0

As farmacias coruñesas implícanse para concienciar sobre o ictus

Cartel cos síntomas de alarma do ictus.

A Consellería de Sanidade puxo en marcha o Plan Ictus Galicia, que ten como obxectivo divulgar cuestións básicas sobre o ictus e tratar de previr as súas consecuencias. Dentro deste plan, acordouse que as farmacias coruñesas exhiban carteis informativos. A idea é que a concienciación sobre o ictus sirva para aumentar o número de pacientes que reciben atención especializada urxente, aumentar o número de tratamentos trombolíticos, reducir os tempos entre os síntomas e o inicio do tratamento e incrementar o número de pacientes tratados en menos de 4,5 horas, así como reducir os ingresos hospitalarios.

Como se pode ver no cartel que mostran as farmacias, o eixe de prevención céntrase á hora de divulgar os síntomas en tres F (Fala, Forza e Faciana) que se refiren respectivamente a se o paciente é incapaz de dicir correctamente algunhas palabras simples, se non pode elevar os dous brazos á mesma altura durante dez segundos ou cando sorrí sen mostrar todos os dentes.

Perante algún dos síntomas anteriormente citados o protocolo de actuación inclúe chamar ao 061 e explicar os síntomas, trasladar ao paciente ao hospital para valorar o seu estado e contactar co Centro de Atención ao Ictus para dar soporte técnico ao centro hospitalario que estea realizando a intervención.

Información extraída de Diariofarma.

0

O CHUAC impulsa un plan pioneiro para formar ás persoas diabéticas

Roda para calcular as cantidades de alimentos.

O servizo de Endocrinoloxía deseña unha roda de alimentos para calcular as cantidades sen necesidade de báscula.

O servizo de Endocrinoloxía do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) puxo en marcha un plan “pioneiro en España”, sinalou Teresa Martínez, xefa do servizo, para tratar de poñer freo á diabetes tipo II, formando nos centros de saúde de atención primaria ás persoas afectadas. Para iso, cinco especialistas empezaron a percorrer os ambulatorios da área sanitaria coruñesa para dar charlas non só a profesionais da medicina e enfermería, senón aos enfermos e enfermas.

As clases, centradas na alimentación, o exercicio, a medición da glucosa, como recoñecer unha hipoglucemia e coidados básicos para evitar complicacións, acompáñanse de material moi visual, deseñado á medida e especialmente pensado para facilitar á poboación maior o control da enfermidade. Entre os folletos dos que dispoñerán, unha roda de alimentos na que se utiliza a man como medida de cantidades de carbohidratos, proteínas e graxas admisibles, ou unha táboa de exercicios básicos a realizar. “A dieta e o exercicio son claves -engadiu-, basta con comer san e con camiñar, o que non chega é tombarse no sofá”, recalcou.

Martínez, que sinalou que unha vez percorridos todos os centros as charlas repetiranse mediante videoconferencia, subliñou que este proxecto supón un paso máis no programa de telemedicina cos médicos de familia iniciado xa fai tres anos para tratar de controlar e mellorar a asistencia a unha enfermidade que non só se estima que o 50% das persoas que a padecen non o saben, senón que, ademais, en Galicia calcúlase que afecta ao redor do 10% da poboación xeral, e ao 15% dos maiores de 64 anos, “aínda que hai zonas que superan o 20%”, asegurou.

A endocrinóloga subliñou que o último estudo do Sergas computou case 26.000 pacientes rexistrados como diabéticos, que ao longo do ano acudiron a 270.259 consultas en atención primaria e 13.600 en atención especializada, ademais de necesitar 28.435 ingresos hospitalarios. “A diabetes é un problema moi serio e máis nunha comunidade tan envellecida como a nosa; o que temos que intentar é evitar que os pacientes cheguen a descompensarse e necesiten ingresar, para previr complicacións terribles para o paciente, sobre todo, e tamén para o sistema sanitario”.

*Información e imaxe extraídas de La Voz de Galicia.