0

Coloquio ‘Ictus en primeira persoa’

Cartel que anuncia o coloquio polo Día do Ictus

‘Ictus en primeira persoa’ é o título do coloquio que FEGADACE organiza o día 29 de outubro, e no que se vai tratar a doenza desde tres puntos de vista diferentes: o médico, o da familia, e o da propia persoa. FEGADACE organiza esta charla, na que tamén se vai introducir o Plan Ictus do Sergas, con motivo do Día Mundial do Ictus.

O coloquio vai ter lugar no Auditorio de Afundación da rúa do Vilar, 19, en Santiago de Compostela, de 12:30 a 13:30 hh., o sábado 29 de outubro.

En primeiro lugar, o coordinador de Urxencias do CHUAC e vicepresidente de SEMES Galicia, José Manuel Fandiño, vai facer unha breve introdución sobre o funcionamento do Código Ictus (que é o nome que recibe o mecanismo de atención de emerxencias) e unha presentación do Plan Ictus, proxecto de sensibilización e prevención do accidente cerebrovascular da Consellería de Sanidade.

A continuación, o achegamento ao ictus farase desde unha perspectiva máis persoal, reunindo tres puntos de vista. Susana Arias, neuróloga da Unidade de Ictus do CHUS e membro da Sociedade Galega de Neuroloxía (SGN), vai falar sobre a parte clínica. Fernando Galdo, membro da Xunta Directiva de ADACE e coidador da súa nai, vai falar da súa experiencia como familiar dunha persoa que tivo un ictus. Por último, Juan Luis Delgado, directivo de ADACECO, vai expoñer a súa propia experiencia durante e despois do ictus.

Outras actividades polo Día do Ictus

Ademais do amplo programa de conmemoracións polo Día do Dano Cerebral de FEGADACE e das súas asociacións, a Federación organiza actividades específicas polo Día do Ictus.

Advertisements
0

FEGADACE solicita doazóns para unha campaña de prevención

noticia-dona

“Apoia a prevención do ictus” é o chamamento de FEGADACE solicitando microapoios económicos para financiar unha campaña de sensibilización sobre o que é a principal causa do dano cerebral. Desde o pasado luns, 22 de xuño, e ata o luns 20 de xullo, a Federación Galega de Dano Cerebral vai estar solicitando a colaboración económica de toda a cidadanía para poder afrontar os gastos dunha campaña de prevención do ictus centrada en informar sobre os seus síntomas de alarma.

O ictus é a principal causa do dano cerebral adquirido (DCA), no 78% dos casos. É a segunda causa de morte, e a primeira en mulleres. Tamén provoca a maioría de discapacidades adquiridas. Cando se produce un ictus, é fundamental actuar rápido. Cómpre coñecer ben os seus síntomas de alerta para recoñecelos e acudir inmediatamente ao hospital. Administrar o tratamento nas primeiras catro horas é vital para reducir as posteriores secuelas.

O movemento asociativo do dano cerebral, así como as institucións sanitarias, teñen detectado un profundo descoñecemento deses síntomas de alerta do ictus. Dado que a instancia pública aínda non comezou a traballar nesta liña, FEGADACE decidiu solicitar a colaboración cidadá para realizar unha campaña de sensibilización que achegue a amplos sectores sociais os síntomas de alarma do ictus e que informe sobre as pautas a adoptar no caso de que se produza.

A campaña vai estar microfinanciada por aportacións dun mínimo de 10 euros e sen cota máxima. O obxectivo é que moitas persoas fagan pequenas achegas para, entre todas, acadar os 2.000 euros necesarios para deseñar, producir e difundir a campaña de prevención do ictus. FEGADACE dáse de prazo un mes -do 22 de xuño ao 20 de xullo para acadar esa cantidade-. Ao longo das vindeiras semanas irase informando da marcha das doazóns e do diñeiro recadado.

A base social de FEGADACE é ben consciente da necesidade de informar sobre o ictus. Cunha pequena aportación, calquera pode facer posíbel a campaña informativa da Federación. Unha pequena cantidade non suma, senón que multiplica os apoios. Dona, difunde, frea o ictus.

1

Proxecto para facilitar a comunicación das persoas con dano cerebral

Un usuario de Sarela practica no emprego da tablet.

Un usuario de Sarela practica no emprego da tablet.

