0

Comer froita a diario protexe fronte ao infarto e o ictus

Bodegón con plátanos, mazás e peras.

A froita é un dos compoñentes básicos de calquera dieta saudable. Non en balde, contén baixos niveis de sodio e graxas e é unha fonte natural de potasio, fibra, antioxidantes e outras moitas substancias cardiosaudables. O resultado é que o consumo diario de 100 gramos de froita, sobre todo de laranxas e mazás, asóciase cunha diminución moi significativa da mortalidade cardiovascular, moi especialmente por un infarto de miocardio ou un ictus. Así o mostra un estudo levado a cabo por investigadores da Academia de Ciencias Médicas da China en Pequín (China) e publicado na revista The New England Journal of Medicine (NEJM).

Como explica a doutora Huaidong Du, directora do estudo, !a asociación entre o consumo de froita e o risco cardiovascular parece ser maior na Chinesa, onde a maioría da poboación come moi pouca froita, que nos países con maiores recursos económicos, nos que este consumo diario resulta moito máis común”.

Menor mortalidade cardiovascular

No estudo, os investigadores avaliaron ao longo de sete anos do estado de saúde de preto de medio millón de adultos de 10 áreas urbanas e rurais da China que non padecían ningunha enfermidade cardiovascular nin recibían tratamento antihipertensivo no momento da súa inclusión no estudo.

Concluído o período de seguimento, os resultados mostraron que o consumo diario de 100 gramos de froita conlevaba unha diminución de ata un 33% do risco de mortalidade por enfermidade cardiovascular tanto en mulleres como en varóns con independencia do seu lugar de residencia -urbana ou rural-. Ademais, este beneficio resultou independente doutros factores de risco cardiovascular, caso do tabaquismo e dos niveis de presión arterial e de glucosa en sangue.

Tal é así que, como conclúe o doutor Zhengming Chen, co-autor do estudo, “o incremento do consumo de froita fresca na China podería previr cada ano preto de medio millón de mortes por enfermidade cardiovascular, incluídas unhas 200.000 en persoas que aínda non cumpriron os 70 anos, e unha cifra moito maior de infartos e ictus non fatais”.

Un aspecto a ter en conta dado que, como conclúe o doutor Liming Li, co-autor da investigación, “un informe recente sobre a Carga Global das Enfermidades alerta de que o baixo consumo de froita é unha das principais causas de morte prematura no noso país”.

*Información extraída de Somos Pacientes e imaxe de Pixabay con licenza CC0.

Advertisements
0

Froita e verdura máis baratas, corazón máis san

Neveira chea de froitas e verduras.

Reducir o custo nun 10% dos alimentos saudables, tales como as froitas e as verduras, e, polo contrario, incrementar outro 10% o das comidas menos recomendables, como as bebidas azucradas, axudaría a previr un importante número de falecementos causados por infartos e ictus. De fecho, segundo os expertos, esta dobre medida parece que podería ser máis efectiva que calquera das campañas desenvolvidadas nos últimos 15 anos. Así o afirma un estudo que se acaba de presentar no congreso científico sobre Epidemioloxía e estilos de vida da Asociación Americana do Corazón.

Un grupo de científicos da Escola Friedman de Ciencias e Políticas da Nutrición na Universidade Tufts de Boston (EEUU) e a Facultade de Medicina de Harvard utilizaron modelos informáticos para predicir como varios cambios nos prezos poderían afectar nos hábitos alimenticios e, en consecuencia, na merma das enfermidades cardiovasculares.

Segundo os resultados, de aquí a 2030, a redución do custo dos alimentos máis saudables traduciríase nunha taxa de mortaldade por enfermidades cardiovasculares un 1% menor, o que significaría entre 64.000 e 69.000 mortes menos por estas causas. Cando o modelo predictivo ‘xogaba’ cunha caída de prezos do 20%, o número de falecementos descendía nun 2%, e se era do 30%, nun 2,6%, é dicir, entre 191.000 e 205.000.

Para comparar, apuntan os autores deste traballo, unha campaña que promocione o consumo de froitas e verduras nos medios de comunicación durante un ano é quen de reducir a taxa de mortalidade cardiovascular nun 0,1%, ou o que é o mesmo, entre 7.500 e 8.300 mortes. As estimacións indican que unha campaña destas características que se prolongue 15 anos podería diminuír o número de falecementos nun 0,3% (entre 22.800 e 24.800 mortes).

En definitiva, a campaña informativa sería un 35% menos eficaz que a redución dos prezos para a prevención da mortalidade por enfermidades cardiacas e accidentes cerebrovasculares.

