0

A OMS lanza a iniciativa ‘Corazóns globais’ para loitar contra as enfermidades cardiovasculares

Maqueta dun corazón humano.

Con esta campaña, a Organización Mundial da Saúde busca previr as máis de 17 millóns de mortes que causan estas patoloxías no mundo.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) lanzou, con motivo da celebración da Asemblea Xeral da ONU, a iniciativa ‘Corazóns globais’ que ten como obxectivo loitar contra as enfermidades cardiovasculares, incluíndo os ataques cardiacos e accidentes cerebrovasculares.

Cada ano estas patoloxías provocan a morte de 17 millóns de persoas en todo o mundo, como consecuencia, en moitas ocasións, de estilos de vida pouco saudables como, por exemplo, o tabaquismo, o consumo de alimentos con demasiado sal ou o sedentarismo. Unhas mortes que, ademais, poderían tamén evitarse se se mellorase o acceso á atención sanitaria e, especialmente, ás probas de presión arterial e colesterol, entre outras.

Perante isto, ‘Corazóns globais’ pretende ampliar a prevención e o control das enfermidades cardiovasculares en todo o mundo e, en especial, nos países en desenvolvemento. Para iso, conta co apoio dos Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC) de Estados Unidos, a Federación Mundial do Corazón, a Organización Mundial do Ictus, a Sociedade Internacional de Hipertensión e a Liga Mundial da Hipertensión.

“Esta iniciativa pode aforrar moitos millóns de vidas mediante o aumento gradual das medidas que xa se demostou que son eficaces na prevención das enfermidades cardiovasculares como, por exemplo, aumentar os impostos sobre o tabaco, reducir o sal dos alimentos e fortalecer os sistemas de Atención Primaria. De feito, o uso destas iniciativas permitiu reducir en máis dun 40% a mortalidade por estas patoloxías nos Estados Unidos e nun 80% entre os homes de Finlandia”, asevou a directora xeral da OMS, Margaret Chan.

Tres paquetes de acción

En concreto, ‘Corazóns globais’ conta con tres paquetes: ‘Shake’, un conxunto de exemplos de políticas baseadas en probas científicas para reducir o consumo de sal entre a poboación; ‘Corazóns’, que conta con ferramentas para mellorar o tratamento destas enfermidades nos servizos de Atención Primaria e reducir os niveis altos de presión arterial e colesterol; e ‘Mpower’, que inclúe seis medidas para axudar aos países a aplicar as directrices do Convenio Marco para o Control do Tabaco.

Así mesmo, ademais destes paquetes, a OMS vai proporcionar aos gobernos apoio técnico para implementar e ampliar as intervencións para reducir a presión arterial e previr os ataques cardiacos e accidentes cerebrovasculares.

Estas actividades inclúen o desenvolvemento de protocolos simplificados e normalizados de xestión, a mellora do acceso aos medicamentos e tecnoloxías, o desenvolvemento de plans de control do tabaco ou o seguimiento da implantación das medidas.

“Reducir a demanda dos produtos de tabaco e do sal nos alimentos pode axudar a millóns de persoas a evitar mortes innecesarias e a aparición de patoloxías cardiovasculares. Ademais, pode axudar a aforrar custos aos gobernos con recursos limitados”, apostilou o director da OMS para a Prevención das ENT, Douglas Bettcher.

‘Corazóns globais’ poñerase en marcha inicialmente en Barbados, Colombia, Etiopía, India, a República Islámica do Irán, Xordania, Nepal, Nixeria, Filipinas, Tailandia, Taxikistán e Uganda, aínda que estará aberta a todos os países que desexen participar.

Información e imaxe extraídas do Heraldo de Aragón.

0

Beber moito alcohol aumenta máis o risco de ictus que a hipertensión

Dous vasos de whisky.

Un bo número de investigacións puxeron sobre a mesa a certeza de que a presión arterial alta e a diabetes poden aumentar o risco de ictus ou accidente cerebrovascular. Agora, un novo estudo descubriu que, nas persoas de mediana idade, o consumo excesivo de alcohol pode ser aínda máis perigoso que estoutros factores.