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) está a traballar, grazas ao apoio da Fundación La Caixa, nun proxecto para mellorar a capacidade comunicativa das persoas con dano cerebral adquirido. O proxecto, denominado ‘Comunícate CONTICs, sen complexos’, está concibido para poñer ao servizo das persoas con DCA as ferramentas necesarias para comunicarse co seu contorno, reforzar as súas capacidades e potenciar a súa autonomía persoal.

‘Comunícate CONTICs, sen complexos’ naceu en setembro, en virtude dun acordo asinado por FEGADACE coa Fundación La Caixa. Trala adquisición do hardware necesario para a potenciación das habilidades comunicativas das persoas con dano cerebral, FEGADACE organiza este mes catro cursos destinados ao persoal técnico que, despois, formará ás persoas destinatarias do proxecto.

Os cursos comezan este venres en Lugo. Vanse desenvolver nas instalacións de ADACE os días 10 e 17 de xaneiro, e nas de Alento, en Vigo, os días 24 e 31 do mesmo mes. Están dirixidos a familiares, voluntariado, e ao persoal técnico, especialmente de logopedia, das cinco asociacións integradas na Federación Galega de Dano Cerebral (ademais das mencionadas, ADACECO, Renacer e Sarela).

Está previsto que participen en ‘Comunícate CONTICs, sen complexos’ 25 persoas con dano cerebral de entre 19 e 45 anos, usuarias das diferentes asociacións integradas en FEGADACE. Aprenderán a manexar software e hardware (nomeadamente, tablets) adaptado ás súas necesidades comunicativas, potenciando as súas capacidades neste ámbito.

A continuación pódese consultar o folleto que resume o programa:

This slideshow requires JavaScript.

0

As novas tecnoloxías demostran a súa utilidade na rehabilitación individual de persoas con DCA

Actividade de terapia ocupacional con videoxogos na Coruña, nas instalacións de ADACECO.

Actividade de terapia ocupacional con videoxogos na Coruña, nas instalacións de ADACECO.

Son as conclusións da experiencia piloto de aplicación das novas tecnoloxías ao dano cerebral desenvolvida por FEGADACE coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar.

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de elaborar a memoria da recén desenvolvida experiencia piloto sobre ‘Novos servizos para a prevención da dependencia e novas técnicas de rehabilitación de persoas afectadas por Dano Cerebral Adquirido’, da que extraeu resultados desiguais, aínda que moi positivos no caso da rehabilitación individual.

Esta experiencia tivo como obxectivo promover a autonomía persoal e mellorar o proceso rehabilitador das persoas con dano cerebral, promovendo un envellecemento activo e saudábel adaptado ás persoas con esta discapacidade. Decorreu en paralelo coa organización dos cursos de ‘Hábitos de vida saudábeis e prevención da dependencia no dano cerebral’, e contou coa colaboración dos mesmos socios: a Consellería de Traballo e Benestar, FEDER e o programa de Cooperación Transfronteiriza España – Portugal, a través do seu proxecto ‘Envejecimiento + Activo’.

En total participaron neste proxecto 137 persoas, todas elas usuarias das asociacións de dano cerebral integradas en FEGADACE. Tomando en conta as familias, esta cifra estendeuse a 58 persoas máis. As novas tecnoloxías e técnicas de rehabilitación aplicáronse a cinco ámbitos de traballo: terapia ocupacional e saúde, fisioterapia, logopedia, psicoloxía e neuropsicoloxía, e traballo con familias.

A tecnoloxía empregada no caso dos tratamentos de logopedia é a dos símbolos pictográficos que utilizan as tablets como soporte (Verbaliza, E-mintza, etc.). É necesario destacar que este soporte presenta moitas posibilidades pero tamén algunhas limitacións (require unha certa familiaridade cos soportes informáticos, o tamaño pode ser moi reducido para algunhas persoas usuarias…). Nas conclusións sinálase que “é necesario seguir explorando estas posibilidades, traballar na adaptación dos dispositivos ás persoas, pero tamén que elas se vaian adaptando a eles, como un elemento máis que lle pode permitir unha mellor comunicación co seu ámbito persoal e social”.

Na terapia ocupacional practicouse o xogo e o exercicio virtual (en Wii e Xbox Kinect). “En determinados perfís cunha afectación funcional moderada, as súas potencialidades son significativas, aínda que parecen necesarias adaptacións das súas prestacións ás persoas con DCA”, sinalan as conclusións da experiencia.

