0

As cinco esferas a traballar para un bo envellecemento

Dous homes maiores paseando.

Información extraída de Centro virtual sobre el envejecimiento e imaxe de Pixabay con licenza CC0.

Envellecer é un proceso natural que, sen dúbida, pon a proba o noso corpo e mente; supoñendo a aparición de retos diarios que só se poden superar baixo unhas pautas adecuadas de exercicio físico e cognitivo, así como cumprindo unha rutina terapéutica e saudable, adecuada e personalizada.

Cada persoa presenta unha serie de circunstancias e características moi propias e diferentes ás que pode manifestar outra, aínda que ambos se atopen en momentos vitais similares. Podemos definir cinco esferas en cada ser humano que, aínda estando desenvolvidas de xeito diferente en cada persoa, é certo que están establecidas e deben ser traballadas co fin de conseguir un envellecemento satisfactorio.

O proceso de envellecemento iníciase desde o mesmo momento en que nacemos, xa que o noso corpo sométese a unha serie de cambios asociados ás diferentes etapas vitais que imos atravesando. É por este motivo que debemos traballar desde fases iniciais no establecemento de rutinas terapéuticas que nos permitan manter un grado de benestar e satisfacción persoal elevado.

Un momento vital moi importante é o da xubilación, sendo este o inicio dunha fase relevante na que temos que implantar unha rutina saudable que supla as horas laborais que se deixan de empregar, e veña mellorar o benestar da persoa.

As cinco áreas vitais que se poden definir no ser humano son: área física, área cognitiva, área psicolóxica, área nutricional e área social. Estas cinco áreas deben ser traballadas nas liñas de prevención, así como no tratamento puntual se algunha delas sufrise alteración ou patoloxía.

A área física débese traballar de xeito diario e desde fases temperás de madurez, establecendo exercicios de aproximadamente 30 minutos diarios e que supoñan un estímulo a realizar.

A área social débese estimular a diario a través de conversacións, saídas culturais, e compartindo tempo con familiares e a rede social que cada un posúa.

A estimulación cognitiva asóciase a patoloxías como a demencia ou o deterioro cognitivo, pero só a través de exercicios preventivos de cálculo, memoria, atención, linguaxe e praxias podemos reducir o risco de padecer este tipo de enfermidades.

Somos o que comemos e, xa que logo, debemos coidar e adaptar as nosas necesidades nutricionais a cada momento vital que atravesamos, tendo que construír dietas moi personalizadas e, que supoñan un equilibrio entre o recomendable e o apetecible.

A autoestima, o humor, a inquietude por seguir aprendendo e o valor da afectividade deben ser traballadas con soporte psicolóxico e pautas que, de cumprirse de xeito adecuado, garantirán un envellecemento máis saudable e feliz. A sensación de benestar e a felicidade pódense construír, e sempre dependen de nós mesmos e non de elementos externos.

Establecendo cinco sinxelas pautas diarias orientadas ao traballo, mellora e estimulación destas cinco esferas garantiremos unha redución de probabilidades á hora de sufrir unha patoloxía, á vez que prepararemos o corpo de xeito moi conveniente para enfrontarse a un proceso que non se debe asociar a enfermidade e pode ser vivido de forma plena: o envellecemento.

Cinco esferas para traballar un bo envellecemento

  1. Área física: traballar de maneira diaria e desde fases temperás de madurez, establecendo exercicios de 30 minutos diarios e que supoñan un estímulo a realizar.
  2. Área cognitiva: asóciase a patoloxías como a demencia ou o deterioro cognitivo pero só a través de exercicios preventivos de cálculo, memoria, atención, linguaxe e praxias se pode reducir o risco de padecer este tipo de doenzas.
  3. Área psicolóxica: a autoestima, o humor, a inquietude por seguir aprendendo e o valor da afectividade deben ser traballadas con soporte psicolóxico e pautas que, de cumprirse de maneira adecuada, garantirán un envellecemento máis saudable e feliz.
  4. Área nutricional: somos o que comemos e, polo tanto, debemos coidar e adaptar as nosas necesidades nutricionais a cada momento vital que atravesamos, tendo que construír dietas moi personalizadas e que supoñan un equilibrio entre o recomendábel e o apetecíbel.
  5. Área social: débese estimular a diario a través de conversas, saídas culturais, e compartindo tempo con familiares e coa rede social que cada quen posúa.
0

Exercicio físico, outro ingrediente na recuperación dun ictus

exercicio

‘Calquera cousa é mellor que quedar sentado no sillón’, recomendan os especialistas.
Un exercicio moderado e adaptado a cada paciente pode favorecer a súa recuperación.

Información extraída de El Mundo.

A afectación física que pode provocar un ictus nos pacientes que o sofren adoita provocar que moitos deles se vexan abocados a unha vida sedentaria despois do seu accidente cerebrovascular. Con todo, o exercicio debe formar parte da súa recuperación posterior, non só polos seus beneficios físicos, senón tamén como antídoto contra a depresión.

Adecuando o exercicio físico ás posibilidades e condicións de cada paciente, un panel de expertos da Asociación Americana de Ictus acaba de recomendar nas páxinas da revista Stroke que este ingrediente forme parte do programa de rehabilitación e recuperación tras un accidente cerebrovascular.

Exercitar os músculos “con movementos repetitivos e que requiran un gasto enerxético” non só reducirá o risco de novos problemas cardio e cerebrovasculares, senón que tamén diminúe as probabilidades de caídas, reduce a fatiga, o risco de depresión, mellora a súa motivación e o seu estado de ánimo… A lista de beneficios que enumeran os especialistas encabezados por Sandra Billinger -da Universidade de Kansas- é ampla, e os propios especialistas en Neuroloxía animan aos seus colegas a incluír o exercicio aeróbico moderado entre as súas recomendacións despois dun ictus.

Non se trata dunha actividade física intensa, senón de adecuar ditas recomendacións ás posibilidades de cada paciente. E aínda que suxiren que o ideal serían entre 20 e 60 minutos tres veces á semana, para moitas persoas que sufriron un ictus con 10-15 minutos de actividade moderada-intensa varias veces ao longo do día pode ser suficiente. E por moderada-intensa propoñen, por exemplo, un paseo polo vecindario ou realizar algunha tarefa doméstica. “Calquera cousa é mellor que quedar sentado no sillón”, din claramente.

Manterse fisicamente activos pode reducir non só o seu risco dun novo ictus, senón mellorar a súa funcionalidade no día a día e a fortaleza das súas extremidades superiores (no caso das pernas, admiten, os beneficios non están tan claros).

“Hai unha gran lagoa unha vez que os pacientes reciben a alta e abandonan os programas de rehabilitación dos hospitais”, recoñece o documento oficial, que tamén critica que poucos médicos fan recomendacións aos seus pacientes neste sentido. Entre outras cousas suxiren que se reduzan os días que os pacientes permanecen encamados inmediatamente despois do evento e que se alterne a cama co sillón canto antes.

En moitos casos, conclúen, o ictus é a primeira chamada de atención para o paciente. Incluír o exercicio físico na recuperación posterior pode servir para lograr unha mellora xeral de saúde e previr futuros accidentes vasculares. Iniciar a actividade canto antes e contar cun programa guiado por especialistas, que adecúe a actividade física a cada paciente, pode ser clave para que isto repercuta nunha mellor calidade de vida despois do ictus.