Alimentos máis caros

Doutra banda, o aumento do prezo doutros alimentos que, pola contra, son menos saudables, por exemplo, as bebidas azucradas, tamén ten unha influencia moi positiva na saúde cardiovascular da poboación. Nun periodo de cinco anos, aumentar o custo deste tipo de produtos nun 10% supón un descenso das enfermidades do corazón e os ictus en case un 0,1%. Nun prazo de 20 anos, un 0,12%. Concretamente, os ataques ao corazón poderían diminuír nun 0,25% en ambos marcos temporais e os accidentes cerebrovasculares mermarían nun 0,17% en dúas décadas. Ademais, a diabetes tamén caería nun 0,2% en cinco anos e nun 0,7% en 20 anos.

En conxunto, o modelo informático demostra que para o ano 2035 sería posible previr 515.000 mortes por enfermidades carviovasculares e preto de 675.000 eventos tales como infartos e ictus nos Estados Unidos. “Un cambio na dieta pode ser un reto, pero se se logra a través da elección persoal ou de cambios no mercado, pode ter un efecto profundo na saúde cardiovascular”, sinala Thomas Gaziano, médico, profesor de Saúde Pública en Harvard (Boston) e un dos autores desta investigación.

Estas dúas medidas non só melloran a saúde do corazón, tamén modifican os hábitos alimenticios, o estilo de vida. Datos como estes avalan políticas dirixidas directamente aos prezos. “Os nosos achados apoian a necesidade de aplicar máis ou menos impostos aos alimentos en función do saudables que son”, sentencia outro dos expertos desta análise, Dariush Mozaffarian, médico e decano da Gerald J. Dorothy R. Friedman e a Escola de Nutrición e Ciencias Políticas na Universidade de Tufts.

Varios estados do país norteamericano tiveron en conta xa nas súas políticas estas conclusións, aplicando impostos especiais sobre as bebidas azucradas e eliminándoos da froita ou a verdura. “A mala alimentación contribúe de xeito importante na enfermidade cardiovascular, que é a principal causa de morte en EEUU. Polo tanto, os gobernos deben implementar políticas eficaces para facer fronte a esta carga cada vez maior”, recalca Jonathan Pearson-Stuttard, investigador principal e membro clínico e académico de Saúde Pública no Imperial College de Londres.

*Información e imaxe extraídas de El Mundo.

0

A crise económica constitúe un factor de risco cardiovascular

infarto

A crise supuxo un aumento da incidencia das doenzas cardiovasculares en Grecia e Islandia.

Información extraída de Somos Pacientes.

A crise económica debe ser considerada un factor de risco cardiovascular de primeiro nivel. Así o propuxeron os especialistas participantes no Congreso da Sociedade Española de Cardioloxía (SEC) celebrado en Valencia despois de que distintos estudos constaten un notable incremento da incidencia de enfermidades cardiovasculares nos períodos de recesión económica. Como puntualiza o doutor José Ramón González-Juanatey, presidente electo da SEC, “os resultados de distintos estudos levados a cabo en Grecia, Islandia e Arxentina demostraron que, en momentos de crise económica como a actual, a incidencia das enfermidades cardiovasculares aumenta considerablemente”.

Máis infartos e urxencias cardiacas

Concretamente, o estudo desenvolvido en Grecia mostrou un notable ascenso, de ata un 44%, da incidencia de infartos como consecuencia da crise. E é que mentres no período pre-crise (de xaneiro de 2003 a decembro de 2007) do estudo rexistráronse 1.046 infartos, no período de recesión (de xaneiro de 2008 a decembro de 2012) a cifra de infartos elevouse ata os 1.508.

Na mesma liña, un estudo islandés levado a cabo por investigadores do Hospital Nacional Universitario Landspitali en Reikiavik (Islandia) mostrou como o colapso económico acaecido no país en outubro de 2008 supuxo un aumento do 26% das urxencias cardiacas.

E a este respecto, como alerta o doutor González-Juanatey, “tendo en conta os efectos da crise en España, é de esperar que as situacións que relatan estas investigacións poidan tamén producirse no noso país”.

ECV e esperanza de vida

A atención da enfermidade cardiovascular constitúe un dos puntais de calquera sistema sanitario. Non en balde, e de acordo cos datos dun estudo levado a cabo por investigadores da Universidade Internacional de La Rioja recentemente publicado na Revista Española de Cardioloxía, ata 3,8 anos dos 6 anos totais aumentados nas últimas tres décadas na esperanza de vida dos españois débense á mellora na atención da enfermidade cardiovascular.

En consecuencia, explica o doutor González-Juanatey, “faise necesario levar a cabo iniciativas para impedir o deterioro na saúde cardiovascular de España e que a esperanza de vida da poboación siga aumentando ou, cando menos, se manteña”.