A investigación, desenvolvida por un equipo de expertos do Centro Internacional de Investigación Clínica do Hospital Santa Ana da Universidade da República Checa, analizou 11.544 xemelgos do mesmo sexo cun seguimento durante 43 anos (ata 2010), durante os que os participantes cumprimentaron cuestionarios sobre a súa dieta e consumo de alcohol e tamén datos sobre a súa presión arterial, tabaquismo, diabetes, e outros riscos para a saúde.

Ao longo deste periodo, case o 30% dos participantes do estudo tivo un derrame cerebral. Dividindo os participantes en grupos dependendo do seu consumo de alcohol, os investigadores descubriron que consumir máis de dúas bebidas alcohólicas ao día durante a mediana idade aumentaba o risco de accidente cerebrovascular nun 34% sen darse o caso en ambos xemelgos idénticos -a non ser que coincidisen na cantidade de alcohol consumida-.

Así, independentemente dos factores xenéticos, o consumo excesivo de alcohol na mediana idade aumenta o risco de accidente cerebrovascular máis que os factores tradicionais de risco como a presión arterial alta e a diabetes: “Agora temos unha idea máis clara sobre estes factores de risco, a forma en que cambian coa idade e como a influencia do alcohol provoca cambios a medida que envellecemos. Para os adultos de mediana idade evitar máis de dúas bebidas alcohólicas ao día podería ser un xeito de previr o accidente cerebrovascular despois de rozar os 60 anos”, aclara Pavla Kadlecová, coautora do estudo.

O equipo publicou os seus achados en Stroke, unha revista da American Heart Association (AHA).

*Información extraída de Muy Interesante e imaxede Pixabay con licenza CC0.

0

“Divertirse diminúe a presión arterial e mellora a prevención do ictus”

Santiago Palacios, director do Instituto Palacios de Saúde e Medicina da Muller de Madrid.

Santiago Palacios, director do Instituto Palacios de Saúde e Medicina da Muller de Madrid.

Unha de cada sete mulleres españolas falece por mor dun ictus, o que a converte na principal causa de mortaldade feminina. Santiago Palacios (Madrid, 1955), director do Instituto Palacios de Saúde e Medicina da Muller de Madrid, responde a unha entrevista sobre a súa prevención.

Información extraída de Agencia SINC.

Sorprende que o ictus sexa a enfermidade que maior mortaldade causa entre as mulleres españolas e non outras máis coñecidas como o cancro…

A mortaldade por ictus relaciónase co envellecemento da poboación. Cantos máis anos se teñen, máis probabilidades hai de morrer de ictus, mentres que o cancro afecta tamén a xente máis nova, o que é máis dramático.

Por que o ictus afecta máis ás mulleres?

Porque a muller vive máis. A principal causa de morte no home tamén é a enfermidade cardiovascular, pero provocada por infarto de miocardio. Ademais, os infartos danse cando os varóns aínda son relativamente novos. Isto non sucede coa muller, que como vive máis anos de media, é máis proclive a sufrir un ictus coa idade.

E estes niveis de mortaldade rexístranse no resto do mundo?

Si, o ictus tamén é a primeira causa de falecemento en países onde a poboación feminina vive máis anos, como os países occidentais.

Os expertos denunciades que as mulleres acoden moitas veces a especialistas inadecuados. Por que razón?

Esa é unha tendencia xeral na enfermidade cardiovascular. As pacientes que sofren taquicardias ou subidas de tensión pensan que son síntomas de menopausia ou que están nerviosas e non o focalizan como unha patoloxía. Talvez están tomando ansiolíticos ou calquera outra medicación cando o que deberían facer é ir ver a un cardiólogo.

En canto á prevención, que se pode facer para evitar sufrir un ictus?

Facer deporte, exercicio físico, e unha dieta moderada na que inflúe moito o sal. Estamos tomando demasiado e habería que reducilo á metade porque o seu consumo está relacionado coa hipertensión. Tamén hai que coidar o colesterol, o peso, a diabetes e a tensión arterial. Aquelas persoas que teñan unha enfermidade cardíaca deben coidarse máis. E en canto a hipertensión, hai que vixiar o estrés…

Explicou que vacinarse contra a gripe tamén axuda a previr a enfermidade. De que forma?

