron aos roedores doses dos tres edulcorantes máis frecuentes: sacarina, sucralosa e aspartamo, e advertiron nestes animais alteracións metabólicas que se traduciron nun aumento dos seus niveis de glucosa no sangue. As taxas eran superiores mesmo que as rexistradas entre os que tomaran azucre en lugar dos seus sustitutivos.

Como os cambios na dieta se asocian a alteracións na flora intestinal, os científicos centraron o foco nos posibles cambios provocados polos aditivos nas bacterias do sistema dixestivo.

Implantaron bacterias intestinais de ratos que consumiran sacarina -mediante un trasplante de feces- a aqueles que non probaran nunca os edulcorantes artificiais e advertiron que sufrían os mesmos efectos perxudiciais, é dicir, máis glucosa no sangue (prediabetes). Para os investigadores, esta foi a proba de que o consumo de edulcorantes provoca cambios na flora intestinal que, á súa vez, derivan en alteracións metabólicas vinculadas á diabetes.

Ao analizar ao detalle a composición da flora microbiana dos ratos consumidores de edulcorantes sintéticos, os investigadores observaron “profundos cambios na poboación de bacterias, pero tamén novas funcións, algunhas delas relacionadas cunha maior propensión á obesidad e a diabetes”, o que reforzou a súa tese.

E en humanos? Os investigadores defenden que se dan os mesmos efectos que en ratos apoiándose en dous argumentos. Nun estudo con 400 persoas advertiron que quen dicían consumir edulcorantes presentaban poboacións bacterianas distintas e máis propensión a ter niveis elevados de azucre en sangue respecto de quen non tomaban estes aditivos. Ademais, realizaron un pequeno ensaio con cinco homes e dúas mulleres que non consumen habitualmente estas sustancias. Durante unha semana administróuselles sacarina (de novo a cantidade máxima permitida pola lei estadounidense dividida en tres tomas diarias). Catro deles mostraron, só catro días despois, síntomas da síndrome prediabético, pero nos outros tres os valores de azucre no sangue mantivéronse normais. Para os investigadores, esta diferenza responde a que a flora intestinal entre os humanos non é homoxénea e nalgúns casos reacciona ante os edulcorantes cunha especie de resposta inmune que se traduce en alteracións no metabolismo do azucre.

Miguel Ángel Rubio, da unidade de nutrición do hospital Carlos III de Madrid, destaca o feito de que o ensaio en humanos sexa moi limitado (só sete persoas) e non arroxe resultados tan concluíntes como en ratos: “non se poden sacar conclusións deste traballo dos efectos en humanos”, insiste.

Os autores do traballo, con todo, destacan como o incremento do consumo dos edulcorantes é paralelo ao aumento “dramático” das epidemias mundiais de obesidade e diabetes. “Os nosos achados suxiren que estas sustancias poderían contribuír a aumentar a epidemia que trataban de combater”, conclúen.

0

Dúas ‘pastillas’ de exercicio ao día

exercicio

Realizar unha actividade física protexe de desenvolver hipertensión
Correr, nadar ou camiñar pode reducir un 25% o risco de cancro de mama
Nalgunhas enfermidades, o exercicio é máis efectivo que as pastillas

Información extraída de El Mundo.

Moito se fala do deporte e do exercicio como xeito de establecer uns hábitos saudables. De feito, son numerosos os estudos que mostran os beneficios da actividade física sobre a saúde pero, ata que punto é así? Varios estudos publicados esta semana apuntan como realizar algún tipo de exercicio pode reducir algúns dos problemas de saúde máis frecuentes como a diabetes, o cancro de mama, a hipertensión ou os infartos. O seu efecto é igual ou superior ao dalgúns fármacos que se recetan para estes trastornos.

Accesible, barata e eficaz, o exercicio é unha das mellores ferramentas para previr e tratar certas enfermidades. Unha delas é a hipertensión, un trastorno que afecta a uns 78 millóns de adultos en EEUU e a uns 14 millóns en España, o que representa no noso país algo máis do 40% da poboación xeral adulta.

Unha análise de 13 estudos, publicada pola revista da Asociación Americana do Corazón, ‘Circulation’, valorou o seu efecto en máis de 136.000 persoas de Estados Unidos, Europa e Asia que foron avaliadas ao longo dun periodo mínimo de dous anos e máximo de 45. Segundo este traballo, canta máis actividade física se teña, máis protexido se está de desenvolver hipertensión.

