Xogos de realidade virtual para axudar ao cerebro a superar un ictus

Dispositivo para a rehabilitación a través da realidade virtual.

Xusto despois de dar a luz ao seu segundo bebé, Gloria tivo que loitar pola súa vida. Un ictus cerebral case a deixou paralizada. Apenas era capaz de falar.

Durante meses seguiu un programa de rehabilitación que inclúe practicar cun xogo de realidade virtual. Trátase dunha novedosa forma de rehabilitación que está probándose nun hospital de Barcelona.

  • Pregunta: Esta rehabilitación está sendo útil?
  • Gloria Bou Ferreiro, paciente: Si, motívate ver que fas cousas novas. Conséguese un movemento bastante amplo, bo, dunha forma bastante inconsciente.

O xogo de realidade virtual foi desenvolvido como unha ferramenta para complementar as técnicas clásicas de rehabilitación.

O obxectivo é ensinar ao cerebro a controlar de novo os movementos do corpo, especialmente as extremidades superiores. Así nolo explica Susana Rodríguez González, física especializada en medicina física e rehabilitación do hospital Vall d´Hebron: “Estes pacientes están no seu domicilio, non teñen ningún tipo de terapia, pensan que xa acabaron o tratamento. Aprenden a manexar o seu cerebro, porque non utilizan o lado afectado. Vemos que é unha ferramenta que pode axudar a superar a non utilización da parte que está afectada”.

O xogo foi desenvolvido nunha universidade, non moi lonxe do hospital. Un equipo de informáticos, psicólogos e biocientíficos dun proxecto europeo de investigación crearon o sistema partindo dunha idea: o cerebro mantén a súa plasticidade durante toda a vida.

Por iso se pode usar para lograr a reorganización funcional das áreas cerebrais afectadas polo derrame. Explícanolo Paul Verschure, psicólogo e coordinador do proxecto: “A nosa teoría di que o cerebro é unha máquina activa de aprendizaxe. Constrúe continuamente modelos do mundo así que pensamos que poderiamos dar ao cerebro novas formas de estimulación, novas formas de adestramento orientadas a facer que o cerebro crea que pode realizar determinadas accións. Iso é o que facemos coa realidade virtual”.

O sistema optimiza o adestramento do usuario analizando o rendemento do paciente. Ademais, estes modelos de realidade virtual poden ter outras aplicacións máis aló da rehabilitación.

Por exemplo co desenvolvemento de gráficos, como nos fai saber Anna Mura, neurocientífica da Universidade Pompeu Fabra: “Neste gráfico podemos ver por exemplo a rexión cerebral que foi afectada por un ictus. Podemos avaliar como a actividade cerebral das rexións afectadas vai cambiar. Podemos en certa forma visualizar como se verán afectadas as funcións motora e cognitiva do paciente e iso pode axudarnos moito á hora de realizar mellores diagnósticos”.

Segundo os investigadores, a realidade virtual pode axudar aos pacientes con derrames cerebrais a recuperar o control das súas extremidades superiores.

Agora o obxectivo é utilizar esas mesmas ferramentas para mellorar outras funcións cerebrais que tamén poden verse afectadas por derrames.

Hai moitos exemplos: “Alteracións da linguaxe, trastornos da deglución, trastornos do equilibrio, trastornos neuro-psicolóxicos, trastornos atencionais… O ictus non só afecta á motricidade, ao control motor, á forza. Hai moitas funcións, funcións executivas, funcións cognitivas, que tamén están afectadas”, declara Susana Rodríguez González.

Tras unha exitosa etapa de proba, as primeiras unidades desta ferramenta de realidade virtual serán instaladas en clínicas de toda Europa.

*Información, imaxe e vídeo extraídos de Euronews.

Deixar un comentario