Uns obxectivos que, con todo, “constitúen unha tarefa difícil de conseguir debido aos recortes en programas sociosanitarios”, conclúe o presidente electo da SEC.

0

Dúas ‘pastillas’ de exercicio ao día

exercicio

Realizar unha actividade física protexe de desenvolver hipertensión
Correr, nadar ou camiñar pode reducir un 25% o risco de cancro de mama
Nalgunhas enfermidades, o exercicio é máis efectivo que as pastillas

Información extraída de El Mundo.

Moito se fala do deporte e do exercicio como xeito de establecer uns hábitos saudables. De feito, son numerosos os estudos que mostran os beneficios da actividade física sobre a saúde pero, ata que punto é así? Varios estudos publicados esta semana apuntan como realizar algún tipo de exercicio pode reducir algúns dos problemas de saúde máis frecuentes como a diabetes, o cancro de mama, a hipertensión ou os infartos. O seu efecto é igual ou superior ao dalgúns fármacos que se recetan para estes trastornos.

Accesible, barata e eficaz, o exercicio é unha das mellores ferramentas para previr e tratar certas enfermidades. Unha delas é a hipertensión, un trastorno que afecta a uns 78 millóns de adultos en EEUU e a uns 14 millóns en España, o que representa no noso país algo máis do 40% da poboación xeral adulta.

Unha análise de 13 estudos, publicada pola revista da Asociación Americana do Corazón, ‘Circulation’, valorou o seu efecto en máis de 136.000 persoas de Estados Unidos, Europa e Asia que foron avaliadas ao longo dun periodo mínimo de dous anos e máximo de 45. Segundo este traballo, canta máis actividade física se teña, máis protexido se está de desenvolver hipertensión.

Deste xeito, comprobouse que aquelas persoas que practicaban máis de catro horas á semana de exercicio no seu tempo libre tiñan unha redución do 19% no seu risco de ter hipertensión. “Este é un factor de risco cardiovascular e de enfermidade renal -polo que é importante previr e controlar a hipertensión”, afirma Wei Ma, experto en Saúde Pública da Universidade de Shandong, en Jinan, China. “Por este motivo, para intentar baixar a túa tensión arterial, deberías facer máis exercicio no teu tempo libre”.

Na mesma liña vai outra revisión de 12 meta-análise (un tipo de estudos científicos), publicada na revista ‘British Medical Journal’, na que se comparaban dúas estratexias, exercicio fronte a fármacos, na prevención dun segundo infarto de miocardio, para a rehabilitación tras un ictus, no tratamento dunha insuficiencia cardiaca e como prevención da diabetes.

Segundo este traballo, tanto na prevención da diabetes como na dun segundo infarto, a actividade física é tan eficaz como a medicación correspondente. Doutra banda, naquelas persoas que sufriran un ictus, ou accidente cerebrovascular, o exercicio é máis beneficioso que os fármacos. Só os diuréticos, administrados na insuficiencia cardiaca, superan en eficacia a algunha forma de ximnasia.

“O exercicio e os medicamentos non difiren en términos de beneficios sobre a mortalidade en ningunha das patoloxías avaliadas salvo na rehabilitación tras un ictus, onde as intervencións físicas son asociadas a unha redución dos riscos de mortalidade moito maiores que a detectada cos fármacos”, afirman os autores deste traballo.

A partir dos 40

Pero non quedan aí os beneficios. Porque correr, nadar, xogar ao tenis ou camiñar cada día axuda a previr a aparición de cancro de mama, segundo un terceiro estudo publicado na revista ‘Cancer Epidemiology, Biomarkers & Prevention’.

Tras analizar os datos dunhas 73.000 mulleres posmenopáusicas de 50 a 74 anos, os investigadores observaron que aquelas que realizaban polo menos unha hora diaria de exercicio intenso tiñan un risco un 25% menor de cancro de mama, comparadas con aquelas que só camiñaban dúas horas por semana. No entanto, se se camiñaba unha hora ou máis cada día tamén tiñan un risco un 14% menor deste tumor en comparación con aquelas que o facían só tres horas ou menos á semana.

“Os nosos resultados claramente apoian unha asociación entre actividade física e cancro de mama trala menopausia, ademais canto máis vigoroso é o exercicio maior é o efecto”, afirma Alpa Patel, epidemiólogo da Sociedade Americana do Cancro en Atlanta. No entanto, “comprobamos que aquelas mulleres que só camiñaban unha hora ao día, sen facer ningunha outra actividade, tamén tiñan un menor risco deste cancro”.