0

Guía de orientacións cara un envellecemento activo

envellecemento

A Asociación Navarra de Xubilados Progresistas editou en 2015 unha Guía de orientacións cara un envellecemento activo. Ao longo das súas 36 páxinas analiza as posibilidades de desenvolvemento dunha vellez autónoma, independente e saudable e aporta pautas a diferentes niveis: alimentación, memoria, prevención de accidentes, novas tecnoloxías…

A guía péchase cun resumo de recomendacións de utilidade, que son as seguintes:

  • Controle a súa alimentación. Intente que sexa sa e saudable.
  • É importante que manteña unha dieta variada. Non se deixe levar pola tendencia para comer demasiado ou comer pouco. Coma sempre que poida na compaña de alguén, é moito mellor.
  • Se ten sobrepeso ou obesidade, consulte ao seu médico e procure baixar uns quilos.
  • Se ten algún problema de saúde, preveña a aparición dos síntomas. O seu médico daralle pautas sinxelas. Non pense que eses problemas son inevitables á súa idade: pódense evitar.
  • Afágase a algunha actividade física, aínda que sexa o paseo.
  • Goce das pequenas cousas da vida. Un simple amencer pode ser moi satisfactorio.
  • Intégrese ou siga pertencendo activamente a asociacións ou agrupacións.
  • Procure interesarse máis pola información relativa á súa vila, comunidade autónoma, país ou ao estranxeiro.
  • Recorde que unha persoa sen información é unha persoa sen opinión.
  • Siga lendo ou escribindo se o facía con regularidade. En caso contrario, agora é bo momento para iso. Ten todo o tempo que desexe.
  • Xogue cos demais e non só. Anímese a manter e aprender novas actividades lúdicas e recreativas.
  • Fomente, agora que pode, as súas anteriores inquedanzas culturais e artísticas. Se non, agora é o momento de aprender: pintura, debuxo, cerámica, música…
  • Saia de vacacións. Poderá consultar as ofertas dispoñibles nos enderezos e números de teléfono que lle aparecen reflectidos na guía.
  • Expansiónese. Non afogue nun vaso de auga. Saia a facer cousas diferentes.
  • Reúnase sempre que poida coas súas amizades, familia e/ou veciños.
  • Participe na vida familiar. As relacións cos seus fillos, parella, etc., poden cambiar cos anos, pero seguro que poden ser moi satisfactorias.
  • Saia da casa, non se ille no seu domicilio. Calquera escusa é boa para saír á rúa, non o esqueza, e saia, verá xente…
  • Cando lle falen procure escoitar ademais de oír. Notará que a súa memoria aumenta.
  • Desenvolva a súa imaxinación: faga crucigramas, lea, pregúntese polas razóns das cousas que ve na televisión, vexa documentais e reportaxes, comente as noticias con alguén…
  • Se ten algún déficit sensorial, corríxao: as lentes, audífonos, bastón, etc.; poden ser de gran axuda.
  • Defenda os seus dereitos como cidadán. Son os mesmos que a calquera idade.
  • Goce do lecer e do tempo libre. Atope actividades agradables que lle produzan satisfacción.
  • Déixese aconsellar polos profesionais dos Centros para maiores, Centros de saúde, servizos sociais de base…
  • Se non pode resolver os seus problemas vostede só, déixese axudar, diríxase aos seus familiares e amigos, e se, malia todo, non atopa a solución que desexa, acuda ao profesional oportuno.