En rehabilitación psicolóxica e neuropsicolóxica, algúns dos programas empregados son: Brain Games Senior, que se pode adquirir en grandes superficies, ‘Activa a túa mente’, ou xogos de xestión do tempo que se poden descargar gratuitamente de internet (Supermarket Mania, Farm Frenzy, Salón de Spa, etc.).

A nivel grupal houbo actividades de lectoescritura e expresión, obradoiros de teatro, terapia canina, informática, hidroterapia, musicoterapia, xogo virtual, ioga, horta adaptada… Ademais, creouse de maneira participativa o presente blog, Envellecer con DCA, para debater e informar sobre tratamentos, dano cerebral e envellecemento.

A conclusión desta experiencia indica que progresan, é dicir, melloran, o 49% das persoas usuarias dos tratamentos de logopedia, o 34,7% no caso dos de psicoloxía/neuropsicoloxía, o 34,4% en fisioterapia, o 43,3% das usuarias dos tratamentos de terapia ocupacional e saúde e o 37,9% das familias. Os retrocesos foron anecdóticos e motivados por causas alleas a estes tratamentos (recaídas de outras doenzas, por exemplo), e as demais persoas estabilizáronse.

0

FEGADACE lanza un blog sobre prevención da dependencia e rehabilitación no DCA

CapturaEnvellecerDCA

A Federación Galega de Dano Cerebral continúa coa campaña para promover o envellecemento saudábel e a prevención da dependencia lanzando un blog a través do que informar e reflexionar sobre estes temas. O blog forma parte dun proxecto sobre novas técnicas na rehabilitación para a prevención da dependencia no dano cerebral, que conta co apoio da Consellería de Traballo e Benestar, FEDER, e o programa de Cooperación Transfronteiriza España – Portugal, a través do seu proxecto ‘Envejecimiento + Activo’.

As entidades federadas en FEGADACE están a desenvolver este proxecto en forma de terapias individuais e grupais. Os tratamentos que proporcionan incorporan técnicas innovadoras baseadas nas novas tecnoloxías (realidade virtual, videoxogos, etc.) e na promoción, de maneira transversal, de hábitos de vida saudábel.

Así, e por exemplo, as sesións de Terapia Ocupacional están centradas en obradoiros de cociña, nos que se aproveita para traballar sobre os alimentos máis recomendábeis para a saúde das persoas con dano cerebral. Tamén se están fornecendo tratamentos de fisioterapia, rehabilitación psicolóxica e estimulación cognitiva, logopedia e comunicación.

‘Envellecer con DCA’

O blog ‘Envellecer con DCA’ nace coa idea de que persoas usuarias, familiares e profesionais intercambien opinións sobre hábitos de vida saudábel, innovación nos tratamentos, alimentación… Compártese o proceso de aprendizaxe ao tempo que se desenvolven habilidades no manexo de internet e os dispositivos de acceso á rede.

FEGADACE anima ao público interesado nesta cuestión a participar no blog deixando comentarios, propostas, e interactuando cos demais usuarios e usuarias.

Dentro deste blog pódese atopar unha sección titulada ‘Aprende no noso curso!’, na que se reproduce o material didáctico elaborado polo equipo profesional de FEGADACE para o ciclo de cursos  ‘Hábitos de vida saudábeis e prevención da dependencia no dano cerebral’. Recolle documentación, recursos didácticos e xogos cos que aprender a previr a dependencia evitando o dano cerebral. Pódese acceder directamente desde a seguinte URL: http://curso.fegadace.org/.

Cursos sobre hábitos de vida saudábel

O programa para a prevención da dependencia nas persoas con dano cerebral comezou o mes pasado cun ciclo de cursos titulado ‘Hábitos de vida saudábeis e prevención da dependencia no dano cerebral’. Esta actividade, que comparte patrocinadores coa centrada na rehabilitación, consistiu nunha serie de cursos que se impartiron na Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago. Neles ensinouse ao público asistente como identificar un ictus, como actuar perante a súa irrupción, déronse instrucións sobre como previlo, etc.

O ciclo de cursos contou cunha asistencia total de máis de 200 persoas, moitas delas con dano cerebral, que se amosaron satisfeitas dos coñecementos adquiridos nos obradoiros.