Deste xeito, comprobouse que aquelas persoas que practicaban máis de catro horas á semana de exercicio no seu tempo libre tiñan unha redución do 19% no seu risco de ter hipertensión. “Este é un factor de risco cardiovascular e de enfermidade renal -polo que é importante previr e controlar a hipertensión”, afirma Wei Ma, experto en Saúde Pública da Universidade de Shandong, en Jinan, China. “Por este motivo, para intentar baixar a túa tensión arterial, deberías facer máis exercicio no teu tempo libre”.

Na mesma liña vai outra revisión de 12 meta-análise (un tipo de estudos científicos), publicada na revista ‘British Medical Journal’, na que se comparaban dúas estratexias, exercicio fronte a fármacos, na prevención dun segundo infarto de miocardio, para a rehabilitación tras un ictus, no tratamento dunha insuficiencia cardiaca e como prevención da diabetes.

Segundo este traballo, tanto na prevención da diabetes como na dun segundo infarto, a actividade física é tan eficaz como a medicación correspondente. Doutra banda, naquelas persoas que sufriran un ictus, ou accidente cerebrovascular, o exercicio é máis beneficioso que os fármacos. Só os diuréticos, administrados na insuficiencia cardiaca, superan en eficacia a algunha forma de ximnasia.

“O exercicio e os medicamentos non difiren en términos de beneficios sobre a mortalidade en ningunha das patoloxías avaliadas salvo na rehabilitación tras un ictus, onde as intervencións físicas son asociadas a unha redución dos riscos de mortalidade moito maiores que a detectada cos fármacos”, afirman os autores deste traballo.

A partir dos 40

Pero non quedan aí os beneficios. Porque correr, nadar, xogar ao tenis ou camiñar cada día axuda a previr a aparición de cancro de mama, segundo un terceiro estudo publicado na revista ‘Cancer Epidemiology, Biomarkers & Prevention’.

Tras analizar os datos dunhas 73.000 mulleres posmenopáusicas de 50 a 74 anos, os investigadores observaron que aquelas que realizaban polo menos unha hora diaria de exercicio intenso tiñan un risco un 25% menor de cancro de mama, comparadas con aquelas que só camiñaban dúas horas por semana. No entanto, se se camiñaba unha hora ou máis cada día tamén tiñan un risco un 14% menor deste tumor en comparación con aquelas que o facían só tres horas ou menos á semana.

“Os nosos resultados claramente apoian unha asociación entre actividade física e cancro de mama trala menopausia, ademais canto máis vigoroso é o exercicio maior é o efecto”, afirma Alpa Patel, epidemiólogo da Sociedade Americana do Cancro en Atlanta. No entanto, “comprobamos que aquelas mulleres que só camiñaban unha hora ao día, sen facer ningunha outra actividade, tamén tiñan un menor risco deste cancro”.

0

A dieta mediterránea contrarresta un risco de ictus

dieta-mediterránea

A alimentación interactúa cun xene vinculado á diabetes.

Información extraída de El País.

O estudo Predimed (Prevención con Dieta Mediterránea) segue aportando información sobre os beneficios dunha alimentación con moitas froitas e verduras, peixe, hidratos de carbono, aceite de oliva virxe e froitos secos. A última é que -por mecanismos que non se coñecen- pode compensar o risco xenético a ter un accidente cerebrovascular. Publícao Diabetes care.

En concreto, os investigadores dirixidos por José María Ordovás, do Centro de Investigación Biomédica en Rede Fisiopatoloxía da Obesidade e da Nutriciόn’ (Ciberobn), centrouse en persoas que tiñan dúas copias dunha variante dun xene que predispón ao ictus. E o resultado foi que, coa dieta adecuada, o seu risco era igual que o das persoas sen esta predisposición.

“A adherencia á dieta mediterránea reduce o número de accidentes cerebrovasculares en persoas con dúas copias da variante xenética de risco. Esta alimentación saudable parecía eliminar o aumento da susceptibilidade de ictus, poñéndoos en igualdade de condicións coas persoas que non tiñan ningunha copia da variante”, explicou Ordovás, quen tamén é profesor da Escola Friedman de Nutrición e Ciencias Políticas na Universidade Tufts. “Os resultados foron moi diferentes no grupo de control sen recibir unha dieta mediterránea, onde os portadores homocigotos tiñan case tres veces máis probabilidades de padecer un derrame cerebral que as persoas sen a variante do xene.”

“Unha vez máis, vimos que a dieta mediterránea parece compensar a influencia xenética”, dixo Dolores Corella, quen é tamén investigadora da Unidade de Epidemioloxía Xenética e Molecular da Universidade de Valencia.