  • Trala xubilación busque novos intereses, actividades, afeccións… para realizar e ocupar o tempo libre de xeito satisfactorio.
  • Vostede pode ofrecer unha axuda inestimable a outras persoas a través das asociacións de voluntarios, fogares… apoiando a aqueles que están máis necesitados.
  • Teña coidado cos accidentes, caídas, etc. Tanto na rúa como no seu domicilio. Reduza os riscos: lume, electricidade, chans húmidos…
  • Evite hábitos prexudiciais para a súa saúde como fumar e beber alcohol. Se lle custa prescindir deles, redúzaos ao máximo. Deixalo en compañía de alguén próximo pode ser moito máis fácil.
  • Preste atención á súa hixiene e autocoidado persoal, sentirase moito mellor.
  • Se está nervioso procure relaxarse. Pense en que situacións se pon especialmente nervioso e procure evitalas…
  • Se ten que facer fronte a esa situación aprenda a relaxarse. Existen diferentes actividades de relaxación, ioga, etc. A práctica de exercicio físico tamén é moi útil. O mantemento de relacións satisfactorias inflúe moi positivamente.
  • Non se automedique, pode ter consecuencias moi negativas. Os medicamentos deben tomarse con coidado e sempre baixo prescripción médica.
  • Coide a súa memoria. A actividade mental é tan importante como a actividade física.
  • Procure sentirse ben consigo mesmo.
  • Manteña a ilusión e estimule a autoestima.
  • Se vostede é dos que cre que hai moitas cousas que cambiar e mellorar na sociedade, non se limite a queixarse e busque formas e xeitos de influír na súa contorna e modificala para mellorala.
  • Todos podemos cambiar pequenas cousas que, sumándoas, supoñen grandes cambios e melloras.
  • As relacións sexuais son moi importantes e satisfactorias. Inflúen moi positivamente na saúde física e mental.
  • Aínda que a forma de relacionarse cambie, cultive esas relacións e sentirase mellor.
  • Mire ao futuro, viva o presente e recorde o pasado, nesta orde. Adiántese ao futuro, vostede pode construílo.
  • Outros déixanse levar polo pasado, non permita que iso lle ocorra a vostede.
  • Conte a súa historia, os seus recordos… aos demais. Poden ser de proveito para moitas persoas.
  • Probe a facer cousas novas. Talvez non lle aporten moito, pero talvez si. Irá descubrindo novos intereses e actividades.
  • Atrévase a ser diferente. Pódense facer cousas diferentes sen que pase nada malo. O “que dirán” ou vivir a súa vida: vostede elixe.
  • Procure controlar os seus pensamentos, non se deixe levar por pensamentos negativos.
  • Mírese a si mesmo, en lugar de compararse cos demais.
  • Fale e pense en positivo. Procure buscar o lado positivo das persoas e das cousas.
  • Ríase ata de si mesmo. O sentido do humor fai que un vexa as cousas con máis optimismo. A risa produce endorfinas, unhas hormonas que nos fan sentir ben e palian a dor.
  • Sexa flexible. As cousas non son brancas ou negras case nunca. Entre ambos está toda a gama de grises.
  • Cada un ve as cousas ao seu xeito, e case todas son válidas.
  • Esqueza os seus complexos. Déixeos de lado, xa non merece a pena sentirse mal por esas cousas.
  • Sexa obxectivo consigo mesmo. Non se autocritique en exceso.
  • Durma o suficiente e descanse adecuadamente.
  • Non teña medo a aprender o uso das novas tecnoloxías. Recorde que Internet é a fiestra ao mundo.