A gripe conleva moitas veces un aumento da febre, o que pode ter unha connotación de estrés metabólico. Por iso, a persoa maior debería evitar a gripe a través da vacinación. Ademais, hai que divertirse, porque isto diminúe a presión arterial e mellora a prevención de ictus.

Existen outras enfermidades cardiovasculares que pasan desapercibidas entre a poboación?

Si, por exemplo a fibrilación auricular, sufrida polo 5% das mulleres maiores de 65 anos, que debería ser coñecida e recoñecida pola sociedade. Sempre dicimos que a saúde é como o tempo: debe informarse a diario á poboación.

0

Presión arterial baixo control para un cerebro san

presión arterial

Información extraída de Medciencia.

A presión arterial alta, sobre todo nas arterias que fornecen sangue á cabeza e o pescozo, podería estar relacionada cunha diminución da capacidade cognitiva, segundo un novo estudo realizado en Australia publicado na revista Psychological Science. Non é a primeira vez que alguén chega a estas conclusións, aínda que os estudos centráronse tan só na presión alta que se toma da arteria braquial, no brazo (polo xeral, as medicións tómanse desde aquí). Esta é a graza deste novo estudo.

En concreto, os investigadores detectaron que as persoas con hipertensión arterial nas arterias centrais (incluíndo a aorta, a arteria máis grande do corpo humano, e as arterias carótidas do pescozo) mostran un peor rendemento nas probas de procesamiento visual, así como lentitude de pensamento e empeoramento das habilidades de recoñecemento. Tras estes resultados, os investigadores, da Universidade de Swinburne en Melbourne, recomendan, á hora de tomar a presión arterial, examinar tamén a saúde das arterias centrais para avaliar as habilidades cognitivas, porque son predictivas de máis características de deterioro.

Que ocorre na vellez?

Un só latexado do corazón bombea o sangue a gallarón, pero as arterias centrais son flexibles, e expándense e contraen para manter constante o fluxo de sangue cara o cerebro. Cando as persoas envellecen, as arterias centrais enduran. Esta menor elasticidade provoca que o cerebro reciba máis sangue a alta presión, o que pode danar a cognición.

No estudo, para o que os investigadores examinaron a 493 australianos entre 20 e 82 anos de idade, os científicos atoparon que unha presión braquial (a do brazo) elevada relaciónase cun peor rendemento na proba de procesamiento visual (empeoramento cognitivo). Indo máis aló, a presión arterial central correlacionábase, demais, cun peor desempeño en varias probas, incluíndo o procesamento, o recoñecemento e a velocidade de procesamento visual. Polo tanto, a presión arterial central podería ser un predictor máis sensible de envellecemento cognitivo.

Os científicos pretenden ampliar os resultados estudando se a redución da presión arterial central (algo que pode facerse deixando de fumar, facendo un pouco de exercicio ou reducindo a ingesta de sal; en definitiva, levando unha vida saudable) podería protexer ás persoas contra o deterioro mental. Outros estudos xa identificaran vínculos entre a presión arterial elevada e un maior risco de lesión cerebral e atrofia. Por este motivo, considérase que a hipertensión é un importante factor de risco “modificable” para o deterioro cognitivo na vellez. E todo empeza por coidarse.

A coidarse a partir dos 40 (e sempre)

A finais do 2012, investigadores da Universidade de California en Davis divulgaron un estudo segundo o cal o deterioro cognitivo por niveis elevados de presión arterial podería producirse a partir dos 40 anos. E pode darse ata en persoas que tiveran nunca un diagnóstico clínico de hipertensión. O deterioro inclúe dano á integridade estrutural da materia branca do cerebro e ao volume da súa materia gris. Este estudo si que foi o primeiro en constatar que existe un dano estructural nos cerebros de adultos ao comezo da idade madura como resultado da hipertensión arterial.

A mensaxe dos científicos nese momento foi claro: podemos influír directamente na saúde do noso cerebro coidando a nosa presión arterial mentres somos novas.