0

Froita e verdura máis baratas, corazón máis san

Neveira chea de froitas e verduras.

Reducir o custo nun 10% dos alimentos saudables, tales como as froitas e as verduras, e, polo contrario, incrementar outro 10% o das comidas menos recomendables, como as bebidas azucradas, axudaría a previr un importante número de falecementos causados por infartos e ictus. De fecho, segundo os expertos, esta dobre medida parece que podería ser máis efectiva que calquera das campañas desenvolvidadas nos últimos 15 anos. Así o afirma un estudo que se acaba de presentar no congreso científico sobre Epidemioloxía e estilos de vida da Asociación Americana do Corazón.

Un grupo de científicos da Escola Friedman de Ciencias e Políticas da Nutrición na Universidade Tufts de Boston (EEUU) e a Facultade de Medicina de Harvard utilizaron modelos informáticos para predicir como varios cambios nos prezos poderían afectar nos hábitos alimenticios e, en consecuencia, na merma das enfermidades cardiovasculares.

Segundo os resultados, de aquí a 2030, a redución do custo dos alimentos máis saudables traduciríase nunha taxa de mortaldade por enfermidades cardiovasculares un 1% menor, o que significaría entre 64.000 e 69.000 mortes menos por estas causas. Cando o modelo predictivo ‘xogaba’ cunha caída de prezos do 20%, o número de falecementos descendía nun 2%, e se era do 30%, nun 2,6%, é dicir, entre 191.000 e 205.000.

Para comparar, apuntan os autores deste traballo, unha campaña que promocione o consumo de froitas e verduras nos medios de comunicación durante un ano é quen de reducir a taxa de mortalidade cardiovascular nun 0,1%, ou o que é o mesmo, entre 7.500 e 8.300 mortes. As estimacións indican que unha campaña destas características que se prolongue 15 anos podería diminuír o número de falecementos nun 0,3% (entre 22.800 e 24.800 mortes).

En definitiva, a campaña informativa sería un 35% menos eficaz que a redución dos prezos para a prevención da mortalidade por enfermidades cardiacas e accidentes cerebrovasculares.

Alimentos máis caros

Doutra banda, o aumento do prezo doutros alimentos que, pola contra, son menos saudables, por exemplo, as bebidas azucradas, tamén ten unha influencia moi positiva na saúde cardiovascular da poboación. Nun periodo de cinco anos, aumentar o custo deste tipo de produtos nun 10% supón un descenso das enfermidades do corazón e os ictus en case un 0,1%. Nun prazo de 20 anos, un 0,12%. Concretamente, os ataques ao corazón poderían diminuír nun 0,25% en ambos marcos temporais e os accidentes cerebrovasculares mermarían nun 0,17% en dúas décadas. Ademais, a diabetes tamén caería nun 0,2% en cinco anos e nun 0,7% en 20 anos.

En conxunto, o modelo informático demostra que para o ano 2035 sería posible previr 515.000 mortes por enfermidades carviovasculares e preto de 675.000 eventos tales como infartos e ictus nos Estados Unidos. “Un cambio na dieta pode ser un reto, pero se se logra a través da elección persoal ou de cambios no mercado, pode ter un efecto profundo na saúde cardiovascular”, sinala Thomas Gaziano, médico, profesor de Saúde Pública en Harvard (Boston) e un dos autores desta investigación.

Estas dúas medidas non só melloran a saúde do corazón, tamén modifican os hábitos alimenticios, o estilo de vida. Datos como estes avalan políticas dirixidas directamente aos prezos. “Os nosos achados apoian a necesidade de aplicar máis ou menos impostos aos alimentos en función do saudables que son”, sentencia outro dos expertos desta análise, Dariush Mozaffarian, médico e decano da Gerald J. Dorothy R. Friedman e a Escola de Nutrición e Ciencias Políticas na Universidade de Tufts.

Varios estados do país norteamericano tiveron en conta xa nas súas políticas estas conclusións, aplicando impostos especiais sobre as bebidas azucradas e eliminándoos da froita ou a verdura. “A mala alimentación contribúe de xeito importante na enfermidade cardiovascular, que é a principal causa de morte en EEUU. Polo tanto, os gobernos deben implementar políticas eficaces para facer fronte a esta carga cada vez maior”, recalca Jonathan Pearson-Stuttard, investigador principal e membro clínico e académico de Saúde Pública no Imperial College de Londres.

*Información e imaxe extraídas de El Mundo.

Advertisements