O documento completo pode descargarse aquí: Guía de orientaciones hacia un envejecimiento activo

0

Un sistema axuda ás persoas con ictus a recuperar a autonomía

Uso do proxeto CogWatch.

Uso do proxeto CogWatch.

Asiste en tarefas secuenciais cotiás como preparar té.

Un consorcio europeo, no que participa a Universidade Politécnica de Madrid, deseñou un sistema de apoio para persoas con problemas de mobilidade debidos a un ictus, que axuda a realizar tarefas cotiás como preparar unha cunca de té, á vez que mantén a autonomía do paciente.

Os ictus, ou accidentes cerebrovasculares, son unha das principais causas de mortalidade. Aproximadamente un terzo dos oito millóns de persoas na UE que sobreviviron a un ictus presenta algún grado de discapacidade física ou cognitiva que afecta á súa capacidade de planificar e levar a cabo accións.

Aínda que xa existen moitos sistemas TIC de rehabilitación centrados no tratamento dos síntomas físicos desta afección, como a hemiparesia, hai poucos dedicados á recuperación de discapacidades de natureza cognitiva. O proxecto CogWatch, financiado con fondos europeos, desenvolveu un sistema de rehabilitación cuxo cometido é axudar a mellorar as funcións cognitivas de quen sobreviviron a un accidente cerebrovascular.

Os pacientes que sufriron un ictus poden presentar problemas para realizar secuencias ordenadas de movementos, por exemplo os necesarios para cepillar os dentes ou para preparar unha cunca de té. Estes adoitan ser síntomas de apraxia ou síndrome de desorganización das accións (AADS).

O déficit increméntase cando a tarefa inclúe máis dunha secuencia de movementos con accións complexas e o uso de obxectos na realización da mesma. Isto pode orixinar efectos significativos na recuperación despois do accidente cerebrovascular e dificultar moito que os pacientes volvan levar unha vida independente nos seus propios fogares.

O proxecto CogWatch emprega ferramentas e obxectos intelixentes, dispositivos portátiles e acoplables á vestimenta, así como sistemas ambientais, para proporcionar axuda domiciliaria a pacientes con síntomas de AADS.

“Todos damos por sentado poder realizar estas actividades da vida cotiá”, di o profesor Alan Wing, coordinador do proxecto e docente na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Birmingham (Reino Unido), na información de Cordis. “Con todo, moitas destas tarefas aparentemente simples son realmente complexas e implican un gran número de pequenos pasos que deben realizarse na secuencia correcta”.

Unha cunca de té

Os científicos do proxecto personalizaron un prototipo que axuda a pacientes que sufriron un ictus a realizar unha tarefa cotiá secuencial e complexa como é preparar unha cunca de té. O sistema consta de dúas tabletas, para o paciente e o seu médico, e duns sensores que, axustados á parte inferior de obxectos como a cunca, o xerro de leite e o fervedor, rastrexan os seus movementos mentres unha cámara de vídeo grava todo o proceso desde arriba. Na súa tableta, o paciente pode elixir unha acción, por exemplo preparar unha cunca de té con leite e azucre.

Entón actívase un sistema de recoñecemento de accións: este recibe a información dos sensores e compáraa co modelo de tarefas correspondentes aos pasos necesarios para a preparación dunha cunca de té con leite e azucre. Se o paciente comete un erro na súa tarefa, o sistema solicita a acción correcta utilizando algunha combinación de vídeo, audio, texto ou vibración para indicar o paso correcto.

Segundo o profesor Wing, “para o paciente é coma se tivese a alguén detrás dicíndolle o que debe facer pero que lle deixa actuar por si mesmo se quere ser autónomo”.

Resultados

Para probar o sistema, os investigadores realizaron un estudo aleatorizado con trinta pacientes. En comparación co grupo de control, os participantes que aprenderon a utilizar o sistema mostraron melloras estatisticamente significativas na preparación de té, posto que cometeron un 54% menos de erros e reduciron o tempo necesario nun 20%.

Separadamente de axudar aos pacientes que sufriron un ictus a recuperar a súa autonomía, o sistema podería permitir tamén aos terapeutas ocupacionais traballar con máis pacientes ou desenvolver en maior medida as súas capacidades. O sistema xa proporciona información útil sobre o desempeño do paciente nas tarefas ao longo do tempo.

A máis longo prazo, o proxecto podería reducir os tempos de estancia hospitalaria dos pacientes e, xa que logo, reducir o risco de que contraian unha infección, permitindo que volvan á súa contorna familiar á vez que deixan camas libres.

O proxecto estivo en marcha desde o 1 de novembro de 2011 ata o 28 de febreiro de 2015 e recibiu un financiamento de 3,7 millóns de euros da UE. No consorcio participan, entre outros, a Universidade Politécnica de Madrid.

“A longo prazo, quixésemos ofrecer sistemas que sexan o suficientemente asequibles para o seu uso doméstico, de maneira que, por exemplo, todos os hospitais puidesen prestarllos aos seus pacientes”, conclúe o profesor Wing.

*Información extraída de Tendencias21 e imaxe da web de CogWatch.